- Votou en contra dun informe sobre a Directiva da Auga por non garantir o acceso universal e distorsionar a inciativa cidadá Right2Water
- Reitera a importancia de protexer este ben común da privatización e da contaminación e apela á responsabilidade institucional a tódolos niveis
Bruxelas, 22 de Xaneiro de 2019. Reunido en sesión plenaria en Estrasburgo, o Parlamento Europeo vén de aprobar un informe sobre a proposta de Directiva do Parlamento Europeo e do Consello relativa á calidade das aguas destinadas ao consumo humano. A eurodeputada galega Lídia Senra, coordinadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), votou en contra deste informe e interveu na Eurocámara para reivindicar unha vez máis o acceso á auga como “un dereito humano que hai que protexer da privatización e da contaminación; da forestación inadecuada, como a realizada a base de eucaliptos, e das grandes infraestruturas”.
O informe aprobado hoxe xurdiu motivado orixinariamente pola iniciativa cidadá europea Right2Water. Sen embargo, o filtro institucional europeo aplicado ás demandas cidadás recollidas nesta iniciativa deron lugar a un texto intolerábelmente feble “que non só non garante o acceso á auga para tódalas persoas, senón que tampouco establece uns parámetros para a auga potábel que resposten á preocupación que existe a día de hoxe con respecto á acumulación de substancia negativas para a saúde humana”, alerta Senra.
Este é o caso dos denominados disruptores endocrinos, substancias que modifican os comportamentos hormonais e que poden derivar nun mal desenvolvemento fetal, deficiencias cognitivas, malformacións conxénitas ou cancros como o de mama, próstata ou tiroides. Esta situación ten sido denunciada, entre outras, pola plataforma italiana Mamme No PFAS, que agrupa a persoas afectadas pola contaminación das augas con sustancias perfluoroalquílicas (PFAS) na rexión de Veneto, e que a finais do ano pasado mantiveron unha xuntanza cas deputadas/dos do GUE/NGL para achegar a súa experiencia.
“Disruptores endocrinos como as sustancias perfluoroalquiladas, máis coñecidas como PFAS, foron detectados xa na auga potábel da metade do territorio europeo. Sen embargo, durante a votación desta Directiva a finais do ano pasado, as emendas que facían alusión aos límites a establecer nos PFAS non foron aprobadas”, lembra a eurodeputada galega.
Lídia Senra chamou tamén a atención sobre a necesidade de ter unha visión holística do ciclo da auga, habida conta de que en moitos casos as substancias tóxicas presentes na mesma están a evidenciar un problema medioambiental precedente, non abordado polas Administracións correspondentes, e aí a Unión Europea non pode eludir a súa responsabilidade co manido argumento de carecer de medios ou de capacidade inspectora. “Na Galiza diversos colectivos veñen denunciando e reclamando actuacións urxentes para pór fin á contaminación das rías, ríos e acuíferos en xeral. Moitas destas situacións de contaminación están vinculadas ao modelo de desenvolvemento económico capitalista, como por exemplo as minas de San Fins e de Touro, as obras do tren de alta velocidade en Laza, macrovertedoiros como SOGAMA ou a agricultura industrial, como as granxas de porcos e polos de COREN na Limia”.
Outros moitos exemplos evidencian, ademais, que as cousas só se poden facer así de mal se existe conivencia política, como é o caso das “depuradoras insuficientes ou ineficaces que verten directamente no mar ou nos ríos, como por exemplo o Sar; os lodos de depuradora que se deitan nas terras; o glifosato; os pesticidas ou os proxectos ao abeiro da chamada economía circular que enchen ou pretenden encher de residuos os ocos que deixan as canteiras, como Miramontes e Casalonga. Grande parte de todo isto está potenciado e financiado pola Unión Europea. Sen embargo a UE non só non está a mudar a súa orientación, senón que cando lle achegamos as denuncias medioambientais incluso tentan escudarse en que non teñen medios abondo. As institucións europeas teñen o deber de dotarse dos medios necesarios para evitar os incumprimentos sistemáticos por parte das autoridades competentes en cada Estado”.