- Senra e o Ministro delegado para Europa da Fronte Polisario, Mohamed Sidati, ofreceron na tarde de hoxe unha rolda de prensa conxunta
- O acordo foi aprobado con 415 votos a favor e 189 en contra pese a non cumprir os requisitos especificados polo Tribunal de Xustiza da UE
Estrasburgo, 12 de Febreiro de 2019. A través dunha rolda de prensa conxunta co Ministro delegado para Europa do Frente Polisario, Mohamed Sidati, a eurodeputada galega Lidia Senra, responsábel para o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica do seguimento do Acordo de colaboración de pesca UE-Marrocos aprobado hoxe en sesión plenaria do Parlamento Europeo, abordou esta tarde algunhas das principais claves da estratexia política a través da cal tanto Marrocos como a UE pretenden espoliar os recursos do pobo saharauí.
“O GUE/NGL sempre se pronunciou en contra dos acordos comerciais UE-Marrocos porque inclúen ilegalmente os territorios ocupados do Sáhara occidental. Cómpre lembrar que o Artigo 73 da Carta de Nacións Unidas recoñece o dereito dos pobos dos territorios non autónomos á soberanía permanente sobre os seus recursos”, situou Senra.
Marrocos non ten soberanía sobre o Sáhara Occidental, polo que “nin este país nin a UE poden tomar decisións sobre un territorio que non lles pertence”, reiterou. “Consideramos que isto é un roubo, estamos falando dun acordo onde a UE e Marrocos pretenden repartir o botín procedente do espolio do pobo saharauí. O pobo saharauí non deu en ningún momento consentimento, e se a UE quere pescar nas augas do Sáhara occidental ten que negociar ca Fronte Polisario que é o seu lexítimo representante. Paréceme perverso que a maioría do Parlamento Europeo dera o seu consentimento a este acordo sabendo que é contrario á legalidade internacional e a inseguridade xurídica na que poden estar os barcos da UE”.
Mohamed Sidati, pola súa banda, agradeceu o apoio de Senra e do GUE/NGL e fixo fincapé no feito de que “os acordos comerciais e de pesca UE-Marrocos son ilegais, e significan que a UE vai seguir ca súa política de negación do pobo saharauí e de espolio dos seus recursos naturais. Hoxe a UE ao votar estes acordos está a ser parte do problema, non parte da solución, xa que está a reforzar a ocupación marroquí do Sáhara Occidental”.
O Ministro da Fronte Polisario para a UE recordou que o Tribunal de Xustiza da UE expresou claramente que os acordos comerciais que afectan aos recursos do pobo saharauí só poden ser válidos se o propio pobo saharauí expresa o seu consentimento a través do seu representante lexítimo, a Fronte Polisario. “A Comisión Europea durante estes meses tentou lexitimar o acordo sosténdoo nun burdo andamiaxe de falsas consultas”, denunciou. “Incluso a organización Human Right Watch dirixiu unha carta ás eurodeputadas/os pedindo que non se votase este acordo por non cumprir cos requisitos do dereito internacional humanitario, subliñando que hai discusións en marcha sobre o Sáhara Occidental, un territorio non autónomo sobre o cal non se lle recoñece a Marrocos a mínima soberanía. Tamén pediu que se cumpra o Artigo 21 do Tratado da UE, que establece que nas súas actividades externas a UE debe velar polo respecto da Carta das Nacións Unidas e do dereito internacional”.
Sidati tamén chamou a atención sobre o feito de que a data programada para a votación do acordo de pesca UE-Marrocos coincida ca visita, “postposta por enésima vez”, dos reis de España a Marrocos. “Resulta difícil non interpretar a oportunidade desta visita como unha gratificación real á sistemática violación de dereitos humanos do pobo saharauí e ao desenfrenado saqueo de recursos naturais do Sáhara Occidental”.
Este acordo abarca case exclusivamente as augas saharauís, xa que como sinalou o propio Tribunal de Xustiza da UE na sentenza de xaneiro de 2018 o 91.5% das capturas dos barcos europeos estase facendo en augas saharauís. “A UE non só está incumprindo as decisións do seu propio tribunal, senón incumprindo un dos principais principios do dereito internacional que establece a soberanía do pobo saharauí. Ca súa actitude fai prevalecer a lóxica da forza en detrimento dos principios que presidiron a súa fundación. Estes acordos son operacións para esquilmar os nosos recursos. Francia e España capitanean este roubo. A nosa mensaxe á opinión pública europea e á comunidade internacional é que teñen que ser moi conscientes de que estes acordos lexitiman a ocupación saharauí do noso país e vulneran o dereito fundamental do noso pobo á autodeterminación.”