AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

O PE pedirá ás autoridades galegas información relativa á usurpación de espazo público por parte do RCNSX

22 Xaneiro, 2019

 

  • SOS Panadeira achegou hoxe ao Parlamento Europeo a loita veciñal por manter o uso público das praias de Os Barcos e A Pandeira en Sanxenxo
  • Senra leva acompañando as reivindicacións de SOS Panadeira no PE dende o ano 2016; hoxe solicitou que a petición permaneza aberta

Bruxelas, 22 de Xaneiro de 2019. A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo vén de decidir na tarde de hoxe seguir afondando no estudo da tentativa de privatización das praias de Os Barcos e A Pandeira (Sanxenxo), acordando dirixir unha comunicación ás autoridades galegas a fin de obter máis información ao respecto.

Esta decisión tivo lugar logo de que María Nita Rivas, en representación do colectivo SOS Panadeira, procedera a intervir para expor ante as eurodeputadas/os da Comisión de Peticións e representantes da Comisión Europea a situación vivida pola veciñanza de Sanxenxo ante as intencións da entidade privada Real Club Náutico de Sanxenxo (RCNSX) – vinculada ao influínte empresario Pedro Campos Calvo Sotelo, director do equipo de vela Team Telefónica e estreitamente ligado á Casa Real- de privatizar de facto as praias de Os Barcos/A Iriña e A Panadeira.

Todo comezou no ano 2013, cando o RCNSX iniciou a construción dun peirao para barcos deportivos de entre 12 e 20 metros en lámina de auga de uso público en lugar da zona identificada polos informes técnicos no caso de que fora preciso unha ampliación do porto deportivo. Entre outros despropósitos, estas obras fixéronse sen declaración de impacto ambiental argumentando que se trataba dunha estrutura móbil, se ben posteriormente ao pretender retirar parte da mesma houbo que proceder a serrar os pilotes de metal, ao non ser posíbel movelos.

Ante a desfeita das praias a veciñanza mobilizouse para tentar paralizar as obras. Mesmo o Concello de Sanxenxo cortou ao acceso ao porto aos camións, ao que a entidade RCNSX reaccionou transportando o material por mar e en ocasións mesmo de noite. Grazas á visibilización do rexeitamento da veciñanza a través de mobilizacións nas rúas e nas propias praias, así como na recollida de milleiros de firmas, finalmente Portos paralizou a obra. Pero o RCNSX presentou un novo proxecto e continuou adiante. Porén, SOS Panadeira xa conseguira un importante éxito, xa que de seguir adiante o plan inicial do RCNSX habería que dragar as praias para obter o calado preciso, polo que terían sido completamente destruídas.

SOS PANADEIRA_PETI 220119_1
Integrantes de SOS Panadeira durante a súa exposición no Parlamento Europeo

Actualmente as praias urbanas de Os Barcos/A Iriña e A Panadeira, ademais da modificación da súa orografía, están sensibelmente afectadas pola contaminación provocada pola ampliación do peirao da entidade privada RCNX. “Pretenden que a Iriña e parte de A Panadeira sexan areais portuarios, sen respectar que no Plan de Ordenación do Litoral (POL) están recoñecidas como praias urbanas. As praias son tesouros fráxiles, que precisan coidados. Opoñémonos a que sexan obxecto de comercio privado. É inxusto privar á cidadanía do desfrute destas praias en beneficio dunha empresa privada como é o Real Puerto Deportivo”, expuxo hoxe SOS Panadeira no Parlamento Europeo.

 Ademais do colectivo social SOS Panadeira, o propio Concello de Sanxenxo, o Colexio Oficial de Biólogos e mesmo a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor amosaron a súa oposición a este proxecto que, ademais, incumpre o Plan de Utilización de Espazos Portuarios de Sanxenxo e o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia e, por se fora pouco, foi construído sen previa declaración de impacto medioambiental.

 “As praias gardan emocións e historias, forman parte das experiencias e situacións das nosas vidas. Ilusiónanos conservalas sementando esperanza de futuro, tecendo día a día, entre todos e todas, unha resistencia colectiva ante os desvaríos privados feitos en e con medios públicos. Sen deixarnos intimidar e sen perder a dignidade queremos ser e actuar como cidadanía do noso pobo e da UE”, declarou Maria Nita en nome de SOS Panadeira.

A eurodeputada Lídia Senra, integrada no Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), vén acompañando as reivindicacións do colectivo SOS Panadeira dende o ano 2016, cando convidou a varias das súas representantes a trasladar directamente no Parlamento Europeo a súa reivindicación. Ademais do rexistro de preguntas parlamentarias solicitando información á Comisión Europea, Senra acompañou tamén o rexistro e seguemento desta denuncia na Comisión de Peticións.

Hoxe, logo de amosar o seu apoio ás integrantes de SOS Panadeira e solicitar que a petición permaneza aberta,  Senra lembrou que “a construción do peirao non responde a ningunha cuestión de interese xeral, ao contrario, preténdese privatizar un espazo público, un ben común, só para beneficiar a unha empresa privada. De levarse adiante, non só impediría que a poboación puidera desfrutar destas praias, se non que tería un impacto negativo na economía local, sensibelmente orientada ao turismo”.

A eurodeputada galega pediu tamén á Comisión de Peticións que solicite ás autoridades competentes “a información e documentos precisos para clarificar  se foron respectados os principios de transparencia, imparcialidade e competencia para conceder a autorización; así como información ao respecto do posíbel impacto do peirao na Rede Natura”.

Logo de escoitar ás peticionarias, á Comisión Europea e ás eurodeputadas/os presentes na sala, a Comisión de Peticións decidiu que esta solicitude permaneza aberta e enviar unha carta solicitando ás autoridades galegas información adicional.

 

SOS PANADEIRA_PETI 220119_2
Representantes de SOS Panadeira nun momento da súa intervención

 

 

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Xullo 2025
M T W T F S S
« Mai    
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies