- A eurodeputada tacha de “irresponsables” ao Goberno galego, estatal e europeo ante a desaparición das pequenas e medianas explotacións
- Traballará con Antón Sánchez e con Fernán Vello para buscar solucións conxuntas en Bruxelas, Galiza e Madrid fronte á ruína do sector
Santiago, 30 xaneiro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquera Verde Nórdica (GUE/NGL), ofreceu esta mañá unha roda prensa en Santiago de Compostela, acompañada polo vicevoceiro de AGE no Parlamento galego, Antón Sánchez García, e polo deputado de En Marea por Lugo no Congreso español, Miguel Anxo Fernán Vello, para anunciar as medidas que tomarán nas tres respectivas institucións ante a “situación de ruína” na que se atopa o sector lácteo galego, e máxime despois da decisión tomada por Leche Celta de que a partir do 1 de febreiro deixará de recoller o leite de 50 granxas da provincia de Lugo. “O sector lácteo precisa solucións conxuntas en Bruxelas, Madrid e Galiza”, defenderon os tres.
“Temos que estar coordinados para poder facer un traballo eficaz”, dixo Lídia Senra, que durante a súa intervención ante os medios de comunicación explicou que a problemática dos sectores produtivos galegos está, e moito, vinculada coas políticas europeas.
“A decisión de Leche Celta pode acabar levando ao peche a estas 50 explotacións afectadas se non hai unha solución que pase por recoller o leite a un prezo decente”, asegurou a eurodeputada, para poñer a énfase en que esta situación súmase á crise de prezos que se ven dando desde o ano pasado. “O prezo medio de venda de litro de leite en novembro do 2015 en Galiza foi de 28,70 céntimos. Unha situación moi crítica que agora se agrava aínda máis coa decisión de Leche Celta. A orixe de todo isto nós xa a vimos denunciando desde hai tempo e é a liberalización do sector lácteo”, afirmou.
Ante esta situación, Lídía Senra apostou pola necesidade de crear todo un “movemento pola regulación da produción láctea e pola regulación dos mercados”, algo que as organizacións do sector están pedindo a nivel europeo, tanto a Vía Campesina, na que está integrada o Sindicato Labrego Galego (SLG), como a Asociación Europea de Produtores Lácteos. “É irresponsable politicamente someter a un sector ao que poida pasar nuns mercados que non se controlan”, advertiu Senra. “Unha política europea que decide liberalizar e abandonar a política pública no sector lácteo e plantexa como medida o paquete lácteo sen ningún tipo de regulación da produción leva a unha situación de vulnerabilidade total dos produtores. Vendéronnos que a liberalización do sector ía ser moi boa e todas as expectativas non foron reais”, insistiu.
A eurodeputada de AGEe enmarcou esta situación tanto na baixada das exportacións como na redución do consumo dos lácteos dos últimos anos mentres se rexistrou un aumento da produción “enorme”. De xaneiro a novembro do 2015 a produción de leite aumentou 3 millóns de toneladas na UE. “Así, chegamos a unha situación na que non hai a quen venderlle o leite e é unha gravísima irresponsabilidade que a estas alturas, cunha crise equivalente á que houbo na Unión Europea en 1984, as institucións non reaccionen”, asegurou. “A Comisión Europea e o Consello Europeo tiñan que estar xa reaccionando e poñéndolle freo a isto. Que o paquete lácteo fracasou é unha evidencia, e fronte a esta situación, o único que se lles ocorre é convocar un grupo de expertos, pragado de técnicos dos gobernos, que despois de toda a crise que levamos, aínda se van reunir por primeira vez no próximo marzo e as conclusións non sairán até o vindeiro outubro. As explotacións leiteiras, pequenas e medianas non poden agardar máis. Cómpre unha resposta urxente”, explicou Lídia Senra.
A eurodeputada deu conta de que desde AGEe xa se rexistrou unha pregunta con carácter urxente para a Comisión Europea na que se lle insta a que tomen medidas e se lles pregunta que van facer para garantir que se recolla todo o leite a un prezo digno. Tamén se solicitou xa unha reunión co Comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Phil Hogan, “porque fan falta medidas urxentes e inmediatas”. “Calquera medida que nos poñan enriba da mesa que non pase por volver a unha política láctea pública non valerá. Non podemos seguir na UE producindo excedentes que teñen un custe social, económico e ambiental brutal. O modelo ten que cambiar radicalmente e non seguir baseándose nas importacións e exportacións”, dixo.
Como exemplo de cara a onde se está camiñando coas actuais políticas neoliberais, que levan a modelos de gran concentración de explotacións, Lídia Senra falou da intención de abrir unha explotación de 15.000 vacas en Soria. “É unha empresa disfrazada de cooperativa que pode ter como obxectivo a captación de axudas da PAC coas 3.000 hectáreas de terreo coas que se queren facer. Iso é destrutor, porque establecer 15.000 vacas nunha empresa van arruinar polo menos a 500 explotacións actuais que están dando vida a máis de 500 familias fronte aos 130 empregos directos que din que van crear nesta granxa en Soria. Este modelo, nun futuro non moi lonxano, levaranos a que das 9.300 explotacións lácteas que hai a día de hoxe en Galiza, quedarán unhas mil e isto supón a ruína do país”.
Ante esta situación alarmante, Senra cualificou de “irresponsable” ao Goberno da Xunta, por non estar “poñéndose á cabeza da mobilización para defender con uñas e dentes o sector”, e tamén cualificou de “irresponsable” que a ministra, aínda que sexa en funcións, “siga no limbo e que na UE non se lles ocorra facer nada máis que reunir ao grupo de expertos”. Por iso, a eurodeputada fixo un chamamento “á mobilización da sociedade galega. “Alberto Núñez Feijóo, se realmente quixera manter o sector lácteo galego tería que poñerse a traballar para frear o actual modelo de destrución das pequenas e medianas explotacións leiteiras”.
Pola súa banda, o deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, amosou a súa “preocupación intensa pola alarma” que se está a dar no sector lácteo, agora intensificada polo feito de que 50 granxas da Terra Cha, Guitiriz, Vilalba e Xermade, que supoñen 26.000 litros de leite, van ficar sen recollida a partir do 1 de febreiro.
Fernán Vello tachou a situación de “desfeita e atentado directo ao sector lácteo en Galiza” e aportou algunhas cifras para exemplificar. segundo datos do Fondo español de Garantía Agraria, no 2015 pecharon en Galiza 500 granxas de leite. “É unha situación moi grave para un sector fundamental na economía galega como é o lácteo, que achegaba no 2015 o 56% dos productores ao conxunto do Estado, un 40% das vacas leiteiras, e máis de 40.000 traballos directos e 10.000 indirectos”, dixo. “Ante isto, desde En Marea prendemos todas as alarmas, porque non podemos permitilo e por iso levaremos a cabo iniciativas directas e eficaces e traballaremos en conxunto e por iso hoxe estamos aquí os tres deputados, para traballar con certa transversalidade, en rede, desde o Parlamento Europeo, Español e galego”, enfatizou. “Debemos facer que o Congreso dos Deputados non sexa só unha caixa de resonancia, senón que se implique nun caso tan grave”, concluiu.
Na mesma liña, o vicevoceiro de AGE no Parlamento galego, Antón Sánchez García, afirmou que o feito de que a partir do 1 de febreiro poida haber 50 explotacións que vaian quedar sen posibilidade de que se lles recolla o leite é xa “a pinga que reborda o vaso”. “Se xa os datos económicos de toda a era Feijóo son dramáticos, a gran reconversión silenciosa que se está a dar no lácteo é a máis dramática e importante da de todos os sectores primarios”. “Que no 2015 pecharan 500 granxas en Galiza debería ser obxecto de debate todos os días” e non o está a ser nas institucións.
“O goberno galego debera estar plantexando cambios urxentes nas súas políticas, xa que o rural galego está a sofrer unha sangría demográfica das máis altas de Europa. Queremos que se analicen as causas da reconversión silenciosa que se está a dar no lácteo. Esta condena da xente a non ter de que vivir na súa explotación é un modelo que nos queren impoñer e que camiña a que en Galiza desaparezan as explotacións e que produzamos leite líquido barato e outros o transformen”, dixo o deputado galego. Así mesmo, denunciou que ante esta situación, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, teña “o meso peso no Estado que Estremadura”. “A Xunta do Partido Popular apoiou un modelo de produción no Estado español que nos perxudica, de produción de leite líquida para exportar. Nin delegación do Goberno chega a ser este goberno do señor Feijóo, que está non só esgotado, senón desaparecido neste caso”, sinalou.
Antón Sánchez García esixiulle a Feijóo que “tome cartas no asunto xa e se non é quen de darlle solución ao sector o mellor é que se vaia para a casa e convoque eleccións. Nós defendemos un modelo respectuoso coa terra e que xere emprego. O PP está máis preocupado de tapar escándalos de corrupción que de isto”, conclui. “A solución é cambiar o modelo e ter vontade”.