Unha delegación de case medio cento de representantes de entidades locais e provinciais integradas na campaña chegará este luns a Bruxelas
- A eurodeputada Lídia Senra acompañará ao grupo, que o martes presentará a súa iniciativa ante membros da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero
Bruxelas, 5 de novembro de 2017. A campaña galega En Negro Contra as Violencias Machistas, posta en marcha hai tres anos polo Concello de Santiago, e á que actualmente hai adheridos 72 concellos de toda Galiza e case 3.000 establecementos de todo tipo, presentarase esta semana que entra no Parlamento Europeo. Unha delegación formada por case medio cento de representantes de entidades locais e provinciais integradas na campaña desprazarase mañá luns até Bruxelas, onde permanecerán até o mércores, convidadas e convidados pola eurodeputada galega membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica Lídia Senra; e polo eurodeputado galego membro do Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas José Blanco.
Lídia Senra amosa o seu apoio a esta iniciativa, no marco da reivindicación que a eurodeputada realiza constantemente para que a loita contra a violencia machista e pola igualdade de xénero sexa unha prioridade nas políticas do Parlamento Europeo. “Non é suficiente con amosar de palabra que se está en contra do machismo, hai que demostralo con feitos, poñer en marcha iniciativas que promovan a igualdade real e a fin da violencia. O Parlamento Europeo debería ser máis firme nestas cuestións. En varias ocasións temos asistido no pleno a comentarios machistas por parte de membros do Parlamento Europeo, un Parlamento que, por certo, non é paritario nin de lonxe (só o 37% dos escanos están ocupados por mulleres)”, defende Senra. “É necesario impulsar medidas que acaben co nesgo machista na aplicación das leis, e que blinden a tolerancia cero coa violencia machista, os cargos públicos que exerzan violencia machista deben ser cesados fulminantemente. Os casos de acoso que están saíndo á luz, tanto no Parlamento Europeo como noutras institucións son intolerables. Precísanse actuacións contundentes para acabar con estas situacións de violencia machista para sempre. Se non somos contundentes nas institucións, que leccións estamos dando á sociedade?”, declara a europarlamentaria.
A delegación que viaxa a Bruxelas esta semana que entra estará encabezada pola concelleira de Igualdade de Santiago de Compostela, Marta Lois, quen en 2015 puxo en marcha esta iniciativa de sensibilización na capital galega e á que desde aquela non deixan de sumarse concellos e establecementos doutros lugares. Marta Lois será a encargada de presentar o martes pola mañá, ás 10:00 horas, na sede do Parlamento Europeo, o Pacto social municipal galega contra as violencias machistas. Á presentación acudirán eurodeputados e eurodeputadas de diferentes países que son membros da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero do Parlamento Europeo. Ao rematar a reunión, contra as 11:30 horas, está prevista unha acción de visibilización pública da campaña En Negro contras as Violencias Machistas no exterior do Parlamento Europeo, na explanada que hai diante da entrada principal. O obxectivo é que Galiza simbolice na institución comunitaria a repulsa e a loita colectiva contras as violencias machistas.
Entre o medio cento de persoas que viaxan a Bruxelas para participar nesta posta en escena, hai deputadas provinciais da Deputación de Lugo e de Pontevedra, concelleiras e concelleiros, responsables municipais de Centros de Información ás Mulleres e técnicas locais de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Muros, Salceda de Caselas, Rianxo, Ribadeo, Fisterra, Val do Dubra, Lugo, Ames, Cerdido, Ortigueira, As Pontes, Cambre e Becerreá.
Segundo os datos da última Macroenquista de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, un 13% das mulleres residentes no Estado español de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella; un 26% violencia psicolóxica de control como celos, control de horarios e actividades; e un 20% violencia psicolóxica emocional como insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc. Desde 2003 até maio do 2017, a Delegación do Goberno rexistrou 53 asasinatos machista na Galiza e 780 no Estado español.
En Negro contra as Violencias Machistas naceu no 2015 da man do Concello de Santiago, que puxo en marcha a campaña Compostela, en Negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista. Partindo desta práctica inicial, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social da campaña, no 2016, xa 16 concellos máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña En negro, contra as violencias. Neste 2017, xa son máis de 70 os concellos adheridos que intentan así situar na axenda política esta loita e como gran novidade está tamén o salto que darán esta semana ao Parlamento Europeo.
A iniciativa enmárcase dentro das actividades que terán lugar ao longo de novembro para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, 25 de novembro, así instaurado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999 convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.