AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Preséntase este venres en Vigo o libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”

26 Abril, 2018 femiinismo, GUE/NGL, Libraría Andel, Lidia Senra, Marga López Barreiro, Rosa Fontaíña, Vigo
  • Ás 20:00hrs. na Libraría Andel, coa eurodeputada Lídia Senra, a edil Marga López e a voceira da Rede de Mulleres contra os Malos Tratos Rosa Fontaíña 
  • Senra chama a combater as resistencias que hai á entrada de mulleres feministas nos órganos de dirección das organizacións e nas listas electorais

Presentacion-libo-feminismo-imprescindible-en-Vigo-721x1024Vigo, 26 de abril de 2018. A Libraría Andel de Vigo (Avenida das Camelias, 102) acollerá este venres, 27 de abril, a presentación do libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa” coordinado pola eurodeputada Lídia Senra. No acto público, que dará comezo ás 20:00 horas, intervirán ademais da propia europarlamentaria, a concelleira de Vigo Margarida López, e a coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo Rosa Fontaíña.

Senra defende que as medidas de acción positiva cara á igualdade levadas a cabo nos últimos anos como as cotas de participación foron un paso moi importante, pero chama a “seguir loitando” porque “aínda hai moitas organizacións onde nin sequera se ten asumido a paridade formal”. “Necesitamos seguir combatendo as resistencias das organizacións á entrada de mulleres feministas nos seus órganos de dirección ou nas listas electorais, e necesitamos romper ese teito de cristal no que, a pesar de ter acadado o obxectivo da paridade, se nos consagra ás mulleres como eternas segundonas”, reclama a eurodeputada. Así mesmo, ve “imprescindible facer unha avaliación profunda da situación e dotar de medios e dunha sólida formación con perspectiva de xénero a todas as persoas que teñen que implementar e aplicar leis das que nos imos dotando para garantir os dereitos das mulleres”.

Ademais da versión impresa, que conta cunha tirada inicial de 1.500 exemplares e que se está repartindo xa de xeito gratuíto por toda Galiza, o libro está dispoñible tamén en aberto na súa versión dixital na propia web de Lídia Senra. Despois da cita deste venres en Vigo, o sábado 5 de maio está previsto un acto ás 19:00 horas na Sala Abanca da Estrada para presentar o libro tamén alí; e o venres 11 de maio, ás 19:30 horas, terá lugar a presentación do libro no Ateneo Ferrolán.

A publicación recolle textos de mulleres que participaron na xornada organizada por Senra en novembro do 2016 en Ourense co mesmo título que o libro e na visita realizada ao Parlamento Europeo en novembro do 2015 para participar na xornada “O nesgo machista na aplicación das políticas: o caso da Xustiza”. Así, na primeira parte recóllense artigos da feminista e profesora da Universidade de Valladolid Alicia H. Puleo, sobre o ecofeminismo; da brasileira doutoranda en socioloxía Eliane de Moura Martins, sobre o feminismo popular para facerlle fronte á colonialidade, ao capitalismo depredador e a todas as formas de machismos; de Fiadeiras, o Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), sobre a acción social desde o feminismo e a súa experiencia de traballo; das membros de Anova Ourense Nerea Conde e Tania Bouzo, sobre participación política e liderado feminino; da deputada Paula Verao, sobre a loita contra a precariedade e pobreza laboral feminina; e da Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, Rosa Álvarez, sobre como os micromachismos cimentan o patriarcado.

Na segunda parte do libro, recóllense artigos da eurodeputada do GUE/NGL Ángela Vallina, sobre a figura da Síndrome de Alienación Parental (SAP) como reforzo do heteropatriarcado nas sociedades europeas; da concelleira de Marea de Vigo Marga López Barreiro, sobre o nesgo machista na xustiza; da psicóloga clínica forense e experta en vitimoloxía e violencia de xénero Sonia Vaccaro, sobre a utilización do SAP como unha forma de violencia machista máis; da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, sobre as dificultades da violencia machista nos procesos xudiciais; de Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), sobre por que se debe incluír a cuestión dos dereitos da infancia no debate sobre o nesgo de xénero presente nas institucións; da coordinadora da Área de Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG), Ana Eiras, sobre a realidade das mulleres labregas; e de Rosa Álvarez novamente, desta vez cunha ollada desde a psicoloxía á violencia contras as mulleres para unha abordaxe integral do problema.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra

Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito

26 Maio, 2019
Lidia Senra comprando no mercado de teo

Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei”

25 Maio, 2019
Vista xeral_2592x1460

Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade

24 Maio, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies