• Xornada de debate no PE convocada polas deputadas do GUE/NGL Senra, Sakorafa e Chountis sobre o futuro do sistema de pensións
• Rematar ca desigualdade de xénero e respaldar as prestacións sociais con maior presión fiscal sobre as rendas altas, algunhas das propostas
Bruxelas, 30 de Xaneiro de 2018. “Xubilación en tempos de austeridade. Cal será o futuro do noso sistema de pensións?”, esta foi a premisa arredor da cal se estruturaron os debates da xornada do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) desenvolvida na mañá de hoxe no Parlamento Europeo. Coordenado pola eurodeputada galega Lídia Senra e @s greg@s Sofía Sakorafa e Nikos Chountis, este evento contou ca participación de trinta activistas galegas/os do ámbito da loita social a prol do sistema público de pensións e vinte seis homólogas/os gregas/os.
Na apertura do evento, a cargo das deputadas Senra e Sakorafa e o deputado Chountis, Lídia Senra subliñou “a importancia de traer á Eurocámara esta loita que se está a librar polo futuro das pensións públicas, sobre todo nos países do sur da UE”, asegurando “coma deputadas imos traballar para tentar conseguir que o Parlamento se implique na loita por sistemas públicos de pensións e seguir dando a batalla contra as políticas neoliberais e os intentos dos poderes públicos de privatizar as pensións”.
No primeiro panel, introducido pola eurodeputada grega Sofía Sakorafa, deuse conta de analises á luz do retroceso en materia de dereitos sociais provocado pola intervención da Troika nos países do sur da UE. Nesta primeira parte o sindicalista, docente e economista galego Xabier Pérez Dávila situou as claves do que definiu como “unha campaña prolongada para reducir as pensións públicas e abrir espazo para os fondos privados de capitalización”. Alertou do “debate interesado” sobre a viabilidade do sistema de pensións públicas, provocado a conta do esgotamento do Fondo de Reserva da Seguridade Social por quenes queren privatizar as prestacións de xubilación. Os propios prognósticos da Comisión Europea “demostran que non existen, aceptando as súas previsións, problemas para garantir as pensións públicas nun horizonte temporal de case 50 anos”. A cuestión de fondo sería máis ben que “o dominio do capital na súa busca incesante de espazos de valoración é tendencialmente incompatíbel coa provisión pública de bens e servizos”.
Nesta liña Dávila desmontou tamén o reiterado argumento de que o envellecemento da poboación fará inviábel o actual sistema de prestacións sociais, facendo fincapé en que o aumento da produtividade do traballo, como resultado da aplicación do coñecemento científico e técnico á organización da produción, permitirá nun futuro que un menor número de persoas poidan producir bens e servizos para a totalidade da poboación: “Non existe un problema económico de capacidade produtiva, senón un problema de distribución da riqueza”, simplificou o economista galego. “O debate dominio do capital/xestión socialista do común debe voltar ao centro da escena política; o sistema está a transmitir medo ás persoas pensionistas ante a posibilidade de perder as pensións, e á xente nova o medo á precariedade, o que nos ofrecen e iso, un futuro con medo”.
Para Dávila, os verdadeiros problemas para o sistema de prestacións públicas, “e para a viabilidade da sociedade como un todo”, proveñen maiormente “da crecente desigualdade na distribución da renda, do dominio da sociedade e da economía polo capital e as finanzas, e dun sistema económico incompatíbel a curto e medio prazo cos límites ecolóxicos do planeta e o territorio”. Para facer fronte a esta diagnose a través da recuperación do equilibrio económico do sistema “sería preciso dotalo, a curto prazo, de ingresos procedentes dos impostos e, a medio prazo, dun aumento dos salarios e o emprego”, concluíu.
Coincidindo con Davila, o docente e asesor da Marea Pensionista de Catalunya, Ramón Franquesa, encetou a súa intervención cuestionando tamén a premisa de que o envellecemento da poboación implica non poder garantir as pensións públicas. Con estes argumentos, advertiu, “preténdese retrasar a idade de xubilación e non revalorizar as pensións”. Da man da aplicación de políticas públicas que están a favorecer a concentración de capitais e o enriquecemento privado a costa de debilitar cada vez máis os servizos públicos “está existindo un deliberado empobrecemento da xente”. Nesta estratexia económica de ataque ás clases populares estaríase ademais a producir “unha destrución en cascada dos dereitos das traballadoras/es” a través da cal “estase tentando abrir un conflito entre mocidade e persoas pensionistas”.
O economista catalán quixo tamén chamar a atención sobre unha cuestión estratéxica na loita de clases que en ocasións fica invisibilizada no marco discursivo no que se adoita inserir o debate sobre a sostenibilidade dos sistemas públicos de pensións: “Hoxe as grandes empresas deixaron de pagar impostos, están en paraísos fiscais, pero o que si que teñen que seguir pagando son as cotizacións. Acabar co sistema de pensións é acabar co último imposto que teñen que pagar as empresas por contratar traballadoras/es”.
Lídia Senra foi a encargada de dar inicio á segunda parte da xornada, adicada ao deseño de propostas concretas para poder garantir a sostenibilidade dos sistemas públicos de pensións. Neste espazo a integrante do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas e voceira da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións, Victoria Portas Mariño, encetou a súa intervención lembrando que segundo os datos estatísticos ata 2,2 millóns de fogares no Estado español sobreviven grazas a unha persoa con pensión, e o 56% dos fogares perciben algún tipo de prestación.
Para Portas, o sistema de prestacións sociais debe ser considerado “un sistema de equidade social”, dada a súa capacidade para favorecer un mellor reparto dos recursos e distribución as rendas: “dota de máis estabilidade económica no longo plazo permitindo correxir desequilibrios e desigualdades. É solidariedade de clase”, reivindicou.
A través da súa análise argumentou que nin a Seguridade Social nin as pensións son insostíbeis, senón que “existe un espazo para a decisión política, para aplicar reformas estruturais, para garantir a sostenibilidade e proporcionar pensións suficientes e axeitadas para as actuais e futuras xeracións”.
As medidas concretas neste sentido pasarían necesariamente por “unha reforma urxente do mercado laboral que remate ca actual precarización”, completada cunha transformación das políticas económicas que poña fin á explotación das clases populares a través da reasignación das inversións públicas e da posta en marcha de medidas de xustiza económica, tales como perseguir realmente a evasión fiscal, rematar cas vantaxes dos plans de pensións privados, incrementar a presión fiscal nas rendas altas, rematar cas SICAV -que tributan un 1% en lugar do 30% do Imposto de Sociedades-, establecer taxas ás transaccións financeiras -como por exemplo a Taxa Tobin-, aplicar impostos sobre os bens das asociación confesionais ou aumentar o Imposto ao Patrimonio, do cal arestora estanse a beneficiar obscenamente as grandes fortunas do Estado. “O problema do sistema público de pensións non son os gastos, senón a falta de ingresos. Non é un problema de mercado, senón un problema de política”, resumiu a integrante do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas.
No peche e conclusións da xornada, a eurodeputada galega Lídia Senra reivindicou as pensións de xubilación como “unha das máis importantes conquistas sociais das traballadoras de onte e de hoxe”, asumindo a obriga de “dar a batalla para que este dereito social se manteña e rematar dunha vez por todas ca devastadora tendencia á concentración da riqueza que está a atacar á clase traballadora e ás clases populares. Temos que fortalecernos, temos que ter cada vez máis argumentos para dar a batalla e loitar por este dereito e impedir que nolo rouben”.