- Deterioro do patrimonio arqueolóxico e natural, desleixo da Xunta, lumes e intereses do sector madeireiro e da industria da celulosa, claves de análise
- No marco destas xornadas de traballo en Bruxelas, 34 representantes de 18 organizacións galegas reuniranse con eurodeputadas/os e a CE
Bruxelas, 04 de Decembro de 2017.Un total de 34 persoas, representantes das entidades SOS Arte Rupestre Galega, Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, Sindicato Labrego Galego, Sociedade Antropolóxica Galega, Colado do Vento, Cousa de Raíces, Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, Adega, Asociación Nordés, Asociación Amig@s de historiadegalicia.gal, colectivo A Rula, Asociación Mariña Patrimonio, Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo e o Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña situarán no Parlamento Europeo este mércores 6 e xoves 7 de decembro as claves da defensa do patrimonio natural e cultural galego fronte a eucaliptización.
Da man destes 18 colectivos, a responsábel do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Lídia Senra, buscará proxectar dende o Parlamento Europeo a transversalidade da problemática da eucaliptización. “É urxente avanzar na toma de consciencia da transcendencia que ten o modelo forestal para un País”, valora a eurodeputada galega,“aliás,o 2018 será o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, pensamos que este encontro pode ser unha boa oportunidade para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico que hai nos nosos montes e denunciar que o eucalipto e a industria celulosa, en conivencia coa Xunta, están a destruílo sen ningún tipo de consecuencia, a pesar de que están incumprindo leis. É por iso que quixemos centrar esta visita e poñer a énfase sobre todo naeucaliptización”, explicou.
No marco destas dúas xornadas de traballo no Parlamento Europeo, as eivas do modelo forestal galego serán trasladadas este mércores día 6 a varias eurodeputadas/os, e o xoves día 7 directamente a representantes da Comisión Europea (CE). Ese mesmo día 7, de 17.00 a 19.00hrs. terá lugar tamén unha xornada de debate e intercambio articulada ao redor de tres eixos principais.
En primeiro lugar, Manuel Miranda en representación de Mariña Patrimonio, Brais Álvarez polo Sindicato Labrego Galego e o membro do colectivo A Rula, Antón Bouzas, explicarán a situación de deterioro e destrución do patrimonio galego vinculadaás prácticas do sector industrial madeireiro.
Seguidamente, Roi Cuba de Adega e Buenaventura Aparicio Casado, coordenador do Grupo de Investigación a Laxe da Irena, enmarcarán as consecuencias do desleixo da Xunta de Galicia no coidado do patrimonio cultural galego. Abordarán especificamente a problemática dos lumes e a afección destes e da eucaliptización sobre os petroglifos.
O último panel da xornada focalizarase na procura de solucións para protexer o patrimonio fronte á eucaliptización. O presidente da Sociedade Antropolóxica Galega,Rafael Quintiá, explicará o traballo desenvolvido neste sentido pola Comunidade de Montes de Salcedo; en tanto que Tania Gómez, integrante da Asociación Kunterbunt, presentará a rede de entidades a prol do bosque galego “Cousa de Raíces”.