- Senra abstense na votación do informe aprobado hoxe polo PE criticando a falta da determinación na protección das zonas montañosas
- Canteiras do Caurel, monocultivo de eucaliptos na Fonsagrada, as obras do AVE en Laza e a destrución de servizos, denunciadas no pleno do PE
Estrasburgo, 03 de Outubro de 2018. O Parlamento Europeo, reunido en sesión plenaria en Estrasburgo durante esta semana, vén de aprobar hoxe unha proposta de resolución para abordar as necesidades específicas das zonas rurais, montañosas e remotas. A coordenadora do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) para a Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Lídia Senra, abstívose no seu voto ao considerar que non recolle un verdadeiro compromiso de actuación por parte das institucións comunitarias.
“As montañas desempeñan un papel fundamental no subministro de auga doce no planeta e tamén xogan un papel importantísimo a nivel de biodiversidade”, recordou a eurodeputada galega na súa intervención no hemiciclo durante o debate desta resolución. Mais, sen embargo, e malia que as institucións comunitarias recoñecen en textos como o aprobado hoxe que as zonas rurais, montañosas e remotas constitúen o 80% do territorio, concentran máis da metade da poboación (o 57%) e representan o 46% do valor bruto engadido, “en moitas zonas da Unión Europea as montañas e as persoas que viven nelas están totalmente abandonadas; as administracións públicas, como no caso galego, case non adican recursos para o desenvolvemento e conservación destas areas e consenten todo tipo de agresións medioambientais que contaminan, teñen fortes impactos na paisaxe e expulsan ás persoas”. Ilustrando esta realidade, Senra plantexou situacións concretas deste desleixo: “Só no meu país, na Galiza, as canteiras no Courel, a reforestación con especies inadecuadas como eucaliptos en A Fonsagrada ou as obras do AVE en Laza son un exemplo do que acabo de describir”.
Con este panorama, ata as propias institucións comunitarias teñen claro que as dificultades para poder vivir nestas zonas están a expulsar á poboación, cas conseguintes consecuencias negativas para o coidado e transmisión do patrimonio natural e cultural que albergan. A taxa de desemprego nas zonas non urbanizadas da UE aumentou do 7% ao 10,4% entre 2008 e 2012, e as persoas maiores de 65 años representan o 20% dunha poboación que, ademais, enfróntase a unha constante destrución de servizos básicos. Fronte a esta realidade, urxe un compromiso real por parte da UE cas zonas rurais, montañosas e remotas, reivindicou Senra: “O despoboamento destas áreas e alarmante. Manter e conservar todo o que nos aportan as montañas á sociedade so será posíbel con actuacións políticas decididas que fomenten un desenvolvemento da actividade agraria baseada no modelo agroecolóxico e con fortes apoios para a instalación das persoas nestas actividades. É urxente blindar os servizos públicos de calidade, gratuítos e accesíbeis para todas as persoas.”
Na súa intervención ante o pleno do Parlamento Europeo e a Comisaria Europea de Política Rexional, Corina Crețu, a eurodeputada galega criticou tamén a falta de acompañamento con medidas reais que desenvolvan os textos cargados de boas intencións que as institucións comunitarias adican a estas áreas que, segundo a xerga comunitaria, son fundamentais para un desenvolvemento territorial “equilibrado” en Europa. “En maio de 2016, aprobamos neste Parlamento unha resolución sobre a política de cohesión nas rexións montañosas da UE. A min gustaríame saber se a Comisión e os Estados están implementando algunha das súas recomendacións”, cuestionou Lídia Senra.