- O Parlamento Europeo debateu en sesión plenaria medidas para facer fronte á sinistralidade laboral na actividade agraria
- Senra lembrou que os agrotóxicos son a segunda fonte de risco para o campesiñado e demandou estudos independentes sobre os seus efectosç
Bruxelas, 3 de Maio de 2018. A eurodeputada galega do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, interveu durante a sesión plenaria do Parlamento Europeo no debate correspondente a unha pregunta oral dirixida á Comisión Europea sobre seguridade laboral no sector agario, que buscaba chamar a atención sobre os máis de 500 accidentes mortais que segundo Eurostat tiveron lugar na Unión Europea durante o ano 2015, así como solicitar a posta en marcha de medidas concretas ao respecto.
Na súa intervención, a coordenadora do GUE/NGL na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural chamou a atención sobre o feito de que “se ben a maquinaria é a principal responsable das lesións e mortes ocorridas no desempeño do traballo agrario, a exposición a praguicidas e outros agroquímicos constitúe a segunda fonte principal de risco para a saúde das labregas e labregos”.
Polo tanto, ademais do establecemento de medidas orientadas especificamente a reducir accidentes coas maquinarias e os animais no desenvolvemento do seu traballo e recoñecer as enfermidades profesionais, apelou á necesidade de “concienciar e informar do risco que supón o uso e o manexo dos agrotóxicos”. Así, xunto co establecemento de medidas de prevención, Senra demandou á Comisión Europea e aos Estados membro a elaboración de estudos “serios, rigorosos e independentes” que aborden “os efectos potenciais na saúde a medio e longo prazo da exposición aos pesticidas, e a súa relación con certos tipos de cancro e malformacións fetais”.
Lídia Senra, responsábel a nivel de todo o Parlamento Europeo do seguimento da transversalización da perspectiva de xénero na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, fixo mención específica á necesidade de incorporar tamén o enfoque de xénero neste ámbito, tanto nas análises previas como nas medidas de prevención orientadas a minimizar a sinistralidade laboral agraria. Un xeito de avanzar neste sentido, propuxo, sería “incrementar a participación das mulleres na toma de decisións relativas á seguridade e saúde laborais”.