AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra informa á UE dun posible vertido continuado de residuos tóxicos na antiga mina de Touro

24 Outubro, 2017 Arinteiro, cobre, contaminación, GUE/NGL, Lidia Senra, mina, minaría, O Pino, residuos tóxicos, Touro, Ulla, vertidos
  • A eurodeputada presenta no pleno do Parlamento Europeo fotos que amosan como o afluente do río Ulla baixa de cor marrón nos tramos posteriores á zona que deixou de ser explotada hai case 30 anos 
  • Reclama paralizar o proxecto de apertura dunha nova mina de cobre nesta contorna e insta a tomar medidas comunitarias para protexer a actividade labrega, a saúde da poboación e o Camiño de Santiago

Lidia Senra nos terreos afectados, apoiando a veciñanza que está contra a nova mina de cobre en Touro e O Pino 

Santiago, 24 de outubro de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra informou este luns pola noite no pleno do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, dun vertido continuado de residuos tóxicos que se podería estar levando a cabo na actualidade e sen ningún tipo de control nas instalacións da antiga mina a ceo aberto de cobre e ouro que entre principios da década dos anos 70 e finais da década dos 80 explotou en Touro a Sociedad Minera y Metalúrgica de Peñarroya e Río Tinto Patiño. Senra levou ao hemiciclo europeo diferentes fotografías que tomou esta fin de semana pasada, na visita que realizou á zona, e que amosan indicios da posible contaminación do Rego Pucheiras, afluente do río Ulla, no treito posterior á mina, así como imaxes das balsas e escombreiras da antiga mina nas que se aprecia que poderían estar sendo utilizadas, como asegura a veciñanza, para verter residuos, algúns deles tóxicos, sen tratamento previo e chegados de diferentes lugares da Galiza en camións, como poden ser cáscaras de mexillón, pilas, material sanitario e de enfermería ou lodos de depuradoras. 

Rego Pucheiras con auga marron no treito posterior a antiga mina de TouroA deputada tomou a decisión de dar conta de forma urxente desta situación ante o Parlamento Europeo, despois de visitar a zona este pasado sábado, acompañada por veciños e veciñas do lugar. “A Comisión Europea debe actuar xa e abrir unha investigación independente que inclúa a realización de analíticas tanto das augas dos ríos da zona como das balsas e escombreiras da antiga mina para corroborar se as sospeitas da veciñanza son certas e, en caso afirmativo, frear esta situación que podería estar envelenando non só á xente que vive na contorna, senón as augas do río Ulla, que como todas sabemos abastece a millares de persoas de diferentes concellos e desemboca na ría de Arousa, polo que até o marisqueo podería estar prexudicado por esta contaminación ”, defende. A falta de plan de restauración e rexeneración da zona e de serias eivas nos traballos de acondicionamento do lugar tras o peche da extracción mineira fan que a día de hoxe a oxidación dos sulfuros metálicos presentes no mineral en contacto cos elementos sigan a provocar desastres naturais. “E menos aínda podemos permitir que as antigas instalacións se poidan estar convertendo nun lugar ao que van parar residuos tóxicos doutras zonas para enterralos de tapadillo e sen tratamento”, advirte.

Cascaras de mexillon e outros residuos na escombreira da antiga mina de TouroA CE, na súa comunicación relativa á Iniciativa cidadá europea “O Dereito á auga e ao saneamento como dereito humano. A auga non é un ben comercial senón un ben público!”, comprometeuse a que o acceso á auga potable segura seguirá estando no centro das súas políticas. “Nós entendemos que garantir o acceso da poboación á auga potable segura pasa pola reacción contundente fronte aos riscos e amenazas de contaminación. Por iso, faise urxente que a Comisión actúa fronte a situacións coma a que pode estar acontecendo en Touro”, defende a europarlamentaria.

Senra pediu que as institucións comunitarias actúen de forma inmediata e que tamén lle pidan explicacións ás autoridades estatais e galegas competentes na materia. “É este o concepto de minaría sostible do que tanto se lle enche a boca cando fala tanto a UE como o Estado español como a Xunta de Galiza? Estas actuacións, no caso de ser certas, vulnerarían claramente normativas europeas como a Directiva 20/60/CE de Protección e Xestión da Auga que persigue unha maior protección e mellora do medio acuático mediante a supresión de vertidos e substancias perigosas e un bo estado químico do recurso hídrico; e a Directiva 2004/35/CE de responsabilidade medioambiental que establece un marco común de responsabilidade para previr e reparar os danos causados aos hábitats naturais, a biodiversidade e os recursos hídricos que supoñan un risco importante para a saúde humana. Fagan o que faga falta para investigalo xa!”, reclama.

A intervención que realizou Senra este luns pola noite no pleno do Parlamento Europeo súmase á pregunta parlamentaria que hai algo máis dunha semana rexistrou esta mesma eurodeputada na Comisión Europea para denunciar o proxecto da nova mina de extracción de cobre que pretende abrir na mesma contorna a empresa Cobre San Rafael S.L e que afectaría directamente aos concellos de Touro e O Pino, onde ocuparía unha área de 689 hectáreas, das que se extraerían 267 millóns de toneladas durante 16 anos e medio.

Lidia Senra reunida en Arinteiro con veciñas e veciños de Touro e O Pino preocupados pola minaSenra puido comprobar sobre o terreo esta pasada fin de semana que estamos a falar dunha zona na que o 70% dos terreos a ocupar son leiras agrícolas e forestais en activo, con núcleos de poboación moi próximos como o de Arinteiro, que quedaría literalmente rodeado por un muro de 80 metros de alto que se construiría para albergar unha das balsas de residuos.“O impacto social que tería esta nova mina sería brutal. Non estamos a falar de simples molestias”, defende. A eurodeputada considera que dito proxecto non é compatible coa Directiva 2006/21/CE e que as propostas para o almacenamento e tratamento dos residuos carecen de garantías. “Eses materiais extraídos producirán constantemente drenaxes ácidas capaces de contaminar, como xa se ve que pasou e sigue a pasar na mina antiga, augas superficiais e subterráneas con metais pesados, incluíndo substancias perigosas”, denuncia a eurodeputada.

A parlamentaria pide ademais non esquecer que estamos a falar de que a nova mina se instalaría nunha área pola que pasa o Camiño de Santiago, podendo verse moi afectadas non só as explotacións agrícolas e gandeiras da contorna, senón as iniciativas que viven do turismo. Así, Senra insta á CE a tomar medidas para protexer esta zona e anima a toda a sociedade a amosar a súa enérxica oposición ao proxecto. “Só a loita poderá frear semellante aberración. Hai anos foi Corcoesto. Hoxe temos que parar a barbaridade mineira que pretenden en Touro-O Pino”, di.

Pregunta mina touro

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies