- A eurodeputada tacha de intolerable que a Comisión Europea estea presionando para desmantelar os sistemas públicos de pensións
- Reclama a retirada da proposta de regulamento ideada para beneficio de entidades financeiras, compañías de seguros e de xestión de activos
Pontevedra, 09 de febreiro de 2018. A Comisión Europea (CE) está intentado presionar para desmantelar totalmente os sistemas públicos de pensións. Así o asegurou este venres a eurodeputada galega Lídia Senra, que ofreceu unha rolda de prensa en Pontevedra, acompañada por Victoria Portas Mariño, voceira da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e membro do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), e polo economista, sindicalista e docente Xabier Pérez Davila. Senra deu a coñecer que a CE presentou unha Proposta de Regulamento para ofrecer un novo produto panaeuropeo de pensións individuais que o que pretende é “alentar un mercado europeo das pensións privadas” para “favorecer” ás entidades financeiras, compañías de seguros e de xestión de activos, que serán quenes leven todos os beneficios. Así, cargou contra este novo paso de construción da UE neoliberal. “Non nos sirve, non é de recibo que a CE faga iso. A CE debería estar impulsando un regulamento para garantir que todos os Estados membro teñan sistemas fortes de pensións públicas. Fronte a isto, está indo xusto polo camiño contrario”, denunciou.
Lídia Senra avanzou que cando a proposta chegue ao pleno do Parlamento Europeo votará en contra e que traballará durante todo o proceso previo de negociación do texto para botalo abaixo. Así, fixo fincapé en que o novo regulamento propón bonificar fiscalmente a todas aquelas persoas que invistan neste produto de pensións privadas, o que se traduce en que sairán beneficiadas aquelas persoas que dispoñan de máis poder adquisitivo para comprar este produto. “As persoas con traballos precarios, as traballadoras e traballadores pobres, as persoas paradas, non van ter capacidade adquisitiva para invertir nun produto privado para no futuro complementar a súa cada vez máis pequena pensión pública. É seguir favorecendo a quen máis capacidade económica ten e a crear cada vez máis desigualdades”, afirmou. Tamén criticou que a bonificación fiscal será diñeiro que deixará de entrar nas arcas públicas e polo tanto derivará en maiores recortes de servizos públicos sanitarios, educación, etc.
Na mesma liña, Victoria Portas lembrou que fai unha semana que un grupo de 30 pensionistas galegas viaxaron ao Parlamento Europeo, convidadas pola propia Lídia Senra, para participar nunha xornada sobre o futuro das pensións públicas e que se ven é algo que xa levan vendo desde hai tempo, alí evidenciaron que a UE segue o camiño da privatización e das pensións de subsistencia. A voceira de MODEPEN arremeteu contra o feito de que a CE estea intentado colar esta novo produto paneuropeo de forma “calada” e con métodos case “ocultos”. “Non se coñece e temos que contarllo a toda a cidadanía”, dixo.
Na súa quenda, Xabier Pérez Davila defendeu que as pensións públicas son “totalmente viables” e que “os informes periódicos da CE así o demostran”. Pérez Davila fixo unha análise en cifras e explicou que desde o inicio da crise económica, os traballadores e traballadoras do Estado español perderon ao ano máis de 36.400 millons de euros de salarios. Se a estes lle aplicasemos o tipo de contencións, o sistema público de pensións do Estado español tería uns ingresos adicionais de máis de 10.000 millóns de euros ao ano que serviría para equilibrar o 60% de deficit do sistema. Ademais, apuntou á posilidade que xa se está poñendo en práctica en moitos países, onde as pensións públicas páganse con impostos. Segundo datos de Eurostat, a recadación fiscal do Estado español é inferior en 7 puntos á media da UE dos 28. “A diferencia é incluso moito maior se nos comparamos con Suecia, chegando aos 15 puntos porcentuais menos”, dixo. “Se aquí recadaramos en impostos o mesmo que a media da UE dos 28, o Estado español tería 78.000 millóns de euros máis, é dicir, 4 veces o déficit da Seguridade Social”, argumentou.
Para Pérez Davila, a resposta a por que a CE está apostando por acabar coas pensións públicas e promocionar as privadas é clara. Xa no ano 1994, o Banco Mundial publicou un infome no que propoñia reducir as pensións públicas para deixar espazo para aumentar os fondos privados de capitalización. As cotizacións sociais que fan os traballadores e traballadoras do Estado español superan os cen mil millóns de euros cada ano, cartos que van das nómimas dos traballadores e traballadoras activos aos xubilados. “Eses cartos pasan por diante dos ollos do presidente do BBVA e da presidenta do Santander, por exemplo, sen que poidan tocalos e iso resúltalles insoportable, non poden soportar non facer beneficio con todos eses cartos, e aí está o motivo verdadeiro. A CE quere que en lugar de existir solidariedade entre xeracións de traballadores e traballadoras haxa un negocio para a señora Botín e compañía e equivalentes noutros países”, denunciou.
Así, Lídia Senra, Victoria Portas e Xabier Pérez fixeron un chamamento a tomar este problema como un problema de todos e todas. “A Seguridade Social somos todos e tomas e se queremos ter prestacións públicas de calidade, asistencia sanitaria, servizos, etc, temos que saír á rúa, non só as persoas que son pensionistas ou próximas en idade a selo, senón toda a sociedade”, dixo Victoria Portas. “Non podemos prescindir do sistema público”, reclamou, para asegurar que as pensións máis baixas de todo o Estado español son as galegas. “Sen embargo, a, ministra dinos que son pensións dignas… Non o son!”, exclamou.
En efecto, aportou Xabier Pérez, 1 de cada 4 pensións no Estado español deben ser complementadas porque son mínimas a día de hoxe e na Galiza isto aínda se agudiza máis. O importe medio da pensión en Galiza é de 780 euros, fronte aos 926 euros da media estatal e os 1.090 euros da pensión media en Madrid. Mirando por xéneros, a cuestión aínda é máis grave. A pensión media feminina é moi inferior á masculina, xa que a pensión media de xubilación das mulleres non chega aos dous terzos da dos homes. A femenina é de 790 euros e a masculina de 1.240 euros a nivel estatal.
“Non podemos tolerar que unha persoa ao final da súa vida laboral, cando empeza a ser pensionista, se convirta practicamente en pobre e hai moitas persoas ás que lles pasa isto. A sociedade non se pode permitir estes paos que nos están dando desde os gobernos estatais e desde a UE nesta construción neoliberal que non intenta outra cousa máis que concentrar a riqueza cada vez en menos mans e impedir que a maioría das persoas teñan unha vida digan” zanxou Lídia Senra.