- O 95% da celulosa producida pola empresa ENCE na Galiza vai destinada ao mercado da UE. O principal país importador é Alemaña
- Representantes das 20 organizacións desprazadas a Bruxelas reuníronse hoxe con dúas eurodeputadas e un eurodeputado alemán
Bruxelas, 06 de Decembro de 2017.O 95% da celulosa que produce a empresa ENCE vai destinada ao mercado europeo, sendo o principal receptor Alemaña, cun 23% da produción, seguido de Italia, co 16%. É dicir, o 17% do noso territorio está inzado de eucaliptos dirixidos principalmente a abastecer demandas da UE. Para explicar de primeira man as graves consecuencias deste escenario e, nomeadamente, as referidas ao risco incendiario e á perda do noso patrimonio arqueolóxico, representantes das 20 entidades galegas[1] desprazadas a Bruxelas no marco da delegación “Defensa do patrimonio galego fronte á eucaliptización”, organizada pola eurodeputada do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lídia Senra, mantiveron durante esta tarde unha xuntanza cas eurodeputadas alemás Maria Heubuch (Verdes),SabinLosin (GUE/NGL) e o eurodeputado alemán Stefan Eck (GUE/NGL).
Voceiras/os das organizacións galegas denunciaron nesta xuntanza a “orientación exclusivamente economicista e cortoplacista, ao servizo da industria do eucalipto-celulosa” do actual modelo forestal da Xunta de Galicia, engadindo a súa preocupación pola falta dunha lexislación “que defenda, de verdade, a protección do patrimonio fronte aos usos industriais e forestais do monte”.
Precisamente o monocultivo indiscriminado de especies arbóreas alóctonas, invasoras e pirófitas -alentado pola visión economicista promovida dende o Goberno galego-, xunto á falla de planificación na xestión do monte e a demanda de madeira da industria da celulosa e a falta de control sobre a súa orixe, foron denunciadas neste encontro como asprincipais ameazas para a sostenibilidade do patrimonio forestal e etnográfico galego.
Aliás, indo a datos económicos concretos, sinalaron que o valor da madeira talada cada ano na Galiza -principalmente pinos e eucaliptos- suma 300 millóns de euros dirixidos ao sector privado, pero o propio custo da extinción e mantemento desta colleitasupón un gasto anual de 175 millónsde cartos públicos.É dicir, os custos dun modelo forestal que ameaza permanentemente non só o noso patrimonio, biodiversidade e augas, senón tamén ás persoas e áreas habitadas, está a repercutir directamente na cidadanía.
Lídia Senra, pola súa banda, destacou tamén a necesidade de “seguir traballando dende o Parlamento Europeo e as institucións comunitarias para conseguir que o eucalipto sexa incluído no Decálogo de especies invasoras da Unión Europea”. A sostenibilidade, a diversidade e, no caso de pobos como o galego, o propio rol cultural e identario dos nosos montes debe ocupar un lugar principal nas políticas públicas adoptando un compromiso firme por recuperar e manter esta riqueza. “A paisaxe e a biodiversidade forman parte do patrimonio cultural” -destacou a eurodeputada galega- “e máis en pobos como o galego, onde o monte é unha das nosas principais claves etnográficas, forma parte fundamental das nosas tradicións, gastronomía, lendas e imaxinario como pobo…. Agardamos que as xornadas de traballo que estamos a desenvolver hoxe e mañá en no Parlamento Europeo contribúan a dar un pulo á articulación colectiva desta loita”.
[1]ACTUALIZACIÓN DE DATOS DAS ORGANIZACIÓNS PARTICIPANTES NAS XORNADAS NO PARLAMENTO EUROPEO, 20 organizacións representadas por 32 persoas.SOS Arte Rupestre Galega, Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, Sindicato Labrego Galego, Sociedade Antropolóxica Galega, Colado do Vento, Cousa de Raíces, Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, Adega, Asociación Nordés, Asociación Amig@s de historiadegalicia.gal, colectivo A Rula, Asociación Mariña Patrimonio, Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo e o Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña Eira da xoana e Agroqueer.