- A eurodeputada galega é a responsábel a nivel de todo o PE para a transversalización da perspectiva de xénero na Comisión de Agricultura
- “As mulleres alimentan ao mundo”, reitera, “os seus aportes no deseño das políticas agrarias e de desenvolvemento rural son imprescindíbeis”
Bruxelas, 12 de Abril de 2018. Lídia Senra presentou esta mañá na Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero do Parlamento Europeo (PE) as liñas que estruturan o plan de acción para avanzar na transversalización da perspectiva de xénero nos traballos a desenvolver pola Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural (ComAGRI) do PE.
A deputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)[1], ademais de ser a coordenadora do seu grupo parlamentario na ComAGRI dende o inicio de lexislatura, é tamén a responsábel a nivel do Parlamento Europeo (PE) para a transversalización da perspectiva de xénero neste comité. Aliás, ademais das iniciativas levadas a cabo neste sentido a través tanto da Comisión de Agricultura como da sesión plenaria, así como das achegas realizadas a outras comisións, no ano 2017 Senra foi correlatora dunha resolución que puxo sobre a mesa especificamente o papel das mulleres nas zonas rurais.
A capacitación continua en perspectiva de xénero do persoal técnico que traballa na Comisión de Agricultura; a procura do equilibrio de xénero nas persoas expertas convidadas como relatoras ás audiencias da Comisión, así como na composición das delegacións internacionais de eurodeputadas/os, ou a designación dunha persoa que fará seguimento da implementación do plan, son algúns dos puntos contemplados nesta folla de ruta no que respecta á organización das dinámicas internas de traballo.
“Xunto ca procura da paridade en tódolos eidos, pensamos que a formación en perspectiva de xénero é un punto de partida ineludíbel”, explica Senra, “as persoas que forman parte dos procesos de elaboración e aplicación dos marcos políticos e legais polos que se rexen as sociedades teñen que recibir capacitacións que garantan a adopción da perspectiva de xénero; se non, moitas das medidas que logramos consensuar corren o risco de ficar unicamente no papel ou, o que é inda peor, de non seren interpretadas ou postas en práctica correctamente”.
No nivel lexislativo, o plan presentado hoxe pola eurodeputada galega incide na necesidade de asegurar que a situación específica e os desafíos que enfrontan as mulleres labregas e, en xeral, as mulleres que viven no medio rural, sexan tomadas en conta de cara a ser incorporadas no deseño da Política Agraria Común a aplicar a partir do ano 2020, que está a ter lugar arestora nas institucións comunitarias.
“Como levamos advertindo dende fai moitos anos, a situación profesional das mulleres labregas a nivel europeo está marcada por unha fonda desigualdade. Isto visibilízase por exemplo de xeito moi claro na cuestión da titularidade das explotacións agrarias. Unha vía para superar esta situación é desenvolver todas as medidas políticas e lexislativas precisas para garantir a cotitularidade nas explotacións”, abondou. “Moitas mulleres traballan durante toda a súa vida como labregas na granxa familiar pero sen ter os dereitos asociados á figura de titular da mesma”.
Tamén no eido da elaboración de políticas agrarias e de desenvolvemento rural, o documento presentado hoxe recolle que as delegacións internacionais da ComAgri deberán contemplar na súa axenda xuntanzas con organizacións de mulleres, ademais de proporcionar información previa sobre puntos clave da situación das mulleres que viven nas áreas rurais do país ao que se despraza a delegación. En xeral, todas as liñas de investigación desenvolvidas dende esta Comisión deberán contemplar os roles e demandas das mulleres de xeito concreto, recolléndoos nos informes, opinións e calquera tipo de documento emanado da mesma, a fin de visibilizar os impactos de xénero específicos presentes nas políticas impulsadas dende o Parlamento Europeo.
Malia o paso adiante dado hoxe, Senra critica os limitados esforzos reais realizados polas institucións, que moi a miúdo adoptan unha posición de apoio á igualdade só a nivel discursivo. No caso da propia Comisión de Agricultura, incidiu, “o Plan de acción do Parlamento Europeo para a promoción da igualdade de xénero foi aprobado no ano 2015, pero non foi até xullo do ano pasado cando dimos consensuado as liñas do plan específico da nosa Comisión. É preciso un compromiso máis forte.”
A día de hoxe, a Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo está conformada por 34 homes e 12 mulleres. Con respecto ás persoas expertas consultadas, resulta significativo o feito de que as persoas convidadas durante o ano 2017 para achegar as claves analíticas do sector foran un total de 26 homes e 8 mulleres.
Cada vez son máis os organismos e institucións internacionais que, como se vén reivindicando dende o eido social e dende algunhas organizacións agrarias dende fai moitos anos, subliñan o rol diferenciado que as mulleres teñen na produción de alimentos a nivel mundial. Como exemplo podemos tomar o 62.º período de sesións da Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller das Nacións Unidas no que a eurodeputada galega participou o pasado mes de marzo en Nova York, evento que situou como tema principal o empoderamento das mulleres e nenas que habitan nas zonas rurais.
A eurodeputada galega animou hoxe a seguir avanzando neste sentido: “Segundo os datos da propia FAO, as mulleres alimentan ao mundo, e ademais apostan maiormente por modelos respectuosos co medioambiente que axudan a combater o quecemento global. Por outra banda, o mundo rural ten sido históricamente un espazo de salvagarda das identidades culturais dos pobos, tamén as agroalimentarias, e sempre con un destacado rol por parte das mulleres. Os seus aportes ás políticas agrarias son imprescindíbeis”.
[1] O GUE/NGL é o único grupo político do PE con conformación paritaria de euodeputadas/os.