- A deputada informa por escrito á Comisión Europea sobre os continuos vertidos contaminantes por mor da inoperatividade da depuradora
- Denuncia situacións similares en moitas localidades e reclama saber o diñeiro europeo investido en instalacións na Galiza que funcionan mal
Santiago, 15 de outubro de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra presentou este luns pola mañá en Bruxelas un escrito dirixido á Comisión Europea (CE) no que insta ao organismo comunitario a investigar se a actual Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Sarria, cos seus continuos vertidos contaminantes ao río e co seu mal funcionamento, está incumprindo a Directiva 91/271/CEE sobre tratamento de augas residuais urbanas[1].
Co escrito rexistrado hoxe, Senra dá cumprimento e efectiviza o compromiso público que adquirira a principios de mes, cando visitou a zona na que está instalada a EDAR, acompañada por membros de En Marea Sarria e dos deputados no Parlamento Galego Luís Villares e Paula Vázquez Verao, así como do deputado no Congreso Miguel Anxo Fernán-Vello.
A eurodeputada denuncia que a EDAR de Sarria leva anos sobrepasada, pois xa no 2010 Augas de Galicia recoñeceu a necesidade de afrontar unha reforma para convertela en operativa. “As verteduras ao río Sarria son frecuentes e a contaminación derivada é alarmante, até o punto de que o presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil recoñeceu recentemente[2] que a instalación incumpre os parámetros en canto a vertidos e que pode ser obxecto de sancións da UE”, explica Lídia Senra no seu escrito á CE. “A problemática débese a que as instalacións non contan con capacidade suficiente para dar servizo á localidade ante o crecemento da poboación, ao que se suman filtracións das canalizacións”, engade a europeputada.
Ante esta situación, Senra pregúntalle á CE se ten constancia do mal funcionamento da EDAR de Sarria e se está tomando ou pensa tomar algunha medida por incumprimento da Directiva 91/271/CEE sobre tratamento de augas residuais urbanas de Sarria.
Máis alá, a europarlamentaria chama a atención á CE sobre o feito de que situacións como esta desafortundamente non son unha excepción na Galiza senón todo o contrario, pois problemas semellantes repítense en numerosas localidades galegas nas que a depuración de augas residuais non se está a realizar como se debería. Neste sentido, Senra denuncia que son moitas as EDAR que se constrúen con fondos europeos e que non funcionan correctamente e reclama coñecer que cantidade de diñeiro leva investido a UE na Galiza para o tratamento de augas residuais urbanas a través dos diferentes programas operativos en 2007-2013 e 2014-2020. A xuízo de Senra, non é de recibo que se invistan fondos europeos en instalacións que non cumpren o seu obxectivo e que siguen contaminando as nosas rías e ríos e ve imprescindible que a CE realice un maior seguemento do emprego dos seus fondos e pida contas tanto ao Estado español como á Xunta e aos Concellos e organismos responsables para atallar estas situacións.
Ademais da situación da depuradora de Sarria, Lídia Senra ten denunciado durante esta lexislatura europea o mal funcionamento da depuradora de Ponteareas e a contaminación no río Tea; tamén o mal funcionamento da depuradora da Illa de Ons; a EDAR da Estrada e as súas verteduras ao sistema fluvial do Ulla-Deza; o mal investimento de fondos europeos na EDAR de Ribeira, con cheiros e vertidos cando aínda non está en pleno funcionamento; ou os vertidos de augas residuais en Xunqueira de Ambía. A estas denuncias poderíanse sumar un longo etcétera de iniciativas levadas a cabo tanto no Parlamento Europeo como na Galiza nos últimos catro anos para facer fincapé na necesidade de sanear as rías e ríos e de protexer a saúde das nosas augas.
_________________________________
[1] Aquí pódese consultar a Directiva:
[2] Noticia publicada en El Progreso o 18 de abril do 2018: