- A eurodeputada votou contra o documento inicial abordado na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo por profundizar nas medidas neoliberais
- Propón un cambio radical da Política Agraria Común para mudar o modelo, lograr rendas dignas e responder ás necesidades do conxunto da sociedade
Santiago, 18 de maio de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra, ofreceu este venres unha rolda de prensa en Santiago para valorar as perspectivas da Política Agraria Común (PAC) para o 2021-2027 que se está a abordar no Parlamento Europeo. A europarlamentaria informou de que este pasado mércores se someteu a votación en Bruxelas, na Comisión de Agricultura, a comunicación da Comisión Europea (CE) titulada “O futuro dos alimentos e da agricultura”[1], que marca a posición inicial e as liñas de orientación cara á futura PAC. “Votamos en contra desde documento porque consideramos que non aporta nin unha soa solución para resolver a grave crise que afecta aos labregos e labregas e ao medio rural na Unión Europea”, defendeu Senra, que avanzou que o que queda de primavera e o verán e outono será meses de importante traballo, xa que previsiblemente a comunicación irá a votación do pleno parlamentario a finais deste maio para despois continuar o proceso.
Senra explicou que o seu voto en contra é motivado por varias razóns. Así, asegurou que o documento “vai no camiño de seguir profundizando nas medidas neoliberais que se veñen aplicando desde a reforma de 1992”. “Se realmente se quere ter un rural vivo e unha seguridade alimentaria e uns alimentos de calidade e se quere que o medio rural contribúa a solucionar os problemas derivados do cambio climático, ten que haber modificacións profundas no modelo que impulsa a UE. Se seguimos co mesmo modelo, como se pretende, os problemas agravaránse, en lugar de resolverse”, dixo.
A eurodeputada explicou que en canto á situación da renda das labregas e labregos, o informe recoñece aspectos importantes como que o pago en base aos dereitos históricos baseado en referencias que teñen case 20 anos é un obstáculo para o relevo xeracional e sempre perxudicou. Tamén considera a necesidade de establecer un tope para as axudas e recoñece tamén que é necesario apoiar ás pequenas e medianas explotacións agrarias. E tamén recoñece a necesidade de superar a volatilidade dos prezos. “Sen embargo, as medidas que se propoñen non van servir para resolver ningún destes problemas. Por exemplo, a cuestión dos dereitos históricos non vai ser resolta porque non vai haber unha verdadeira redistribución a nivel europeo porque o informe propón que o diñeiro que se aforre co límite das axudas ás explotacións quede no Estado ou na rexión. É dicir, vanse manter as profundas desigualdades no reparto provocado polos dereitos históricos en países como o noso ou nos da Europa do Leste. As labregas e labregos seguirán sendo discriminados na percepción das axudas, o que nun contexto de mercado únido os coloca nunha situación de competencia desleal”, afirma.
Lídia Senra considera que se fala de poñer solucións para facerlle fronte á volatidade dos prezos dos produtos agrícolas, pero que sen embargo non se contemplan saídas reais. “Propóñense medidas fracasadas como os acordos voluntarios, como por exemplo a redución voluntaria na produción do leite ou o reforzo da posición dos agricultores e agricultores a través de Organizacións de Produtores (OPs). As OPs propostas non sirven para facerlle fronte á problemática dos prezos pagados aos labregos e labregas. Todo o contrario, son un instrumento para profundizar no abandono das políticas públicas na agricultura”, dixo. “As OPs son outra vía de despilfarro de diñeiro público para seguir desmantelando o sector agrario”, recalcou.
Fronte a este documento, Senra propón que se realmente se quere garantir unha renda digna para o traballo das labregas e labregos e para os bens que aportan á sociedade son necesarias políticas públicas que regulen os mercados e a produción, adecuando a oferta á demanda, coa fixación dos prezos mínimos e con control da produción. Tamén defende que é necesario regular os mercados internos e poñer fin á vontade exportadora e ao dumping no mercado internacional, que destrúe a pequena e mediana agricultura no mundo. “Fálase moito dos acordos comerciais e de buscar saída para os produtos nos mercados internacionais, e iso non é máis que unha farsa, perxudica aos pequenos e medianos produtores e produtoras. Os mercados internacionais só son para os grandes. Vímolo en Brasil, nunha visita recente da Comisión de Agricultura na que nos levaron a comprobar o gran agronegocio. Estanse preparando para vender carne para a UE, vendéndoa a pouco máis de 2 euros o quilo. Esa carne vai entrar en competencia coas nosas pequenas e medianas explotacións. Nós aquí non podemos producir a 2 euros o quilo, será a ruina das medianas e pequenas explotacións e das zonas de montaña. Os acordos comerciais hai que paralos, non aportan ningún beneficio, o único que fan é ser moneda de cambio”, dixo.
Ademais, no informe tampouco se aporta nada para resolver o problema da calidade dos alimentos, cambio climático ou seguridade alimentaria. Para iso é ncesario cambiar o modelo de produción e non se fala para nada diso. A propia FAO (Organización das Nacións Unidas para a alimentación) acaba de celebrar un simposio en Roma sobre a contaminación dos solos e considera fundamental implementar medidas para loitar contra iso. “A contaminación dos solos ven da produción intensiva, do uso de herbicidades, adubos químicos, pesticidas, da minería, da mala xestión dos residuos urbanos, etc. E iso non se aborda. Só cambiando o modelo poderemos ter unha agricultura sana e de calidade”. Non obstante, denunciou que o cambio climático vaise utilizar para introducir na PAC axudas para os propietarios forestais co fin de proporcionar materia prima barata para favorecer o que eufemisticamente se denomina bioeconomía en detrimento das axudas aos labregos e labregas e en competencia coa terra agrícola.
Outra das carencias do documento é que non se recollen medidas efectivas de acción positiva dentro da PAC para conseguir a igualdade e recoñecemento das mulleres labregas. “Desde a PAC débese recoñecer a titularidade compartida e esa emenda nosa non foi aceptada”, informou.
Senra asegurou que seguirá traballando para intentar introducir medidas en positivo e que de non haber cambios substanciais seguirá votando en contra e traballando para lograr unha PAC que responda ao conxunto dos intereses da sociedade.
Rolda de prensa da eurodeputada Lídia Senra [18/05/2018] | |
TEMA DA INTERVENCIÓN | Futura Política Agraria Común 2021-2027 |
ENLACE AO AUDIO DA ROLDA DE PRENSA | https://bit.ly/2IMYOhR |
_______________
[1] Pódese consultar aquí: