- Acusa á UE de ser unha das principais potencias responsábeis de socavar os dereitos dos pobos a favor dos intereses das empresas transnacionais
- Critica a aprobación hoxe dunha resolución que redunda no apoio á OMC de cara ás negociacións que van ter lugar en Bos Aires en decembro
Estrasbugo, 15 de Novembro de 2017. Reunido durante esta semana en sesión plenaria en Estrasburgo [ORDES DO DÍA], o Parlamento Europeo vén de aprobar unha resolución ao respecto do papel da Unión Europea no cumio da Organización Mundial do Comercio (OMC) que vai ter lugar do 10 ao 13 de decembro en Bos Aires (Axentina). A deputada do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) Lídia Senra, que hoxe opúxose co seu voto á aprobación deste texto, denunciou que a OMC non é máis que “un instrumento do neoliberalismo” do que esta ideoloxía económica capitalista estase a servir para afondar no desregulamento dos mercados e das producións, así como na privatización a nivel global.
“A prosperidade económica que prometen non existe”, aseverou, “os acordos de libre comercio que fomentan son para darlle facilidades ás corporacións transnacionais para seguir obtendo grandes beneficios á costa de explotar cada vez máis á clase traballadora, ao campesiñado, aos pobos orixinarios, a terra, os territorios e os recursos naturais”.
A controvertida Organización Mundial do Comercio é unha ferramenta ao servizo das corporacións multinacionais creada a mediados da década dos anos noventa, froito dos pactos da Ronda de Uruguai do Acordo Xeral sobre Aranceis Aduaneiros e Comercio (GATT, polas súas siglas en inglés). Impulsada co obxectivo deseñar e controlar as normas do comercio internacional, os seus principais actores son a Unión Europea e os Estados Unidos de América. A OMC está marcada dende o seu inicio por unha forte oposición social. Das mobilizacións históricas de Seattle no ano 1999; pasando polo fracaso da Ronda de Doha (2001), as novamente fortes mobilizacións de Cancún (2003) e as importantes tensións entre países enriquecidos e empobrecidos visibilizadas en Nairobi (2015), contará tamén en decembro deste ano en Bos Aires cunha fortísima oposición organizada dende diversos sectores sociais.
“A través da OMC e dos acordos de libre comercio, as grandes corporacións están tratando de usurpar a soberanía dos pobos, minando a capacidade dos gobernos democraticamente elixidos para tomar medidas lexislativas que podan protexer os dereitos da poboación e do medio ambiente fronte aos abusos das multinacionais”, denunciou a eurodeputada galega. Aliás, Senra amosou o seu forte rexeitamento a que a Unión Europea siga a ser un dos principais axentes impulsores dunha dinámica comercial que precisamente atenta contra os valores democráticos que as propias institucións comunitarias din defender. “A agricultura, os servizos públicos, os medicamentos, os bens comúns… Teñen que estar fora das gadoupas da OMC”, esixiu.