- A eurodeputada pon á Comisión Europea en aviso de que na zona onde estivo instalada Zeltia se están a multiplicar por 10 os niveis permitidos do químico prohibido en 1991
- Reclama unha investigación, que se faga cumprir a Directiva Marco da Auga, que se protexa a saúde da veciñanza de Torneiros e se depure a responsabilidade dos danos ambientais
Santiago, 2 de marzo de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), informou esta semana á Comisión Europea (CE) das altas concentracións de lindano que se dan en varias áreas do río Louro ao seu paso polos concellos do Porriño e Tui (Pontevedra) e que multiplican por dez o máximo permitido. Senra remitiu en Bruxelas un escrito dirixido á CE onde a pon en aviso do informe elaborado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil publicado a finais do 2017 e que constata que hai presenza de contaminación da auga por lindano de forma continuada desde o 2010 e que as zonas máis afectadas do río Louro están á altura da ponte da N-550 en Tui e no lugar da Rocha de Atios no Porriño.
Así, Senra lembra que na zona de Torneiros (O Porriño) estivo instalada entre 1947 e 1964 a empresa Zeltia adicada a fabricar lindano, un produto químico insecticida que foi considerado carcinoxénico pola Organización Mundial da Saúde no 2015 e que está prohibido desde 1991 polos seus graves efectos na saúde e o seu impacto ambiental.
Ante esta preocupante situación, Lídia Senra insta á CE para que tome medidas que fagan que se cumpra a Directiva 2004/35/CE referida á responsabilidade medioambiental en relación coa reparación de danos. A europarlamentaria tamén lle pregunta á Comisión se non cre que semellantes índices de contaminación supoñen unha vulneración da Normatica Marco da Auga. A eurodeputada considera urxente que se tomen medidas para protexer á poboación próxima, xa non só polos índices de lindano rexistrados no río, senón tamén tendo en conta que xa en 1996 a veciñanza de Torneiros denunciou que o seu barrio estaba construído sobre un dos depósitos nos que se acumularon os residuos de lindano de Zeltia e que, a xulgar polas analíticas da auga que saen agora á luz, poderían non estar todo o ben selados que deberían. Así, Senra reclama que a CE abra unha investigación sobre isto e obrigue ao Estado español e á Xunta a cumprir os tratados de dereito comunitario en materia de contaminación e perigos para a saúde.