- Senra participa nunha delegación de eurodeputadas/os da Plataforma de Diálogo UE-Catalunya do PE que asistiron hoxe ao xuízo no TS
- Mantivo xuntanzas con familiares e avogados dxs presxs políticxs cataláns e ONGs que participan como observadoras internacionais
Madrid, 28 de Febreiro de 2019. A eurodeputada do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUEs/NGL) Lídia Senra desprazouse onte a Madrid para participar hoxe no seguimento do xuízo contra 12 cargos políticos cataláns que está a ter lugar na Tribunal Supremo (TS) dende o pasado 12 de febreiro.
Esta visita enmárcase na participación dunha delegación de europarlamentarias/os da Plataforma de Diálogo UE-Catalunya do Parlamento Europeo. Senra, integrante desta iniciativa dende a súa fundación, está acompañada nesta delegación, entre outras persoas, polo eurodeputado francés José Bové (Partido Verde Europeo), a tamén francesa Marie-Pierre Vieu (Front de Gauche; GUE/NGL), o flamenco Mark Demesmaeker (Nova Alianza Flamenca; Grupo Europeo dos Conservadores e Reformistas, ECR) o estonio Indrek Tarand (Partido Verde Europeo), os cataláns de ERC, peretencentes ao partido europeo dos Verdes/Alianza Libre Europea Jordi Solé e Josep-Maria Terricabras; o tamén catalán Ramon Tremosa (PDeCAT; Alianza de Liberais e Demócratas por Europa, ALDE) e deputados dos parlamentos danés e flamenco.
A axenda de traballo deu comezo onte pola noite cun encontro con familiares e avogados dxs presxs catalás, e continuou a primeira hora da mañá de hoxe con un almorzo de traballo conxunto con deputadas/os de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e do Partit Demòcrata Europeu Català (PDeCAT).
Ás 10.00h. de hoxe Lídia Senra e o resto de eurodeputados integrantes da Plataforma de Diálogo UE-Catalunya presentes en Madrid accederon á sala do Tribunal Supremo onde está a ter lugar a vista xudicial, asistindo ás declaracións de Íñigo Urkullu, Gabriel Rufián e Albano Dante-Fachín.
“Este xuízo nunca tiña que terse producido, os presos políticos teñen que ser liberados. Aquí estase xulgando a vontade dun pobo que loita pola autodeterminación. E é un ataque á democracia. É necesario que o Goberno español dialogue e sente a negociar con Catalunya”, sinalou a eurodeputada galega.
A axenda de traballo completarase esta tarde con unha reunión na que participarán distintas organizacións non gobernamentais que están presentes como observadoras internacionais.
Dende Madrid Lídia Senra insistiu tamén en reivindicar que a aspiración dos pobos á súa autodeterminación “non só é totalmente lexítima, senón que é recoñecida como un dereito humano fundamental no dereito internacional e específicamente protexido en documentos como a Carta fundacional das Nacións Unidas, baseada no respecto aos principios de igualdade de dereitos e de libre determinación dos pobos.”