- A sesión plenaria da Asamblea Paritaria entre a Unión Europea e os países de África, Caribe e Pacífico ten lugar do 18 a 20 de marzo en Rumanía
- Senra representa ao GUE/NGL e alerta da importancia de frear as políticas que afondan nas relacións neocoloniais e no eurocentrismo
Bruxelas, 18 de Marzo de 2019. En representación do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), a eurodeputada galega Lídia Senra está a participar en Bucarest na 37° sesión da Asamblea Paritaria da Unión Europea e os países de África, Caribe e Pacífico [ORDE DO DÍA], denominada Asamblea Paritaria UE-ACP, que está a ter lugar en Bucarest dende este luns até o vindeiro mércores 20.
A xornada de hoxe comezou ca negociación a primeira hora dunha resolución sobre a urxencia dos retos e desafíos relativos ao Estado de dereito en Europa e nos países ACP, á que Senra finalmente non deu o apoio do GUE/NGL, “non foron incorporar na mesma propostas para nós imprescindíbeis, como aquelas que facían referencia aos dereitos económicos ou á violación dos dereitos humanos das persoas migrantes”, explica a eurodeputada dende Rumanía, “e tamén é significativo que non se teña aceptado incluír unha condena expresa ás intervencións violentas e desproporcionadas da policía nas manifestacións”.
Dende as 11.00 até as 13.00h. tivo lugar a apertura da sesión plenaria. A axenda de traballo continuará durante a tarde con unha intervención do Comisario de Cooperación Internacional e Desenvolvemento, Neven Mimica, ao respecto da actual situación das negociacións post-Cotonou e o balance realizado pola Comisión Europea.
Os debates xirarán arredor dos posíbeis impactos do Brexit no acordo de asociación UE-ACP, a incompatibilidade do actual modelo económico co quecemento global, o papel das fontes de enerxía renovábeis nun posíbel desenvolvemento sostíbel dos países ACP, a redución do número global de cativas/os sen escolarizar ou a posibilidade de implementación dun Pacto Mundial sobre Migración. Debaterase tamén unha resolución de urxencia sobre crímenes medioambientais.
“Xeralmente a participación do noso grupo, o GUENGL, na Asamblea Paritaria UE-ACP marca un punto de vista europeo distinto nos debates. Temos claro o pasado colonial, pero sobre todo o presente neocolonial, fortemente intensificado co desenvolvemento de toda a arquitectura de acordos de desregulación comercial da que se serve o neoliberalismo. Tamén temos tomado conciencia da importancia de revisar ben as nosas análises para non caer no eurocentrismo e, por suposto, non perdemos de vista que o auxe da extrema dereita en Europa vai ter unha influencia negativa nas relacións cos países ACP”.