AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

A DX de Medioambiente da CE sobre COREN na Limia: “Está claro que aquí está habendo prácticas ilegais”

27 Novembro, 2018

 

  • A concentración de nitratos é tan alta nalgunhas augas que pode causar o síndrome dxs “bebés azuis” e aumentar o risco de cancro en adultxs
  • A CE revelou que a principios de mes abriuse un expediente sancionador ao Estado español por incumprimento da Directiva de Nitratos

Bruxelas, 27 de Novembro de 2018. Representantes do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) e da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) mantiveron esta mañá en Bruxelas unha xuntanza co Xefe da Unidade para o Uso e Xestión da Terra e con persoal experto na xestión de nitratos da Dirección Xeral de Medioambiente da Comisión Europea. Esta reunión, facilitada pola eurodeputada galega Lídia Senra, tiña como obxectivo trasladar en detalle a denuncia da vulneración de distintas directivas europeas na Limia por mor dos residuos producidos polas macrogranxas industriais vinculadas ao complexo COREN en connivencia ca Xunta de Galicia.

A través de imaxes e empregando datos oficiais da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, explicou a evolución da contaminación xerada pola carga gandeira actual na comarca da Limia, a día de hoxe arredor de 75.000 UGM[1]. “En produción de residuos equivalen a unha poboación de 1.400.000 – 1.600.000 personas. Noutras palabras: a metade de toda a poboación de Galicia concentrada en só o 1% da súa superficie”.

A exposición foi realmente reveladora, impactando especialmente as imaxes das balsas de residuos ao aire libre e sen tratamento, cuxo efecto contaminante foi expresado a través de táboas de datos que recollían a concentración de nitratos, fosfato e osíxeno disolto nas augas tanto superficiais como subterráneas. O presidente da SGHN apuntou tamén a pertinencia de que por parte da CE sexan solicitados datos ao respecto da calidade das augas no norte de Portugal, concretamente das poboacións que se abastecen de auga do río Limia.

“En tres anos a concentración de nitratos nas augas subterráneas aumentou en promedio un 39%. Dos 19 puntos de control da Confederación hai problemas -con máis ou menos frecuencia- en 6 deles, e 2 son captacións para o abastecemento humano nos concellos de Sandiás e Trasmiras. É dicir, hai unha poboación de entre 2.500/3.000 persoas que está consumindo nalgúns momentos augas que non só non son potábeis, senón que debido á súa concentración en nitratos poden provocar o síndrome coñecido como dxs “bebés azuis” e, en persoas adultas, un incremento do risco de cancro”, explicou Serafín González.

Traducido á linguaxe administrativa europea, estaríanse producindo a vulneración da Directiva 2000/60/CE (marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas); Directiva 98/83/CE (calidade das augas destinadas ao consumo humano); Directiva 91/676/CEE (protección das augas contra a contaminación producida por nitratos empregados na agricultura); Directiva 2006/44/CE (calidade das augas continentais que requiren protección ou mellora para ser aptas para a vida dos peixes) e da Directiva 92/43/CEE (conservación dos hábitats e da fauna e flora silvestres).

Diante desta exposición, o propio Xefe da Unidade para o Uso e Xestión da Terra non puido evitar exclamar: “Hai cousas que son decisións políticas, como por exemplo o tipo de modelo de desenvolvemento que se quere aplicar, pero logo está claro que aquí está habendo prácticas ilegais”.

Os representantes da Dirección Xeral de Medioambiente subliñaron a pertinencia desta xuntanza, habida conta de que precisamente a principios deste mes a Comisión Europea, notificou ao Estado español a apertura dun procedemento de infración da Directiva sobre nitratos (Directiva 91/676/CE do Consello) argumentando que “España non controla as súas augas de maneira efectiva, comprometendo a súa capacidade para revisar as zonas vulnerábeis aos nitratos e avaliar a eficacia dos programas de acción, limitando así a eficacia da lexislación”.

Logo de coñecer a situación que hai na Limia, aseguraron, na tramitación deste procedemento a Dirección Xeral de Medioambiente vai prestar especial atención aos datos proporcionados polas distintas administracións e organismos competentes ao respecto desta comarca. Ademais  convidaron aos representantes do MEL e a SGHN a seguir fornecéndolles os datos máis actualizados posíbeis ao respecto, a fin de empregalo como información complementaria e de contraste ca enviada polo Estado.

“O Estado e o Goberno galego van ser presionados pola Comisión Europea para que se poñan ao día. Na xuntanza de hoxe recalcaron varias veces que para o 2027 as augas da Limia teñen que ter unha calidade óptima. Veremos como o fan se non apostan por unha axeitada xestión dos residuos de COREN… -Advertiu o Presidente do Movemento Ecoloxista da Limia, Manuel García- Ademais das actuacións da CE, nós imos insistir e pedir unha vez máis que o Ministerio declare a Comarca da Limia zona de augas afectadas, para que o Goberno galego se vexa na obriga de declarala zona vulnerábel”.

“A día de hoxe na Limia hai moita xente indignada porque non só teñen que soportar unha mala calidade do aire senón que, o que é inda máis grave, non poden beber a auga dos seus propios pozos de abastecemento”, abondou. “Dende o MEL xa denunciamos a existencia dunha empresa chamada ASER que co beneplacito e financiamento público adícase a recoller os xurros das granxas de porcos e vertelo a cano libre por montes veciñais, cunetas e mesmo espazos naturais protexidos. Non se lle coñece ningún sitio habilitado para xestionar ou almacenar eses residuos. Tanto a Consellaría do Medio Rural como a Confederación Hidrográfica saben da actividade diaria que realiza esta empresa. Temos unha denuncia na Fiscalía contra esta empresa, e cando hoxe amosamos as fotos dos camións cisterna vertendo a cano libre sobre montes na Comisión Europea quedaron totalmente escandalizados e catalogárono de ilegalidade que urxía perseguir”.

O MEL e a SGHN tamén abriron unha vía de loita a través do Parlamento Europeo co rexistro da súa denuncia na Comisión de Peticións a semana pasada. Como reforzo desta liña de traballo, hoxe reuníronse ca coordenadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) nesta Comisión, a eurodeputada Ángela Vallina. Mantiveron tamén un encontro co eurodeputado alemán Stefan Eck, que se comprometeu a apoiar as accións que sexan plantexadas a nivel do Parlamento Europeo.

Para a eurodeputada Lídia Senra tres son as medidas que cómpre activar urxentemente. “En primeiro lugar hai que pór fin inmedianto ás ilegalidades, nomeadamente ás verteduras intensivas e descontroladas de puríns; establecer unha moratoria que non permita a instalación de novas granxas -cuestión que xa foi solicitada até en 33 ocasións pola SGHN- e, no marco da nova PAC, pór fin a este modelo de macroexplotacións industriais que o único que fan é destruír emprego. É fundamental protexer a auga e a saúde.”

 Ademais por parte do MEL e a SGHN vaise impulsar a formación dunha plataforma para reivindicar o dereito a ter unha auga limpa e un medioambiente que non sexa nocivo para a saúde das persoas na Comarca da Limia.

DXMedioambienteCE_271118_ (4)

 

Saturación por toneladas de residuos

Como puido comprobar a eurodeputada Lídia Senra da man destas e doutras organizacións da comarca a principios deste mesmo mes, a saturación de residuos de gando que se está a acumular na Limia é tal que, segundo datos extraídos pola Sociedade Galega de Historia Natural, crean unha situación equivalente a que unha poboación de 1.600.000 habitantes vertera as súas augas fecais sen ningún tipo de depuración.

A día de hoxe a meirande parte das granxas industriais están relacionadas ou impulsadas polo conglomerado de empresas de COREN. Sen embargo, até o momento non só ningunha Administración pública ten feito unha avaliación medioambiental desta situación, senón que dende a Xunta mesmo se teñen emitido declaracións de impacto ambiental favorábeis para os proxectos de novas granxas ou ampliacións na cabeceira do río Limia.

“A Administración galega colabora obedientemente con COREN para facilitar a instalación das granxas e que xestionen os residuos como queren, sen ter en conta as consecuencias para as persoas”, reitera Manuel García (MEL). “É moi grave que unha administración pública só pense nos intereses dunha empresa privada e deixe de lado a protección da poboación. A auga é un ben de todas as persoas, e non se pode regalar a unha empresa privada para que a contamine sen ningún tipo de problemas”.

 A rolda de xuntanzas que os 4 representantes do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) e da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) desenvolveron hoxe na Comisión Europea e no Parlamento, así como o apoio no rexistro da denuncia da situación da comarca na Comisión de Peticións do PE, forma parte das medidas que a eurodeputada Lídia Senra se comprometeu a impulsar a nivel europeo durante a súa visita á comarca.

 [1] Unidade Gandeira Maior (UGM)

 

SGHN_Senra_MEL271118
Serafín González (SGHN), Lídia Senra e Manuel García (MEL) antes de entrar á xuntanza.
anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Xullo 2025
M T W T F S S
« Mai    
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies