-
A deputada inaugurou na Facultade de Filosofía da USC a xornada ‘Finanzas, enerxía, terra, coidados, datos: Privados? Sociais? A Economía no século XXI’
-
A europarlamentaria ve prioritario facerlle fronte ao actual modelo para ter unha sociedade máis xusta, igualitaria e que protexa o medio ambiente
Santiago, 30 de marzo de 2019. “É necesario desenmascarar o discurso do neoliberalismo. As alternativas económicas ao capitalismo son posibles e con elas podemos lograr unha sociedade máis xusta, igualitaria e que faga fronte ao cambio climático como prioridade”. Así o defendeu a eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás próximas eleccións europeas, durante a inauguración das xornadas ‘Finanzas, enerxía, terra, coidados, datos: Privados? Sociais? A Economía no século XXI’, que se están a desenvolver na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A parlamentaria europea considera que é fundamental debater sobre a necesidade de que os sectores da economía claves estean en mans públicas, en contraposición coa actual tendencia de privatización e control das grandes multinacionais.
Neste sentido, Senra chama en colocarse en fronte de aqueles e aquelas que pretenden facerlle crer á sociedade que non hai saída, que a única política económica posible é a que emana do neoliberalismo e que todo se ten que seguir desregulando para que o mercado non teña ningún tipo de cortapisas no avance dos seus intereses. Así, asegura negarse a crer que esta situación que impera actualmente, de concentración da riqueza cada vez en menos mans, de fracaso social e de crise climática é o modelo axeitado. “Cremos firmemente que hai que cambiar o modelo, que son posibles outras alternativas e políticas. E ademais, é fundamental abordar este debate, e divulgalo e traballar nesta liña, porque nos negamos a facerlle o xogo aos que nos queren facer crer que só existe a verdade que divulga o capitalismo, igual que nos negamos a admitir as prácticas que con total falta de escrúpulos están poñendo os intereses do capital por riba dos dereitos das persoas en calquera ámbito da vida, na sanidade, no ensino, no acceso á alimentación, á enerxía, etc”, dixo a eurodeputada.
Lídia Senra tamén aproveitou para defender que de ningunha maneira o actual modelo económico é compatible coa loita contra o cambio climático. “Pretenden desde o neoliberalismo dicir que si, que é posible loitar así, pero nós sostemos que é imposible, que hai que cambiar. Négome a darlle aval a este tipo de cuestións”, zanxou.
As xornadas, organizadas en colaboración co economista e membro do Consello das Mareas Xabier Pérez Davila, están a desenvolverse con varios coloquios, que se prolongarán até as sete da tarde, e nos que participan relatores e relatoras chegados de diferentes países, como Margarita Mediavilla Pascual, profesora da Escola de Enxeñarías Industriais e membro do Grupo de Enerxía, Economía e Dinámica de Sistemas da Universidade de Valladolid, e Xoán Doldán, decano da Facultade de Económicas da USC, que abordaron a cuestión de se é posible unha transición enerxética a un sistema descentralizado baseado en enerxías renovables. Mediavilla alertou de que o capitalismo resístese a decrecer, desatendendo o límite da capacidade de carga do planeta, apostando pola sobreexeplotación e degradando o medio, o que nos está conducindo cara ao colapso. Fronte a iso, defendeu que a agroecoloxía, a bioconstrución, o urbanismo intelixente e a economía equilibrada é a saída, que nos podería conducir á sustentabilidade.
Centrado en ‘Propiedade da terra e soberanía alimentaria’, esta mañá tivo tamén lugar un coloquio con Xoán Carlos Carreira Pérez, doutor e enxeñeiro agrónomo, profesor da USC retirado; e Marina dos Santos, membro da Dirección Nacional do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST), conducido pola secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba. Vilalba denunciou que a planificación territorial galega non responde ás necesidades da nosa terra e apuntou o dato de que nos últimos anos, perdéronse 136.000 hectáreas da superficie agraria das granxas lácteas, co avance do eucalipto e da minería, que impulsan unha economía para catro, non para os intereses da sociedade xeral.
Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, terá lugar o coloquio ‘Finanzas: Privadas ou Públicas’, con Ricardo G. Zaldívar, doutor en Economía e ex-coordenador de ATTAC no Estado español. Adrián Dios, doutor en Economía, investigador na USC e membro da Coordenadora de En Marea, será o encargado de moderar este debate.
E para rematar o día, a partir das 17.3O horas, desenvolverase o coloquio sobre ‘Economía de coidados: Conceptos e debates’, coa participación de Mertxe Larrañaga Sarriegui, doutora en Economía Aplicada na Universidade do País Vasco, especialista en perspectiva económica feminista, que será presentada pola deputada de En Marea no Parlamento Galego, Paula Vázquez Verao.
As xornadas terán unha segunda parte, que se desenvolverá o sábado da próxima semana, 6 de abril, novamente na Facultade de Filosofía da USC, en horario de 10.00 a 13.00. Será para ter primeiramente un coloquio, de 10:00 a 11:15 horas, sobre ‘Os nosos datos, son propiedade común?’, no que intervirá Ekaitz Cancela Rodríguez, xornalista e autor do libro ‘Despertar do soño tecnolóxico’. A propia Lídia Senra conducirá este coloquio. E xa de 11.30 a 13.00, desenvolverase a mesa ‘Romper co consenso, planificación para unha economía socialista’, con William Paul Cockshott, profesor de Computing Science na Univesidade de Glasgow. Neste coloquio será o propio Xabier Pérez Davila o encargado de moderar e presentar.
*Nos próximos días teremos a disposición vídeos completos dos diferentes coloquios das xornadas