- Máis de medio cento de persoas debaten en Compostela as claves de análise das políticas de austeridade e o seu impacto social na Unión Europea
- O historiador Joan Tafalla, o economista Ramón Franquesa e o irlandés do Sinn Féin Daithí Doolan desenvolveron a análise das políticas de austeridade
Compostela, 21 Novembro 2015. Representantes de organizacións políticas da esquerda europea como o Sinn Féin ou Die Linke alemán, así como investigadoras especializadas en políticas económicas alternativas e no análise das consecuencias sociais das medidas de austeridade, están expoñendo durante todo o día de hoxe na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela as claves de análise da “ditadura do euro” -de 10.30 a 14.00hrs-, así como as estratexias para facerlle fronte aos intereses do Capital -na xornada de tarde, de 16.00hrs. a 19.00hrs-.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, anfitrioa destas xornadas coordinadas dende o Grupo Confederal da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), onde AGEe está integrada a nivel do Parlamento Europeo, introduciu a xornada subliñando que as institucións europeas “están empeñadas en facernos crer que a única alternativa é a austeridade, manter na miseria as clases populares e o conxunto da cidadanía”. Por iso “é especialmente importante dende a esquerda europea debater sobre a situación dos pobos, sobre todo do Sur da UE”. “Temos que reflexionar e abrir un debate, non pode haber tabús para trazar a europa dos pobos e da solidariedade”, aseverou a deputada galega.
Antón Sánchez, deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGEe) no Parlamento Galego e moderador da quenda de intervencións da mañá, reiterou a importancia de reflexionar sobre cuestións como a austeridade ou a propia UE, “porque participamos en movementos sociais e políticos que buscan a emancipación das persoas, e para isto é necesario ter unha posición debatida sobre o principal instrumento de control da cidadanía e da democracia: o euro”. Sánchez alertou de que “a soberanía perdida nos últimos anos por mor do deseño da UE fai que as institucións nas que algúns participamos sexan un simulacro de democracia, favorecedora dunha minoría e cun campo limitado de acción”.
O Doutor en Historia e membro da Asociación Expai Marx e da Plataforma Saír do Euro, Joan Tafalla, encetou a xornada expoñendo unha fonda análise da afección da crise económica en Grecia e a xestión aplicada dende a Unión Europea en clave neoliberal, que el califica de “salto adiante” e localiza no documento de posición da UE Realizar a Unión Económica e Monetaria europea. Para Tafalla, o feito de que a esquerda europea non estea a percibir a importancia da publicación deste documento responde ao “estado de shock” no que se atopa. “Tras o fracaso do programa de Salónica, sabemos que algo así non pode ser aplicado dentro da UE. Hay que saír da xaula”, alentou.
Nos sesenta anos transcurridos desde os primeros pasos da Unión Europea, explicou, o bloque hexemónico agrupado en torno ao grande capital alemán, “está tentando construir, nun complexísimo proceso social de longa duración, un novo bloque histórico no conxunto do espazo europeo, no que a burguesía hexemónica é, actualmente, a burguesía industrial e financieira alemá, mediante pactos complexos coa francesa e con aliados nas burguesías dos pequenos países más desenvolvidos, como Bélxica, Holanda e Dinamarca”.
Para este especialista económico, a aplicación de novos modelos económicos fieis aos dereitos humanos e sociais é unha tarefa que implica “pasar ao primeiro plano a recuperación da soberanía nacional fronte á liquidación da mesma por parte da UE”.
O irlandés do Sinn Féin, Daithí Doolan, membro do Consello da Cidade de Dublín responsábel das áreas de vivienda, sinalou que o seu país atópase “nunha situación especial” caracterizada pola duplicidade. “Estamos loitando contra a austeridade a ámbolos lados da fronteira. Temos dúas moedas, a libra esterlina no norte e o euro no sur, dous sistemas de saúde, dous de benestar social e dúas estruturas gubernamentais locais separadas, o cal é unha custosa herdanza do colonialismo británico”.
Neste senso, sinalou, “o debate en curso sobre unha saída británica da UE ten o potencial de ter un grave impacto nas relacións anglo-irlandesas, e tamén terá un impacto directo na nosa loita pola reunificación de Irlanda”.
O Sinn Féin está integrado en Irlanda na campaña Right2Change, unha coalición de esquerdas conformada por sindicatos, grupos comunitarios e outros partidos de esquerda dende onde dirirxen a súa estratexia contra a austeridade. Na actualidade, “estamos negociando para tentar frear os recortes no Estado de Benestar. aA economía debe servir ao pobo e non pobo á economía”, sentenciou.
Ramón Franquesa, Profesor de Economía da Universidade de Barcelona e membro da Plataforma pola saída do Euro, centrou a súa exposición nesta moeda, que cualifica de “mecanismo de destrución social”, e anima a “seguir a pista dos cartos para entender o que está a suceder”, un camiño que lévanos a confirmar que “quenes provocaron a crise son os que se están a beneficiar máis dela grazas ao terríbel sistema monetario europeo”.
Franquesa teno claro, o euro “non foi erróneamente diseñado, foi deseñado ca función de xerar situacións como a derivada da estafa financieira emerxida no ano 2008”. A actual política económica está ao servizo do control da inflación, unha cuestión que “dende a esquerda xamais se tiña que ter permitido, é un suicidio”. Se en realidade queremos situar os dereitos das persoas por diante dos intereses do capital, “o obxectivo da política ao servizo das maiorías debe ser a creación de emprego, o desenvolvemento, o progreso produtivo ou a redución da pegada ecolóxica e o mal uso dos recursos naturais”, unha estratexia que implica “un novo modelo produtivo”. Aliás, o economista catalán afirma ademais que a inflación “non é malo para todos”, se non que é especialmente “lesiva para os bancos que prestaron moito”, pero “unha excelente noticia para quenes teñen débedas, por exemplo hipotecas, xa que a inflación podería desvalorizar a medio prazo a débada e evitar máis desafiuzamentos”.
Á vista da evolución da aplicación da política de unión monetaria, para Franquesa o que fica demostrado é que “ca implantación do euro e o secuestro da soberanía nacional sobre a moeda produciuse en Europa a maior recesión coñecida dende a Segunda Guerra Mundial”. Este aspecto leva tamén a analizar o pago da débeda, unha premisa convertida nunha “nova relixión que obriga ao pagamento por riba de cualquera outra consideración, nin tan sequera a vida humana”. Nesta situación, afirma o integrante da Plataforma pola Saída do Euro, o sistema bancario non ten realmente vontade de cobrar a débeda como tal, se non que “queren quedar co público: hospitais, pensións, auga, electricidade, ferrocarrís…”. Así as cousas, “a solución non é técnica, senón política”, e para resolver a actual situación de perda de dereitos en aras da supremacía financieira “cómpre cambiar o sistema monetario do euro a un estable e rachar co sistema monetario desenvolvendo un novo modelo a partir dos marcos nacionais”. Polo tanto, concluíu, Ramón Franquesa, “os resultados deste sistema monetario son evidentes, non é un erro, é un proceso deliberado polos poderosos e só o retorno da soberanía á cidadanía pode ser un punto de partida realista para reconstruír unha unidade europea”.