- Unha delegación de eurodeputadas/os da Plataforma de Diálogo UE-Catalunya do PE desprazarase este mércores e xoves ao Estado español
- Manterán xuntanzas con familiares e avogados dos presos políticos cataláns e con ONGs que participan como observadoras internacionais
Bruxelas, 25 de Febreiro de 2019. A eurodeputada do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUEs/NGL) Lídia Senra viaxará este mércores 27 a Madrid para participar no seguimento do xuízo contra 12 cargos políticos cataláns que está a ter lugar na Tribunal Supremo dende o pasado 12 de febreiro.
Esta visita enmárcase na participación dunha delegación de europarlamentarias/os integrantes da Plataforma de Diálogo UE-Catalunya do Parlamento Europeo. Senra, integrante desta iniciativa dende a súa fundación, estará acompañada nesta delegación, entre outras persoas, polo eurodeputado francés José Bové (Partido Verde Europeo), a tamén francesa Marie-Pierre Vieu (Front de Gauche; GUE/NGL), o flamenco Mark Demesmaeker (Nova Alianza Flamenca; Grupo Europeo dos Conservadores e Reformistas, ECR) o estonio Indrek Tarand (Partido Verde Europeo), os cataláns de ERC, peretencentes ao partido europeo dos Verdes/Alianza Libre Europea Jordi Solé e Josep-Maria Terricabras; o tamén catalán Ramon Tremosa (PDeCAT; Alianza de Liberais e Demócratas por Europa, ALDE) e deputados dos parlamentos danés e flamenco.
O propio mércores participarán nunha cea con familiares e avogados dos presos catalás, onde poderán obter impresións e análises ao respecto da evolución do proceso xudicial. A mañá do xoves estará ocupada dende as 08.00 até as 10.00 con un almorzo de traballo conxunto con deputadas/os de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e do Partit Demòcrata Europeu Català (PDeCAT)
O seguimento do xuízo realizarase dende o Centro Cultural Blanquerna de Madrid, dende as 10.30 até as 12.00h. A delegación da Plataforma de Diálogo UE-Catalunya desprazarase seguidamente ao Tribunal Supremo, onde terá lugar ás 12.30hrs. unha comparecencia de prensa conxunta. A axenda de traballo da tarde completarase con unha reunión na que participarán distintas organizacións non gobernamentais que están a participar como observadoras internacionais.
Lídia Senra valorou moi positivamente “a posibilidade de achegar o noso apoio ao entorno destas persoas que levan, como no caso dos Jordis, xa máis dun ano en prisión, e sen xuízo, unha situación que vulnera por completo a súa presunción de inocencia, unha exaxeración utilizada polo Estado español para amedrentar e criminalizar. Temos que lembrar unha vez máis que a aspiración dos pobos á súa autodeterminación non só é totalmente lexítima, senón que é recoñecida como un dereito humano fundamental no dereito internacional e específicamente protexido en documentos como a Carta fundacional das Nacións Unidas, baseada no respecto aos principios de igualdade de dereitos e de libre determinación dos pobos.”