- A eurodeputada presentou 84 emendas a un informe no que o PP aposta por expandir a industrialización da produción acuícola a escala europea
- Senra pide estudos exhaustivos dos impactos da acuicultura e censura a concesión acelerada de licencias que só busca favorecer aos inversores
Bruxelas, 6 de marzo de 2018. Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) acaba de presentar 84 emendas na comisión de Pesca do Parlamento Europeo na defensa de controis rigorosos dos impactos ambientais, sociais e económicos da acuicultura industrial. A eurodeputada galega propón deste xeito cambios substanciais ao proxecto de informe Cara un sector europeo da acuicultura sostíbel e competitivo: situación actual e futuros desafíos. O texto orixinal, do que é relator o eurodeputado do Partido Popular Carlos Iturgaiz, teima en favorecer a imposición do sector acuícola industrial a nivel europeo e relaxar os controis para autorizar novas explotacións baixo o pretexto de “posibles retrasos burocráticos e a inseguridade xurídica”, unha medida na que Senra ve “un intento de favorecer ás empresas multinacionais e aos inversores”.
A eurodeputada galega sinala nas súas emendas que non debe considerarse sostíbel ningún tipo de acuicultura que use fariñas e aceites de pescado para alimentar os peixes en catividade, xa que supón seguir sobreexplotando os caladoiros para coller os peixes necesarios para elaborar os piensos. “Ca alimentación en base a fariñas para conseguir un quilo de atún vermello fan falla 20kg de peixe”, exemplificou. Asemade, subliña a necesidade de que a normativa sobre saúde animal da UE teña en conta a gravidade dos danos que provocarán nos ecosistemas os medicamentos para o tratamento de infeccións e enfermidades, e os impactos que terán na saúde das persoas que coman peixes e mariscos procedentes do cebo industrial. Ademais, Senra esixe unha avaliación exhaustiva dos impactos económicos, sociais e medioambientais dos proxectos acuícolas, tanto antes de conceder autorización para levalo a cabo como para acceder ao financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Senra reitera, ademais, “que o desenvolvemento da acuicultura industrial non é compatible coa alimentación segura, sa e sostíbel que debería priorizar a axenda da UE”.
A representante do GUE/NGL na Comisión de Pesca amósase especialmente preocupada polo impacto que unha relaxación das condicións para implantar explotacións acuícolas tería sobre o sector da pesca artesanal, abondo maltratada xa polo reparto desigual das cotas de pesca. “Para a UE debera ser obxectivo fundamental manter os ecosistemas e as poboacións locais, e para iso debe ter en conta o principio de precaución e que os peixes do entorno das granxas acuícolas se ven afectados polas enfermidades orixinadas nestas explotacións. Ademais, a enorme concentración de peixes nestas instalacións obriga a un uso intensivo de antibióticos e vacinas”, alerta Senra, que pon como exemplo as graves infeccións de piollos detectadas en criadeiros de salmóns en Canadá.
Como xa se ocupou de recalcar no debate celebrado o pasado febreiro na comisión de Pesca, as grandes mobilizacións en Galiza lideradas pola plataforma social Galiza non se Vende contra as multinacionais norueguesas e as protestas do sector pesqueiro galego ante o proxecto da Conselleira Rosa Quintana para desenvolver a acuicultura industrial na Galiza hai apenas dous anos “proban que a sociedade galega é consciente de que estas iniciativas destrúen mais postos de traballo dos que se crean, ademais de danar o mediambiente, e por iso non vai consentir un novo intento do Partido Popular de entregar as costas e os recursos pesqueiros aos intereses das multinacionais da acuicultura”.