- A Comisión de Peticións do PE seguirá a analizar a situación das minas de wolframio de San Fins, denunciada pola asociación Petón do Lobo
- Senra criticou as dificultades administrativas que a miúdo dificultan que a cidadanía poida exercer o dereito a posicionarse sobre estes proxectos
Bruxelas, 11 de Xullo de 2018. A reapertura das minas de wolframio de San Fins foi debatida esta tarde na Comisión de Peticións a instancia da Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo [Petición 0059/2017].
Logo de escoitar a presentación realizada polo peticionario desprazado a Bruxelas[1], e observar a vacua resposta proporcionada polo representante de Comisión Europea (CE), a eurodeputada do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra -que xa no ano 2016 visitara a zona e rexistrara varias preguntas parlamentarias[2]–, subliñou a “frustración e enfado” que lle provoca que ante este tipo de denuncias habitualmente a Comisión Europea resposte dicindo que todo está a funcionar correctamente. “Estamos a falar dunha situación na que existen analíticas que demostran que á saída da mina os niveis de contaminación nas augas debido aos materiais pesados son alarmantemente altos, e dun informe realizado o ano pasado no que se advirte da posíbel ruptura dunha das presas da mina e que iso podería producir un importante impacto ambiental” [Intervención completa].
Para a eurodeputada galega resulta totalmente intolerábel non só que a CE afirme non ter atopado ningunha irregularidade, senón tamén o feito de que mesmo na comunicación dirixida ás persoas membras do PE se afirme que a CE non vai realizar máis indagacións sobre esta petición. “Que é o que ten que pasar para que a Comisión Europea deixe de mirar para outro lado e asuma as súas responsabilidades? Constátase unha vez máis como a CE está a poñerse de perfil ante gobernos como o da Galiza, que non están a tomar ningunha medida para solucionar esta situación”, lamentou.
Na súa intervención Senra puxo sobre a mesa “o perigo que esta mina supón para milleiros de familias que viven do marisqueo e poden ver arruinado o seu posto de traballo, ademáis do impacto en sí na saúde da poboación e nos ecosistemas”.
Por outra banda, ao fío desta denuncia na Comisión de Peticións, a galega quixo tamén abordar unha cuestión que a miúdo é expresada por persoas ou organizacións que rexistran casos nesta Comision, así como noutros contextos: “A falta de información e a dificultade para acceder aos expedientes dos proxectos, os prazos excesivamente curtos e en épocas de vacacións ou de máis traballo no agro, ou a falta de informacion directa ás persoas afectadas, está a ser habitual e sistemática; tanto a nivel do Estado como do Goberno da Galiza. Isto é absolutamente intolerábel. Déixanos na total indefensión, a cidadanía vese obrigada a estar pendente dos prazos e moitas veces chegan in extremis para poder presentar as alegacións pertinentes”.
Xunto ca solicitude de que a petición permaneza aberta, aceptada finalmente pola Comisión de Peticións, a eurodeputada galega pediu tamén que a Comisión Europea abra unha investigación exhaustiva ao respecto.
[1] Pódese acceder á intervención a partir do minuto 16:21:33 neste enlace: http://www.europarl.europa.eu/ep-live/es/committees/video?event=20180711-1430-COMMITTEE-PETI
[2] Ausência de estudo de impacto ambiental na Mina de San Finx, Lousame, Galiza