AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Iniciativa para sensibilizar á UE da destrución de patrimonio galego que está provocando o eucalipto

24 Novembro, 2017 celulosa, Comisión Europea, eucaliptización, eucalipto, GUE/NGL, Lidia Senra, Manuel Miranda Ruíz, Mariña Patrimonio, Parlamento Europeo, patrimonio arqueolóxico, patrimonio galego
  • 34 persoas de 18 colectivos diferentes de defensa do monte viaxarán ao Parlamento Europeo o 6 e 7 de decembro a proposta de Lídia Senra 
  • Denunciarán o desleixo da Xunta, que en conivencia cos intereses da industria celulosa, non está a protexer os xacementos arqueolóxicos

20171124_114810

Santiago, 24 de novembro de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra promoverá unha serie de actividades encamiñadas a internacionalizar no Parlamento Europeo a problemática de eucaliptización que sofre o patrimonio galego. Así o anunciou este venres pola mañá, durante unha rolda de prensa que deu en Santiago, acompañada polo presidente da Asociación Mariña Patrimonio, Manuel Miranda Ruíz. Senra explicou que un total de 34 persoas pertencentes a 18 colectivos diferentes de defensa do patrimonio cultural, arqueolóxico e natural, ecoloxistas, arte rupestre e montes viaxarán até Bruxelas os días 6 e 7 de decembro para denunciar no ente comunitario a situación de ameaza que está a provocar o monocultivo de eucalipto na nosa terra.

A europarlamentaria explicou que a visita foi pensada tendo en conta que o próximo ano, 2018, será declarado pola UE como o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e, neste contexto, é un bo punto de partida que se poña en valor o patrimonio cultural que albergan os nosos montes e que “está ser destruído a consecuencia da falta de interese por parte de quen debería conservalo, que son as Administracións públicas”. “Esta visita é oportuna para contribuír a visibilizar na UE o que pasa na Galiza”, dixo. Así, Senra reclamou que o eucalipto sexa declarado como especie exótica invasora e criticou a resistencia que está poñendo o Estado español no marco do Convenio de Berna do Consello de Europa, en conivencia coa industria forestal, para que esto sexa posible.

Manuel Miranda acusou á industria celulosa do eucalipto de estar provocando unha destrución masiva do patrimonio arqueolóxico, “como demostran os centos de denuncias presentadas nos últimos anos” e tendo en conta que “só se denuncia unha pequena parte do total de agresións”. Neste contexto, Miranda explicou que “queremos informar á UE e denunciar alí o que non está facendo a Xunta aquí para protexer o patrimonio”. “A xunta está mirando para outro lado e está incumprindo o seu deber, tamén moral, de protexer o patrimonio, atendendo aos intereses dunha industria celulosa totalmente insensible e irresponsable”, afirmou. “Os xacementos arqueolóxicos están protexidos pola lei e non se poden danar para plantar eucaliptos nin outras árbores. Polo tanto, a Xunta debe actuar e facer cumprir a lei, algo que non fai”, denunciou.

Para o representante de Mariña Patrimonio, a relación entre a Xunta e a industria celulosa é “como mínimo de corrupción, desleixo e complicidade”. “A sociedade ten claro que a Xunta non actúa na defensa do patrimonio porque hai intereses comúns coa industria celulosa. Din que hai que plantar eucaliptos porque esa industria é moi rendible. Se é así, deberían empregar parte desa rendibilidade en protexer os xacementos arqueolóxicos e non en destruílos”, argumentou. Ante esta situación, defendeu que “non queda outro remedio que que a sociedade civil, as asociacións, actuemos”. “Estamos seguros de que podemos atallar esta desfeita. Hai que esixirlle á Xunta e á industria que cumpran as leis autonómicas, estatais e europeas. Tócanos denunciar publicamente a industria do eucaliptos e explicarlles aos consumidores europeos que estamos ante unha industria que destrúe boa parte do patrimonio europeo”, insistiu.

No grupo de persoas que se desprazarán a Bruxelas para participar desta iniciativa, haberá membros do Sindicato Labrego Galego, do SOS Arte Rupestre Galega, da Sociedade Antropolóxica Galega, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, do Colado do Vento, de Cousa de Raíces, da Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, de Adega, da Asociación Nordés, da Asociación Amig@s de historiadegalicia.gal, do colectivo A Rula, da Asociación Mariña Patrimonio, da Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, de Amigos do Patrimonio de Castroverde, de Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo e do Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña.

Durante a visita ao Parlamento Europeo, a delegación galega reunirase con representantes da Comisión Europea competentes na materia para explicarlles a situación que se está a vivir na Galiza, e tamén con eurodeputados doutros países, especialmente alemáns, xa que a maior parte da produción de Ence é exportada. Concretamente, un 23% vai para Alemaña, un 16% vai para Italia, e só o 5% queda no Estado español. O obxectivo é sensibilizar á poboación internacional do problema que arrastra a política da pasteira e a eucaliptización na nosa terra e esixirlle á comunidade internacional que fagan cumprir os mínimos de respecto á natureza, patrimonio e desenvolvemento sostible do monte. “O 95% da celulosa que produce Ence vai para o mercado europeo e desgraciadamente o mercado europeo non sabe o custe que ten esa celulosa para o patrimonio galego e polo tanto europeo. Queremos que o consumidor europeo saiba que eses folios que usa están provocando unha destrución masiva do noso patrimonio”, explicou Miranda.

Tamén se levarán a cabo unha serie de coloquios centrados en “A destrución do patrimonio galego por parte do sector industrial madeireiro”, “O desleixo da Xunta de Galiza co patrimonio cultural galego e a problemática dos incendios” e “Artellando solucións para protexer o patrimonio fronte á eucaliptización”.

Senra defendeu na rolda de prensa que unha sociedade “non se pode rexer pola rendibilidade económica que poida ter para uns poucos a plantación dunha especie en concreto, porque o monte ten un valor máis alá da rendibilidade económica dun monocultivo. Aporta biodiversidade e moitísimas cousas que necesitamos como o dereito a ter auga libre de contaminación”. “Cando un monocultivo se implanta a biodiversidade pérdese. Estamos falando de que está en perigo o futuro de toda a sociedade, non só de catro empresas multinacionais que se lucran de poñer o país a monocultivo de eucalipto”, dixo. Así, defendeu que o monte “é a despensa das granxas e das casas labregas e esa ten que seguir sendo unha das súas funcións. Hai que facer unha política agraria que contemple o monte como un complemento da agricultura”. Tamén chamou a reflexionar sobre as miles de perdas que xera o lume neste país. “A sociedade está contribuíndo economicamente a apagar eses lumes para o rendemento desa industria”, dixo. “A extinción máis eficaz é a prevención e a prevención pasa por non perder persoas que traballen as terras agrarias ou por acabar co monocultivo de eucalipto e por unha política agraria que volva a agroecoloxía”, concluiu.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies