- O Parlamento Europeo aproba unha resolución para propor á Comisión eliminar o cambio de hora dadas as posíbeis repercusións na saúde
- Lídia Senra interveu no debate de hoxe lembrando que as consecuencias deste cambio de hora son inda maiores en países como Galiza
Estrasburgo, 8 de Febreiro de 2018. O Parlamento Europeo, reunido en sesión plenaria durante esta semana en Estrasburgo, aprobou hoxe unha Resolución sobre as disposicións sobre o cambio de hora de verano. A eurodeputada galega Lídia Senra, que votou a favor deste informe, interveu en representación do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) durante o debate previo á votación para sinalar que até o de agora ningún dos moitos estudos científicos existentes ten demostrado efectos positivos do cambio de hora, pola contra, subliñou, “hai estudos que fan referencia a impactos negativos sobre a saúde, de xeito significativo na calidade do sono, así como na agricultura ou a seguridade viaria”.
Ademais, o cambio de hora de verán, distinguiu, afecta de xeito moi concreto a países como Galiza, onde “sufrimos moito máis os impactos deste cambio dado que a nosa posición xeográfica é a de Portugal e Reino Unido, máis estamos unha hora por diante, coa hora de Alemaña”.
Con relación ao manido argumento asumido por algúns gobernos con respecto a un hipotético aforro enerxético, Senra lembrou que “a Comisión Europea inda ten pendente presentar cifras concretas e exactas dos suposto aforro enerxético” e que, en todo caso, “a nosa saúde e benestar ten que ter prioridade sobre o mercado interno”.
Asemade, diante do argumento esgrimido durante o debate na Eurocámara pola Comisaria de Transporte, Violeta Bulc, incidindo en que a mudanza horaria de verán favorece o lecer, a eurodeputada galega retruncou que “as políticas que favorecen o lecer son aquelas que reducen a xornada laboral e reparten o traballo”.
Finalmente Lídia Senra dirixiuse á Comisaria para solicitar a modificación da Directiva actual “para deixar sin efecto a armonización e que non se proceda ao cambio de verán. Eu recomendolle á Sra. Comisaria que aplique o principio de precaución a favor da saúde.”