- O acto será ás 16:30 hrs. na Casa veciñal de Arcos e falarán a eurodeputada Lídia Senra, a deputada Paula Verao e a veciña chantadina Olga Otero
- Senra chama á tolerancia cero co machismo e defende que “de bo rollo” as mulleres nunca acadaremos o recoñecemento práctico dos nosos dereitos
Santiago, 11 de abril de 2018. O libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa” coordinado pola eurodeputada Lídia Senra, presentarase este sábado, 14 de abril, na Casa dos Veciños e Veciñas de Arcos , en Chantada, nun acto público que derá comezo ás 16:30 horas e no intervirán, ademais da propia parlamentaria europea, a deputada no Parlamento Galego Paula Verao, e a veciña de Arcos Olga Otero.
Senra recoñece que nas últimas décadas se ten avanzado moito e que a organización e a loita do feminismo ten conseguido derrubar leis retrógradas e que se recoñeceran legalmente os dereitos das mulleres. Pero na realidade e na práctica do día a día da rúa, “seguimos batendo co patriarcado e co machismo que coas súas prácticas se encargan de que as leis fiquen o máis posible só no papel”. Así, a eurodeputada defende que “ás mulleres non se nos regala nada” e ve necesario asumir que “de bo rollo nunca imos acadar o recoñecemento práctico dos nosos dereitos”. Así, aposta por que para rematar co patriarcado “necesitamos ser inflexibles na deconstrución do pensamento que o sustenta e na denuncia; temos que ter tolerancia cero con todas as manifestacións e prácticas machistas en todos os ámbitos, incluídas as institucións, onde non podemos quedar caladas ante as diferentes prácticas de violencia”.
O libro recolle textos de diferentes mulleres que participaron na xornada organizada por Senra en novembro do 2016 en Ourense co mesmo título que o libro e na visita realizada ao Parlamento Europeo en novembro do 2015 para participar na xornada “O nesgo machista na aplicación das políticas: o caso da Xustiza”. Así, na primeira parte recóllense artigos de por exemplo a feminista e profesora da Universidade de Valladolid Alicia H. Puleo, sobre o ecofeminismo; da brasileira doutoranda en socioloxía Eliane de Moura Martins, sobre o feminismo popular para facerlle fronte á colonialidade, ao capitalismo depredador e a todas as formas de machismos; de Fiadeiras, o Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), sobre a acción social desde o feminismo e a súa experiencia de traballo; das membros de Anova Ourense Nerea Conde e Tania Bouzo, sobre participación política e liderado feminino; da deputada Paula Verao, sobre a loita contra a precariedade e pobreza laboral feminina; e da Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, Rosa Álvarez, sobre como os micromachismos cimentan o patriarcado.
Xa na segunda parte do libro, recóllense artigos da eurodeputada do GUE/NGL Ángela Vallina, sobre a figura da Síndrome de Alienación Parental (SAP) como reforzo do heteropatriarcado nas sociedades europeas; da concelleira de Marea de Vigo Marga López Barreiro, sobre o nesgo machista na xustiza; da psicóloga clínica forense e experta en vitimoloxía e violencia de xénero Sonia Vaccaro, sobre a utilización do SAP como unha forma de violencia machista máis; da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, sobre as dificultades da violencia machista nos procesos xudiciais; de Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), sobre por que se debe incluír a cuestión dos dereitos da infancia no debate sobre o nesgo de xénero presente nas institucións; da coordinadora da Área de Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG), Ana Eiras, sobre a realidade das mulleres labregas; e de Rosa Álvarez novamente, desta vez cunha ollada desde a psicoloxía á violencia contras as mulleres para unha abordaxe integral do problema.
Ademais da versión impresa, que conta cunha tirada inicial de 1.500 exemplares e que se está repartindo xa de xeito gratuíto por toda Galiza, o libro está dispoñible tamén en aberto na súa versión dixital na propia web de Lídia Senra. Ao acto en Chantada sucederanlle nas próximas semanas outras presentación do libro ás que tamén asistirá a eurodeputada (Labraría Andel de Vigo, o venres 27 de abril ás 20:00 horas; e Sala Abanca da Estrada, o sábado 5 de maio ás 19:00 horas).