- Senra denunciou no pleno do PE o nesgo machista da sentenza referida á violación en grupo cometida por cinco homes en “sanfermines” 2016
- Reiterou á Comisión Europea a demanda de pór en marcha unha Directiva Comunitaria para facer fronte á violencia machista
Bruxelas, 03 de Maio de 2018. Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), aproveitou unha das súas quendas de intervención durante a sesión plenaria do Parlamento Europeo para chamar a atención sobre a grande indignación social que espertou a sentenza que reduce a abuso o brutal ataque sexual realizado durante as Festas de San Fermín (2016) por cinco homes que se autodenominan “manada”. “Non foi abuso. Foi violación”, reiterou na Eurocámara. Cualificou a sentenza de “machista” e alertou do “duro golpe” que asesta ás mulleres, “ao noso dereito a sentirnos libres, ao noso dereito a non ser violadas nin atacadas sexualmente”.
“É urxente rematar ca ‘cultura da violación’ e garantir a perspectiva de xénero en tódalas persoas que teñen que aplicar as leis”. Senra, responsábel a nivel de todo o Parlamento Europeo da transversalización da perspectiva de xénero na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural apelou a “non permitir que haxa profesionais na xustiza sen formación en perspectiva de xénero para abordar as cuestións que están directamente relacionadas cas mulleres”.
Por último, como xa ten reiterado ao longo desta lexislatura, a eurodeputada galega exhortou unha vez máis á Comisión Europea a pór en marcha unha Directiva para loitar contra a violencia machista e adoptar esta liña de traballo como unha prioridade das institucións comunitarias.
Lídia Senra ten abordado en varias ocasións a necesidade estratéxica de garantir que as persoas responsábeis da elaboración e desenvolvemento das distintas políticas e leis conten con unha formación sólida en perspectiva de xénero. Xa no ano 2015 desenvolveu no Parlamento Europeo a xornada “O sesgo machista na aplicación das políticas: O caso da xustiza”, onde seis poñentes especializadas subliñaron as claves para detectar e afrontar a violencia machista presente nos procesos xudiciais.
Actualmente atópase inmersa tamén na rolda de presentacións na Galiza da publicación “O feminismo, imprescindíbel para construír outra Europa”, no que se recollen tanto intervencións realizadas durante a xornada celebrada en Bruxelas, como na xornada internacional sobre feminismo realizado no ano 2016 en Ourense baixo o mesmo título da publicación editada este ano.
A próxima presentación terá lugar este sábado 5 na Sala Abanca de A Estrada, onde Lídia Senra estará acompañada por Eva Bastión, integrante do Grupo de Traballo en Igualdade Fiadeiras, do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais; e Mar Blanco Casais, edil de Móvete. A seguinte cita será o venres 11 de maio na no Ateneo Ferrolán, contando ca participación de Estrela Gómez, coordinadora de Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME).
((Imaxe de portada: Marcha Mundial das Mulleres Galiza))