- Xestión dos fondos europeos, políticas de cohesión social e servizos públicos, puntos principais deste encontro convocado polo GUE/NGL
- O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira da Estrada Mar Blanco, poñentes en xestión de fondos e transporte público
Bruxelas, 26 de Xuño de 2018. Mañá, mércores 27 de xuño, 24 concelleiras/os e alcaldes galegos chegarán a Bruxelas para participar durante a xornada do xoves 28 na edición anual do encontro internacional sobre políticas públicas locais a nivel europeo REALPE. O Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), do que forma parte a eurodeputada galega Lídia Senra, convoca unha vez máis este encontro da Rede Europea de Autoridades Locais Progresistas co obxectivo de fortalecer e visibilizar o desenvolvemento de políticas públicas de esquerdas na Unión Europea.
Ao igual que na edición do ano pasado, tamén desta volta participará unha nutrida delegación galega, integrada nesta ocasión por 24 cargos electos e persoas vinculadas á xestión municipal en Cambados, O Courel, Pontevedra, Manzaneda, Cangas, As Pontes, Trives, A Estrada, Noia, Ribadumia, Arbo, Pobra do Caramiñal, Salceda de Caselas, Ponte Caldelas, Corcubión e Laza. Xa que logo, un total de 16 concellos galegos participarán nesta xornada convidados pola responsábel do GUE/NGL na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, Lídia Senra.
Chegarán mañá mesmo a Bruxelas as e os edís locais Constantino Cordal Rodríguez (Concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade e Tenente de Alcalde; Somos Cambados), Óscar Carrete Lage (Concelleiro e Voceiro do C@ourel Vivo), María del Carmen Moreira Martínez (Concelleira do Grupo Municipal Marea Pontevedra), Félix Domínguez Cortiñas (Alcalde do concello de Manzaneda), Manuel Álvarez Groba (Concelleiro da Agrupación de Electores de Arbo), Ángela Vizoso Marcos (Concelleira de Desenvolvemento Económico e Emprego Local de Cangas), Tomás Hermelo Álvarez (Concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade de Cangas), María Chao Martínez (Concelleira de Xunt@s por As Pontes), Jorge Vázquez Rodríguez (Concelleiro de Son de Trives), Mar Blanco Casais (Concelleira do Movemento Veciñal Estradense, Móvete), Xurxo Charlín Trigo (Voceiro municipal e Concelleiro de Economía e Facenda de Somos Cambados), José Enrique Oubiña Lago (Tenente de Alcalde e Concelleiro de Obras, Vías, Urbanismo, Terceira Idade, Asuntos sociais e Sanidade de Ribadumia), Fabiola Durán Pedrosa (Concelleira da Agrupación de Electores de Arbo), José Luís Piñeiro García (Alcalde da Pobra do Caramiñal), Rosario Varela Fernández (Concelleira de Turismo e Igualdade da Pobra do Caramiñal) e Marcos David Besada Pérez (Alcalde de Salceda de Caselas).
Canda estes cargos electos, participarán nesta edición da rede REALPE Rodrigo Márquez Rincón (Voceiro municipal de En Marea en Ponte Caldelas), Iolanda Pérez Docampo (Ex-concelleira de Vivenda e Rehabilitación en Ourense), Alfredo Benigno González García (Ex-primeiro tenente de alcalde e Ex-concelleiro de Corcubión), Alejandro Sánchez Vidal (Ex-tenente de alcalde e ex-concelleiro en Ourense), María Teresa Brey Eyo (integrante de Móvete, A Estrada), Ana María Costa Rodríguez (Responsábel da Área Administrativa, Económica e Feminismo de Son de Trives), María Dolores Caramés (Co-voceira da Marea Cidadá de Noia) e Jorge Lorenzo Vila (Laza).
Na xornada deste xoves 28 representantes locais de distintos países da UE porán en común as súas experiencias, estruturándose arredor de tres eixos principais. En primeiro termo, e logo da intervención do Director de Políticas e Redes Horizontais do Comité das Rexións, Thomas Wobben, ao respecto das principais claves da (1) xestión de fondos europeos, o Alcalde da Pobra do Caramiñal, José Luís Piñeiro García, aportará exemplos concretos da aplicación dos mesmos no eido local dende unha perspectiva progresista e de esquerdas. Esta visión práctica será completada ca experiencia grega a través do representante do Secretariado Xeral de Investimento Público no Ministerio de Economía e Desenvolvemento, Nikoletta Renesi.
Un segundo eixo deste panel será desenvolvido por deputadas e deputados do GUE/NGL integrantes da Comisión de Desenvolvemento Rexional. Abordarase neste espazo o futuro da política de cohesión social da Unión Europea, incidindo nos impactos derivados da redución de orzamento anunciada xa pola Comisión Europea. Esta primeira parte da xornada completarase con un espazo de debate específico sobre servizos públicos e o seu acceso nos municipios locais.
A (2) batalla pola igualdade territorial e o acceso aos servizos públicos para todas as persoas, e nomeadamente no medio rural, enmarcará as mesas de traballo da tarde e acollerá a intervención da concelleira do Movemento Veciñal Estradense, Mar Blanco Casais, que exporá as claves da experiencia na Galiza con respecto ao acceso a transportes e investimentos públicos nas infraestruturas.
Casais compartirá espazo de intervención, entre outras, ca concelleira de Educación, Cultura, Asuntos Sociais e Xestión de Instalacións do distrito de Marzahn-Hellersdorf (Berlín), Juliane Witt; o Presidente da ONG catalá Promoció del Transport Public, Ricard Riol, e o Director Executivo da Organización de Transporte de Tesalónica, Yiannis Tsionas; e a integrante do parlamento e da xunta local se Sorsele, a sueca Inger Stenlund. A eurodeputada Lídia Senra será a responsable de compilar as principais conclusións desta mesa.
O dereito á auga completará este segundo eixo, a través dun panel integrado polo Xefe da Oficina de Autoridades Locais do partido chipriota AKEL (Anorthotikó Kómma Ergazómenou Laoú), Stravros Yerolatsitis; o membro do Concello da cidade de Dublín, Daithí Doolan do Sinn Féin, o alcalde de Castro del Río (Estado español), José Luis Caravaca; e o francés Christian Pellicani, concelleiro de Aix-Marseille e Presidente do Movemento Nacional polo Medioambiente.
A edición de REALPE deste ano pechará cun espazo adicado a debullar unha cuestión transversal á dinamización de servizos públicos, especialmente no medio rural: (3) o despoboamento. Será a través da exposición de Eulalio Fernández, profesor da Universidade de Córdoba.