- Ás 19:30h. no Ateneo Ferrolán (Magadalena,202-204), coa eurodeputada galega Lídia Senra e a Coordinadora de AGAMME, Estrela Gómez Viñas
- Senra reclama unha avalición profunda do nesgo machista na xustiza e que toda persoa que traballe neste ámbito teña formación sólida de xénero
Ferrol, 10 de maio de 2018. O Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) acollerá este venres, 11 de maio, ás 19:30 horas, a presentación do libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa” coordinado pola eurodeputada Lídia Senra. No acto público, intervirán ademais da propia europarlamentaria, a Coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), Estrela Gómez Viñas.
Continúa así en Ferrol, despois de ter lugar xa en Chantada, Vigo e A Estrada, a serie de actos que están levando a Lídia Senra a visitar nas últimas semanas diferentes concellos galegos para presentar a cita publicación que se reparte de xeito gratuíto. A europarlamentaria quere poñer enriba da mesa o debate sobre como artellarse na sociedade para derrotar o patriarcado e o machismo e facer que todos os dereitos das mulleres sexan respectados. Unha dos pasos claves, sen dúbida, defende, sería facer unha avaliación profunda do nesgo machista co que se aplica a diario a xustiza e dotar de medios e dunha sólida formación con perspectiva de xénero a todas as persoas que teñen que implementar e aplicar as leis.
A publicación, cuxa versión dixital se pode consultar na web de Lídia Senra, recolle textos de mulleres que participaron na xornada organizada por Senra en novembro do 2016 en Ourense co mesmo título que o libro e na visita realizada ao Parlamento Europeo en novembro do 2015 para participar na xornada “O nesgo machista na aplicación das políticas: o caso da Xustiza”. Así, na primeira parte recóllense artigos da feminista e profesora da Universidade de Valladolid Alicia H. Puleo, sobre o ecofeminismo; da brasileira doutoranda en socioloxía Eliane de Moura Martins, sobre o feminismo popular para facerlle fronte á colonialidade, ao capitalismo depredador e a todas as formas de machismos; de Fiadeiras, o Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), sobre a acción social desde o feminismo e a súa experiencia de traballo; das membros de Anova Ourense Nerea Conde e Tania Bouzo, sobre participación política e liderado feminino; da deputada Paula Verao, sobre a loita contra a precariedade e pobreza laboral feminina; e da Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, Rosa Álvarez, sobre como os micromachismos cimentan o patriarcado.
Na segunda parte do libro, recóllense artigos da eurodeputada do GUE/NGL Ángela Vallina, sobre a figura da Síndrome de Alienación Parental (SAP) como reforzo do heteropatriarcado nas sociedades europeas; da concelleira de Marea de Vigo Marga López Barreiro, sobre o nesgo machista na xustiza; da psicóloga clínica forense e experta en vitimoloxía e violencia de xénero Sonia Vaccaro, sobre a utilización do SAP como unha forma de violencia machista máis; da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, sobre as dificultades da violencia machista nos procesos xudiciais; de Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), sobre por que se debe incluír a cuestión dos dereitos da infancia no debate sobre o nesgo de xénero presente nas institucións; da coordinadora da Área de Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG), Ana Eiras, sobre a realidade das mulleres labregas; e de Rosa Álvarez novamente, desta vez cunha ollada desde a psicoloxía á violencia contras as mulleres para unha abordaxe integral do problema.