- “É clave que se instaure unha renda básica universal a nivel europeo para combater a pobreza”, afirma en Vigo, durante o acto de peche da campaña electoral europea“
- A UE ten que construír a paz e blindar uns servizos públicos básicos que garantan a vida digna das persoas, non investir na industria armamentística e no exército”, concluiu coincidindo co Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme
-
Vigo, 24 de maio de 2019. A eurodeputada Lídia Senra, candidata de En Marea:Compromiso por Europa ás eleccións europeas do 26 de maio, pechou este venres pola noite a campaña electoral das europeas en Vigo, nun acto arroupada polo economista Xabier Pérez Davila e a concelleira de Vigo Marga López Barreiro, no que tamén interviron os membros da súa lista electoral europea Xoán Hermida e Sandra Pesqueira.
No acto que tivo lugar ás oito da noite na Oficina Municipal de Distritos Casco Vello, Senra pediu o voto para seguir defendendo outros cinco anos nas institucións europeas os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade. Tamén situou como priridade para o mandato que ven loitar para que os prezos agrícolas remuneren o traballo labrego, dar a batalla por unhas pensións públicas e dignas e facer todo o posible para conseguir que se implante unha renda básica universal a nivel europeo que garanta que ningunha persoa viva na pobreza. “É hora de repartir a riqueza, de que as grandes empresas paguen os impostos que deben”, dixo.
Coincidindo co Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme, que se celebra todos os 24 de maio, Lídia Senra puxo a énfase en que a UE ten que estar para construír a paz. Por iso, ve inadmisible que nos orzamentos europeos se priorice o gasto armamentístico e a construción dun exército europeo, fronte a medidas para blindar uns servizos públicos básicos que garantan unha vida digna para todas as persoas.
Continuar coa defensa da pesca artesanal e para que se aplique a resolución que se aprobou no Parlamento Europeo neste mandato, a iniciativa dela, que inclúe que a pesca artesanal accidental debe quedar fóra de TACs e cotas, será outro dos puntos fortes do seu traballo nos próximos 5 anos, así como pelexar para que se retire a proposta de regulamento de control da pesca.
Unha reforma da PAC centrada na transición cara ao modelo agroecolóxico, en colocar os prezos no centro do debate das políticas agrarias e na redistribución das axudas será tamén cabalo de batalla. Así, propón unha axuda á renda de 8.500 euros por persoa activa en calquera sector de produción; e outra axuda en base á produción, para poder manter un rural vivo.
Avalada polo traballo destes 5 anos, nos que levou a máis 500 persoas de colectivos organizados na Galiza para que defenderan directamente no Parlamento Europeo as loitas que están desenvolvendo aquí; máis de 300 preguntas escritas á Comisión Europea e ao Consello Europeo; e máis de 1.000 intervencións no pleno da Eurocámara, Senra agarda poder seguir mantendo a partir das eleccións europeas deste domingo, #AnosaVozEnEuropa. Neste sentido, avisa a toda a poboación de que as papeletas da súa candidatura non foron enviadas por correo postal ás casas e fai un chamamento a que todas as persoas collan o domingo nos colexios electorais galegos a papeleta das eleccións europeas de En Marea:Compromiso Por Europa (CPE), na que ela figura como número 1 da lista, e a depositen nas urnas.