- 200 labregas/os de varios países da UE esixen á Comisión Europea que elabore unha PAC 2021-2027 ao servizo do campesiñado e a cidadanía
- Prezos, regulación dos mercados, modelo agroecolóxico, Soberanía Alimentaria e recoñecemento das mulleres labregas, puntos clave
Bruxelas, 24 de Maio de 2018. Durante a tarde e serán de onte arredor de 200 labregas e labregos formaron parte do maior espazo de debate social a nivel europeo antes da presentación oficial por parte da Comisión Europea da proposta de nova Política Agraria Común (PAC) para o período 2021-2017 [ACCESO AO VÍDEO COMPLENTO DO EVENTO NESTE ENLACE].
Esta xornada, que contou ca participación de campesiñado chegado da Galiza, Euskadi, Portugal, Estado español, Lituania, Bélxica, Alemaña, Polonia, Suecia, Francia, Romanía, Letonia ou Austria foi coordenada pola responsábel do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, Lídia Senra; canda os responsábeis nesta comisión da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas -o francés Eric Andrieu (S&D)- e dos Verdes/Alianza Libre Europea -o alemán Martin Häusling (Verdes/EFA)-, en colaboración co movemento social labrego mundial La Vía Campesina.
A través de tres mesas de debate, representantes da Comisión Europea (CE), do Comité das Rexións (CdR) e do Comité Económico e Social Europeo (CESE) respostaron aos plantexamentos das labregas e labregos europeos en relación ás negativas consecuencias que a actual Política Agraria Común está a ter nas persoas produtoras de alimentos e na sociedade en xeral, tanto na Unión Europea como no resto do planeta. “A miúdo fálase dese grande delirio que é producir para alimentar o mundo, témolo escoitado moito no Parlamento e temos que analizar o que iso significa”, advertiu Lidia Senra na súa quenda de participación durante a mesa de debate que abordou o desregulamento dos mercados. “Canto máis temos que producir para os mercados internacionais, cantos máis quilómetros teñen que percorrer os nosos produtos, menos prezo teñen as labregas e labregos, e perden espazo nos nosos mercados naturais, que son os mercados internos”.
Ademais, a vocación exportadora da UE non só está a arruinar ao campesiñado europeo, senón tamén ao do resto do planeta, de tal xeito que son os grandes capitais financieiros e as grandes agroindustrias as que contan con un corpus lexislativo elaborado á súa medida en detrimento do propio dereito das persoas a unha alimentación sa e de calidade e do dereito dos pobos á súa soberanía alimentaria. “O primeiro que se perde cando se negocian acordos de libre comercio é precisamente a democracia, abonda xa de negociar coas nosas vidas”, esixiu a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, que formou parte do grupo de 10 labregas/os galegas/os desprazadas/os a Bruxelas.
O proceso de reforma da PAC para o periodo 2021-2027 no que estamos inmersas debería ser a oportunidade para unha verdadeira reformulación das políticas agrarias, unha corrección do enfoque actual das políticas agroalimentarias europeas, que conleve retomar a regulación dos mercados e da produción, apostar por garantir prezos que cubran custos de produción e traballo en lugar do actual sistema de subsidios que non fai máis que afondar na inestabilidade e dependencia do campesiñado, situar o modelo agroecolóxico de produción como horizonte a acadar e respectar o dereito dos pobos á súa soberanía alimentaria asumindo a dimensión política e de dereitos humanos desta reivindicación.
“A Unión Europea ten que deixar de utilizar a agricultura como moeda de cambio nos tratados de liberalización comercial”, subliñou a eurodeputada galega. “Ca comida non se xoga e cas nosas vidas non se negocia. A nova Política Agraria Común debería, canto menos, incorporar un cambio de paradigma: situar ás persoas no centro, non aos mercados, os bancos ou as grandes cadeas de distribución e agroindustrias como está a facer actualmente ”.
Outra das cuestións postas onte sobre a mesa aos representantes da Comisión Europea que participaron nesta xornada foi a situación das mulleres labregas. Se ben as mulleres son unha parte fundamental da produción de alimentos en todo o planeta -a FAO calcula que entre o 60 e o 80% da alimentación mundial é producida por mulleres-, a invisibilización das labregas europeas na PAC chega ao punto de que mesmo é difícil atopar datos estatísticos agrarios que proporcionen información sobre a súa situación ou demandas. “A nova PAC debería recoller o dereito á titularidade compartida nas granxas e asumir a importancia de ter en conta ás mulleres labregas no deseño das políticas agrarias. Cuestións como a incorporación das mulleres novas, así como a xubilación daquelas que toda a vida estiveron a desempeñar traballos agrarios teñen que ser asumidas como cuestións políticas centrais a resolver”.
Pendentes das características concretas da proposta da Comisión Europea para a PAC 2021-2027, que en principio será anunciada o venres 1 de xuño, a sesión plenaria do Paralmento Europeo que terá lugar a vindeira semana en Estrasburgo posíbelmente incorpore a votación do primeiro informe realizado pola Eurocámara, aprobado o pasado 16 de maio co voto en contra da eurodeputada Lídia Senra, quen alertou de que “lonxe de mellorar, empeora a posición europea”.
“A actual Política Agraria Común é inxusta para o campesiñado, a sociedade e o medioambiente. A reforma para o período 2021-2017 debería ser aproveitada como a oportunidade para dunha vez por todas asumir que a alimentación é unha cuestión de saúde e de vida, non un negocio”, concluíu Senra. Na súa vontade de seguir dinamizando o debate con respecto ás propostas a realizar durante o actual proceso de reelaboración da PAC, este sábado 26 de maio a eurodeputada galega desenvolverá en Vedra o encontro “Acceso aos servizos básicos: Un dereito imprescindíbel para un rural vivo en Europa”.