- Na mañá de hoxe o Parlamento Europeo debateu sobre a reacción da Unión Europea fronte aos atentados sufridos en París o pasado venres
- AGEe demanda unha estratexia baseada no cese do financiamento aos terroristas e a contribución sólida ao empoderamento dos pobos
Estrasburgo, 25 Novembro 2015. No marco da sesión plenaria que está a ter lugar en Estrasburgo durante esta semana[1], o Parlamento Europeo debateu como primeiro punto da orde do día de hoxe a situación xerada na Unión Europea logo dos atentados sufridos en París o pasado venres.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, reiterou hoxe o seu “máis fondo pesar e total rexeitamento aos recentes atentados de París, Túnez, Beirut e Bamaco. Non hai escusa, nin xustificación para o terrorismo”, salientou. Aliás, recalcou a eurodeputada galega, “manifesto tamén o mesmo pesar e rexeitamento polas mortes que ocasionan as potencias occidentais alí onde están intervindo”. Porque, abondou, “o que vostedes chaman ‘efectos colaterais’, son tamén asasinatos de civís indefensas e indefensos, vítimas exactamente iguais que as que provocan os terroristas”.
Senra instou ao Parlamento a reaccionar con responsabilidade e non contribuír a un aumento da tensión internacional, porque “a violencia, xera violencia, e non son as armas nin a vinganza o xeito de resolver os conflitos”.
Os intereses económicos e neocoloniais dos Estados do Norte levan décadas xerando pobreza e miseria nos países do Sur, provocando e alentando guerras, conflitos e enfrontamentos fraticidas “co único fin de manter no poder a quen en cada momento entenden que apoia os intereses económicos das multinacionais para as que gobernan”, sinalou. “Nestes mesmos días moitas voces están lembrando como a propia Hillary Clinton confirmou que os Estados Unidos financiaron a Al Qaeda, ou as recentes declaracións de Blair asumindo que a intervención en Irak foi un aliciente para o reforzamento do ISIS“, citou como exemplo.
Polo tanto, tras a esta presión bélica reiterada contra países concretos que están a impoñer as potencias occidentais, “non se atopa a vontade de velar pola nosa seguridade, nin tampouco a de apoiar a democracia nin a mellora das condicións de vida dos pobos do Sur, senón o interese duns poucos”.
Lídia Senra tamén criticou duramente hoxe dende Estrasburgo o xeito no que se están a instrumentalizar os atentados perpetrados en París o pasado 13 de novembro, esixindo que as institucións europeas e os gobernos do Estados “non caian na tentación de crear pánico nos nosos pobos e xerar un clima de terror para que aceptemos de bo grado mais intervencións militares no exterior e maiores medidas represivas nos nosos países”, unha situación que, ademais, contribuiría a xerar medo e rexeitamento cara as persoas refuxiadas que chegan a territorio europeo, “persoas que precisamente foxen das consecuencias das nosas actuacións”.
Así, a eurodeputada de AGEe acusou aos gobernos occidentais de estar a intentar empregar a loita contra o terrorismo “para introducir as medidas represivas que vostedes precisan para silenciarnos mentras nos rouban os bens comúns e os servizos públicos, destrúen emprego e déixannos sen teito nin pan”, enfatizou Senra.
“Se realmente queren combater o terrorismo prohiban o tráfico e venda de armas, denuncien a quenes financian estes grupos a través da compra de petróleo a baixo custo, bloqueen as súas fontes de financiamento”, recomendou. Para procurar realmente unha convivencia en paz, “permitan que os pobos recuperen realmente a súa soberanía e podan ser donos dos seus propios recursos”.
“Eu dígolles que non”, concluíu con contundencia a eurodeputada de AGE, “non á guerra, non á intervención militar, nin no meu nome nin no da inmensa maioría da poboación, que queremos a paz, a dignidade e a liberdade e cremos na solidariedade“. “Poñan fin á guerra e dirixan os seus esforzos a establecer unha cultura da paz”, demandou no Parlamento Europeo.