- Pídelle ao director do Centro que inclúa no Media Pluralism Monitor a manipulación e uso partidista da radio e televisión públicas galegas
- Esta institución financiada pola CE recolle no último informe que no Estado español hai risco medio e alto sobre a pluralidade informativa
Santiago, 20 de novembro de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra remitiu hoxe unha carta ao director do Centre for Media Pluralism and Media Freedom (CMPF), Parcu Pier Luigi, na que lle informa da manipulación informativa que se vive na Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e do uso totalmente partidista que a forza política no Goberno fai dos medios públicos galegos.
Coincidindo co inicio da folga convocada polos traballadores e traballadoras da CRTVG, Senra pídelle ao CMPF que inclúa no seu próximo estudio Media Pluralism Monitor (MPM) unha análise sobre o que está a acontecer na CRTVG e que realicen unha investigación de campo na Galiza. Non en van, no último observatorio realizado por este Centro, financiado pola Comisión Europea, en decembro do 2016, recolleuse un risco medio e alto no Estado español no que respecta á pluralidade e á concentración da propiedade no sector dos medios de comunicación e da aplicación das normas da competencia. É por iso que agora a eurodeputada galega lle pide que vaian un paso máis aló e investiguen a vulneración dos principios de obxectividade, pluralidade e imparcialidade que se producen a diario na CRTVG. “O pluralismo dos medios de comunicación e a liberdade de expresión e de información é un dereito irrenunciable polo que debemos loitar todos os días, pois a pesar de que como vostede ben sabe está recollido como dereito fundamental no artigo 11 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, non sempre se cumpre na práctica na Galiza”, denuncia Senra.
A eurodeputada asegura na carta que “a CRTVG en lugar de gardar o principio de obxectividade e pluralidade, está totalmente ao servizo do partido no Goberno, neste caso do PP, que exerce un control total dos contidos e programación, usándoos para o seu beneficio e interese, por riba do ben común e da cultura e información galega”.
O uso partidista diario dos servizos informativo é tan escalandoloso que este pasado verán dous dos xornalistas máis veteranos e coñecidos da TVG, Alfonso Hermida e Tati Moyano, dimitiron como presentadores do Telexornal para denunciar o control ao que está sometido todo o persoal das canles públicas. Non obstante, a dirección da Compañía resposta á contestación social e dos traballadores abrindo expedientes disciplinarios con ameazas de despido incluídas. O control de contidos e a baixada de calidade e de pluralidade tamén ven provocada pola reducción do orzamento da CRTVG, que pasou de ser de 148 millóns de euros no 2007 a 107 este ano; e o persoal pasou de 1.200 traballadores e traballadoras no 2009 a 952 hoxe, dos cales o 38% son temporais.
Para Senra, o que non é entendible é que a pesares de que xa hai máis de 7 anos desde que se aprobou a Lei 9/2011 de 9 de novembro dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia que recolle, no seu artigo 36, que se deberá de crear o Estatuto Profesional da Corporación RTVG, instrumento destinado a fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos ofrecidos e que se creará un Consello de Informativos como órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG, co fin de velar pola independencia, veracidade e obxectividade dos contidos informativos difundidos nas súas canles. Pasaron 7 anos, o Consello de Informativos segue sen crearse e o Estatuto profesional segue sen elaborarse, atopándonos na Galiza nunha situación de manipulación total da CRTVG por parte do partido no Goberno, que non desenvolve nin as leis aprobadas por el mesmo.
“Todo esto que lle relato, con moitos máis detalles, xa foi denunciado na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo polos traballadores e traballadoras da Compañía, e tamén denunciado en reiteradas ocasións a través de declaracións públicas, de intervencións orais neste sentido no pleno do Parlamento Europeo[1], e de preguntas escritas remitidas á Comisión Europea[2]. Sen embargo, a situación segue sen cambiar polo momento”, escríbelle Senra na carta Centre for Media Pluralism and Media Freedom, que agarda que o seu director tome agora cartas no asunto e se abra unha investigación.
Mentres agarda a contestación do CMPF, a eurodeputada quere amosar todo o seu apoio aos traballadores e traballadoras que hoxe comezan a primeira xornada da folga convocada na defensa dos medios públicos galegos e que xa levan 26 Venres Negros ininterrupidos desenvolvendo a campaña por uns medios públicos e plurais. “Os galegos e as galegas temos dereito a uns medios de comunicación públicos e plurais. A manipulación na CRTVG ten que acabar”, zanxou.
_______________________________________
[1] Vídeo coa intervención de Lídia Senra no pleno do Parlamento Europeo sobre este tema:
https://lidiasenra.gal/videos/o-goberno-galego-converteu-a-crtvg-no-gabinete-de-comunicacion-do-pp/
[2] Nota resumo das preguntas parlamentarias escritas formuladas á Comisión Europea: