- Lídia Senra votou en contra da proposta de regulamento de fondos europeos aprobada na mañá de hoxe polo Parlamento Europeo
- Malia a retirada da posibilidade de suspensión de fondos se non se cumpre cas disposicións da UE, o informe carece de ambición social
Estrasburgo, 13 de Febreiro de 2019. O Parlamento Europeo vén de aprobar a proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, así como as normas financieiras para ditos Fondos e para o Fondo de Asilo e Migración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Xestión das Fronteiras e Visados (COM(2018)0375 – C8-0230/2018 – 2018/0196(COD)).
A eurodeputada do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra opúxose co seu voto a este informe ao considerar que, malia a que finalmente foi suprimida a proposta da Comisión de poder retirar fondos a aqueles Estados que non cumpran ca denominada condicionalidade macroeconómica ou macrocondicionalidade -é dicir, co que as premisas capitalistas neoliberais europeas consideran unha “boa” gobernanza económica-, o informe non satisface o cambio de orientación nas políticas de desenvolvemento europeas que unha situación de urxencia social como a actual requiren.
“Non hai un cambio claro na orientación dos fondos, non hai un cambio claro para apoiar os sectores produtivos do País, non hai un cambio claro para apoiar ás pequenas empresas, non hai un cambio claro para apoiar os sistemas públicos de saúde ou o ensino”, incidiu Senra na quenda de explicacións de voto.
A articulación dos fondos no marco das normas financierias establecidas neste informe, en tanto que absolutamente continuistas das premisas neoliberais da UE continúan “mermando o público para seguir engordando os intereses do capital, como sucederá, por exemplo, co produto panaeuropeo de pensións individuais que se acaba de acordar nas negociacións tripartitas”.
“Estamos moi lonxe de atoparnos diante dun texto que mellore a actual xestión dos fondos europeos. Por poñer un caso concreto, votamos a favor de que as áreas que descendan de categoría no período 2021-2027, como Galiza, manteñan o mesmo nivel de asignacións que tiñan no 2014-2020. Está ben, porque a outra opción era que recibira menos fondos. Pero o realmente relevante é que nos atopamos con un plantexamento económico por parte da UE que, non só non contempla a posibilidade de incrementar fondos naquelas áreas que se viron especialmente afectadas pola estafa financeira e as decisións políticas que supuxeron unha precarización social xeralizada, senón que incluso a proposta inicial da Comisión Europea era reducírllelos.”
https://lidiasenra.gal/wp-admin/post.php?post=3929&action=edit