- Unha delegación de 18 persoas acudirá ao PE o vindeiro mércores 2 de decembro en representación de distintas asociacións e entidades
- A eurodeputada Lídia Senra promoveu esta viaxe co obxectivo de denunciar a contaminación e realizar unha posta en común das loitas
Bruxelas, 27 Novembro 2015. Integrantes do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, a Plataforma de Defensa do Río Baa, SOS Río Miño, Agrupación de Mariscadoras a Pé da Confraría de Pescadores de San Telmo de Pontevedra, Plataforma Sarriana polo Río, Plataforma de Cospeito, Asociación Xentes de Mar Viva e representantes do sector acuícola de Burela e artes menores de Narón, acudiran ao Parlamento Europeo (Bruxelas) o vindeiro mércores 2 de novembro para trasladar as súas experiencias de loita e denuncia da contaminación das rías e ríos galegos.
Esta iniciativa, impulsada pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, avanza na liña de visibilizar no Parlamento Europeo (PE) os distintos conflitos e reivindicacións que a cidadanía está a levar adiante no noso País día a día.
Na Galiza temos 18 rías e aproximadamente 10.000 ríos, e unhas e outros son sistemas ecolóxicos en si mesmos, aos que debemos prestar atención tanto a nivel interno como das distintas repercusións nas áreas xeográficas polas que descorren.
Así, este encontro terá como obxectivo inmediato realizar unha posta en común das problemáticas derivadas da contaminación das rías e ríos galegos, “unha cuestión de importante impacto tanto a nivel medioambiental como social e produtivo”, lembrou Senra“.
Alternativa Galega de Esquerda en Europa tense dirixido xa en repetidas ocasións á Comisión Europea denunciando a situación de moitas das canles hidográficas galegas a través de preguntas parlamentarias, como por exemplo as realizadas ao respeito das sendas fluviais do río Tea e Castro da Croa (LIC Río Tea), Ría de Ferrol (Reganosa, Forestal del Atlántico e marisqueo) ou a depuradora de Coruxo.
Aliás, Senra promoveu o pasado 7 de novembro un seminario en Cangas o baixo o título “As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro”, articulada en torno a oito mesas temáticas integradas por máis de quince representantes directos do sector.
Imaxe da Ría de Vigo: http://www.wikiwand.com/gl/Miticultura