AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra avisa á CE sobre os prexuízos que suporía a planta de residuos que Toysal quere instalar en Teo

15 Xuño, 2018
  • A eurodeputada insta por escrito á Comisión Europea para que analice a posible incompatibilidade deste proxecto coa Directiva 2010/75/UE 
  • Apoia a Concello e plataforma e reclama que Xunta e empresa faciliten toda a información e a participación das persoas afectadas na decisión

O alcalde de Teo, Rafael Sisto, explicandolle a Lidia Senra como afectaria o proxecto de Toysal ao concello_2656x1494

Santiago, 15 de xuño de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra ven de avisar por escrito á Comisión Europea (CE), sobre os perigos e danos para a terra, para as augas, para a saúde humana e para o futuro socio-económico da zona que acarrearían as instalacións de xestión de residuos que a compañía Toca y Salgado SL (Grupo Toysal) pretende abrir na Casalonga, nuns terreos dunha antiga canteira no concello de Teo. Senra rexistrou este venres en Bruxelas unha pregunta parlamentaria escrita dirixida á CE na que lle informa sobre este proxecto, que está a xerar gran contestación social no Concello de Teo e proximidades. A europarlamentaria, leva deste xeito á CE as reclamacións e preocupación tanto do Concello como da Plataforma Veciñal Casalonga Limpa de Residuos, despois de ter visitado hai uns días a zona afectada e de reunirse con membros do colectivo veciñal, así como co propio alcalde de Teo, Rafael Sisto, e co concelleiro de Benestar, Igualdade, Mocidade e Participación Veciñal, Ignacio Iglesias.

Senra informa á CE de que o pasado mes de decembro, Toca y Salgado SL presentou na Xunta de Galicia un proxecto[1] para a solicitude de autorización ambiental integrada para unhas novas instalacións de xestión de residuos orgánicos no concello deTeo, que tratarían 90.000 toneladas ao ano de lodos de depuradoras e conserveiras, residuos de industrias agroalimentarias, subprodutos animais, xurros e esterco, producindo biogás, abono e lixiviados. A Administración municipal, á que se lle solicitou compatibilidade urbanística, considera inaxeitado[2] ubicar algo así neste concello, que é principalmente lugar de servizos e residencial, sen zona industrial.

A antiga canteira de Casalonga, onde a empresa pretende instalar a planta, está a 450 metros de núcleos de poboación, nun terreo altamente inestable, con significativa pendente e serio risco de desmoronamento e filtracións á auga e á terra, incluído o río Ulla, Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), afectando ás especies animais e vexetais e á saúde humana, con serio risco de chegar á ría de Arousa, onde desemboca o Ulla, e polo tanto afectar a todo o marisqueo, denuncia a europarlamentaria.

“Está claro que este lugar non é o axeitado para unha planta así, xa que estamos a falar dunhas instalacións que ocuparían o espazo equivalente a uns 14 campos de fútbol, que prevé unha balsa de 7.000 metros cúbicos de capacidade, dous gasómetros para 1.000 metros cúbicos cada un, o lavado diario de 20 camións que transportarían os residuos orgánicos e cheiros e máis molestias que terían que soportar as persoas de Teo e gran parte das galegas e galegos que nos poderiamos ver afectados pola contaminación”, defende a eurodeputada.

Ante esta situación, Lídia Senra pregúntalle á Comisión Europea se ten constancia deste proxecto e insta ao ente comunitario a analizar a posible incompatibilidade deste proxecto coa Directiva 2010/75/UE[3] sobre as emisións industriais e a prevención e control integrados da contaminación. Senra considera que dificilmente o proxecto presentado pola empresa se axeita a esta directiva cando non inclúe máis que xeralidades, sen concretar medidas detalladas sobre como evitar a contaminación ás augas e terras. Neste sentido, Senra reclama á CE que tome as medidas oportunas para que, tal e como recolle a citada Directiva, se garanta por parte da Xunta de Galicia e da empresa o acceso a toda a información do proxecto e a participación pública das persoas afectadas no procedemento previo ao permiso da instalación, máxime tendo en conta que o Concello está en contra desta instalación e que hai constituída unha plataforma veciñal preocupada polas posibles consecuencias desta planta de residuos.

A eurodeputada ve con preocupación os proxectos que están proliferando nos últimos tempos en relación ao suposto tratamento de residuos. “Só nos arredores de Santiago, a capital galega, está o vertedoiro creado nas antigas instalacións da mina de Touro[4], o vertedoiro de Grixoa[5] e agora o que pretenden poñer en Teo, sen ter en conta o envelenamento das augas e das terras e da xente que están a provocar e que seguirán provocando como non se poña freo e non se atalle xa o problema dos residuos na Galiza. Pretenden converter o rural nun vertedoiro continuo onde depositar todos os residuos que xera a sociedade de consumo e iso é insostible”, denuncia Senra, que chama a analizar o problema de forma global e buscar unha alternativa respectuosa co medio para a xestión do lixo, que pase por unha maior concienciación da xente e pola necesaria redución de residuos e consumo de plástico.

_________________________

[1] Pódese consultar aquí o proxecto presentado pola empresa:

https://www.teo.gal/sites/default/files/arquivos_nova/proxecto%20toysal.pdf

[2] Pódese consultar aquí o informe encargado polo Concello:

https://www.teo.gal/sites/default/files/arquivos_nova/Informe%20sobre%20Proxecto%20Toysal.pdf

[3] Pódese consultar aquí a Directiva 2010/75/UE:

https://eur-lex.europa.eu/legal-content/PT/TXT/PDF/?uri=CELEX:32010L0075&from=ES

[4] Denuncia no Parlamento Europeo sobre o que está a pasar nas antigas instalacións da mina de Touro:

https://ageuropa.gal/lidia-senra-informa-a-ue-dun-posible-vertido-continuado-de-residuos-toxicos-na-antiga-mina-de-touro/

[5] Iniciativa que levou a cabo Lídia Senra ante a CE en relación ao Complexo de Miramontes, en Grixoa (Santiago):

https://ageuropa.gal/senra-denuncia-na-ce-o-incumprimento-de-directivas-europeas-no-complexo-ambiental-de-miramontes/

Lidia Senra, co concelleiro Ignacio Iglesias e o deputado Anton Sanchez e membros da plataforma veciñal, na Casalonga

Lidia Senra, atendendo as explicacions do concelleiro de Teo Ignacio Iglesias, sobre o proxecto de Toysal na antiga canteira de Casalonga_2656x1494

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Xullo 2025
M T W T F S S
« Mai    
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies