- O Parlamento Europeo aprobou hoxe unha resolución criticando a falta de compromiso da CE no desenvolvemento de políticas de igualdade
- AGEe esixe que se realice unha revisión das actuais políticas de igualdade europeas a fin de detectar os motivos da falta de avances
Estrasburgo, 03 Febreiro 2016. Na tarde de onte o Parlamento Europeo debateu en sesión plenaria unha pregunta oral relativa á falta de responsabilidade da Comisión Europea ao non estar desenvolvendo o Compromiso estratéxico para a igualdade de xénero 2016-2019. Dito texto, lonxe de respostar á Resolución do PE (9 de xuño 2015) que facía fincapé na necesidade de que a Comisión Europea (CE) establecera unha nova estratexia que dera continuidade á finalizada no 2015, é identificado na pregunta oral debatida hoxe como “un mero documento de traballo dos servizos da Comisión (…) nin a Comisión o adoptou nin ter valor interinstitucional algún”.
Diante deste desleixo en materia de igualdade por parte da CE, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, co-asinante da resolución conxunta aprobada durante as votacións desta mañá en relación á denuncia feita pola citada pregunta oral, reivindicou hoxe en Estrasburgo que unha política “seria e coherente” en materia de igualdade non pode demorarse máis. “Mentras estamos permanentemente falando –recriminou-, non só non estamos revisando para nada o sesgo machista[1] co que se están aplicando as políticas actualmente, se non que nin se quera se están a desenvolver os propias estratexias acordadas”.
Segundo a enquisa realizada pola Axencia Europea para os Dereitos Fundamentais no ano 2014 sobre violencia machista na UE[2], un 33% das mulleres consultadas sufriron violencia sexual e física, o 18 % do total das mulleres da UE teñen sido obxecto de acoso a partir dos 15 anos de idade, 21 millóns indicaron ter sufrido agresións ou “incidentes” sexuais por parte dun adulto antes de cumprir os 15 anos. Trátase dunha situación gravísima, que se manifesta no día a día en que máis da metade de todas as mulleres que viven na UE teñen medo, e modifican os seus propios hábitos para evitar certos lugares ou situacións, por temor a ser vítimas de agresións físicas ou sexuais.
Fronte a esta situación, “o desleixo da Comisión Europea resulta non só indignante, senón mesmo alarmante”, denunciou a eurodeputada galega, “instamos á urxencia, isto non pode esperar”. “Demandamos un compromiso real de examinar xa as políticas existentes agora mesmo, tanto a nivel de igualdade como de prevención da violencia”, apremiou, “Que é o que está pasando para que nestes momentos esteamos en retroceso en materia de dereitos?”.
Asemade, Senra sinalou tamén claves da desigualdade económica entre homes e mulleres, e lembrou que “fai apenas uns meses[3] denunciamos xa no PE que a diferenza salarial entre mulleres e homes na UE é do 16,4 %; ademais doutras claves como que as mulleres representan so o 17,8 % dos consellos de administración das grandes empresas e empregan nas tarefas domésticas máis do triple de tempo que os homes. A que está agardando a Comisión?”.
A deputada de AGEe concluíu esixindo no Pleno do Parlamento Europeo “un compromiso inmediato de analizar de xeito urxente que é o que esta a pasar cas políticas de igualdade e prevención da violencia para que non esteamos vendo avances”.
[1]Este aspecto foi analizado no Parlamento Europeo a través da xornada “O sesgo machista nas políticas públicas”, organizado por AGEe o pasado mes de novembro.
[2]Resumo amplo das conclusións da enquisa: http://fra.europa.eu/sites/default/files/fra-2014-vaw-survey-at-a-glance_es_0.pdf
[3] Durante o debate sobre Aplicación do Principio de Igualdade de Oportunidades e Trato entre Homes e Mulleres (Directiva 2006/54/CE), [NdP081015AGEe] Austeridade e violencia machista, exemplo do desleixo da UE e dos Estados en materia de igualdade.