- Acusou ao PP de ter convertido a televisión pública galega no seu gabinete de comunicación e pediu intervención urxente do PE e da CE
- Esta denuncia engádese ás preguntas parlamentarias dirixidas á CE nas que a eurodeputada tamén solicitou o desenvolvemento da Lei 9/2011
Estrasburgo, 02 de Outubro de 2018. Lídia Senra denunciou unha vez máis nas institucións europeas o control partidista ao que o Partido Popular ten sometido a Compañía de Radio Televisión Pública de Galicia (CRTVG).
Logo de ter rexistrado xa tres preguntas parlamentarias dirixidas á Comisión Europea solicitando que se investigue a situación por parte de diferentes organismos europeos e que desenvolva a Lei 9/2011 dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, entrada a noite de onte, e vestindo unha camiseta na que se podía ler a reivindicación #DefendeAGalega, a eurodeputada do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) interveu para chamar a atención sobre este ataque ao pluralismo informativo que está a ter lugar no noso país. “Neste Parlamento, con moita frecuencia denunciamos con preocupación a manipulación informativa e a falta de pluralidade nos medios de comunicación en diferentes países, na plenaria do mes pasado fixémolo con Hungría. Hoxe quero denunciar aquí a falta de pluralidade, a manipulación e o control ao que o Goberno galego ten sometida a radio e televisión pública galega”.
O deterioro e uso partidista continuo da CRTVG, explicou na Eurocámara, non só ten convertido a canle pública galega “nun voceiro ao servizo do Partido Popular”, senón que está a conlevar un durísimo ambiente laboral na Compañía, con apertura de expedientes displicinarios e ameazas de despido ás traballadoras e traballadores que denuncian a manipulación neste ente público. “Este feito levou aos traballadores e traballadoras da compañía a mobilizarse. Levan xa 19 xornadas de venres negro, unha xornalista e un xornalista dimitiron como presentadores dun dos informativos e o 8 de setembro organizaron unha xornada de mobilización polas rúas da capital galega.”
Facendo uso da súa quenda de intervención libre, a eurodeputada aproveitou para enumerar as reivindicacións das traballadoras e traballadores da CRTVG: “O fin do control por parte do goberno galego da radio e televisión públicas, que se respecte a imparcialidade e pluralidade que deben ter os medios de comunicación e o respecto polos dereitos laborais das e dos traballadores”.
Logo de expor os puntos clave da difícil situación pola que está a atravesar a plantilla de traballadoras/es da radio e televisión pública galega, e ao fío do marco establecido Directiva 2010/13/UE, insistiu ás institucións comunitarias: “A Comisión Europea e este Parlamento teñen que intervir con urxencia para que o Goberno galego poña fin aos anos de control e manipulación que teñen convertido a CRTVG no gabinete de comunicación do Goberno e do Partido Popular”.