- Esixiu claridade na etiquetaxe e limitacións aos fertilizantes químicos; estudos independentes e públicos e apostar polo modelo agroecolóxico
- Criticou a complicidade da Unión Europea no espolio dos recursos naturais do pobo saharaui a través da importación de rocha fostatada
Estrasburgo, 23 de Outubro de 2017. Durante a tarde de hoxe -primeiro día da sesión plenaria do Parlamento Europeo que terá lugar até o vindeiro xoves en Estrasburgo (Francia) [ORDE DO DÍA]-, a representante do Grupo da Esquerda Verde Nórdica/Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Lídia Senra, esixiu á Unión Europea o establecemento de límites estritos ás substancias químicas nos fertilizantes e a prohibición total daquelas con risco de seren nocivas para a saúde das persoas, animais e medio ambiente. En aras de avanzar na redución do emprego de fertilizantes químicos, demandou o impulso ao desenvolvemento dun modelo agroecolóxico e dunha maior interrelación entre o gando e a agricultura, potenciando a utilización do esterco e fomentando a compostaxe nas propias fincas agrícolas. Deste xeito as labregas e labregos, así como os propios países, serían cada vez “menos dependentes de insumos do exterior, o cal tamén evitaría un maior impacto ambiental e contribuiría á loita contra o cambio climático”.
Esta intervención da eurodeputada galega no marco do debate sobre a proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello para o establecemento de disposicións relativas á comercialización de produtos fertilizantes co marcado “CE” -modificando os Regulamentos (CE) n.º 1069/2009 e (CE) n.º 1107/2009-, tivo ademais un destacado carácter crítico ca política exterior da UE, ao pór sobre a mesa que precisamente a rocha fosfatada, un dos principais compoñentes dos fertilizantes, ten como maior exportador a Marrocos, quen extrae esta substancia nos territorios ocupados do Sáhara Occidental. Cómpre destacar que esta rocha presenta elevados níveis de cadmio, un metal pesado altamente nocivo para a saúde. Fonte a esta situación, “as institucións europeas teñen que garantir a soberanía do pobo saharaui sobre os seus recursos, actualmente espoliados por Marrocos, e non ceder a presións externas en canto ao establecemento dos níveis admitidos de cadmio nos fertilizantes” reiterou unha vez máis Senra, que xa no mes de xullo deste ano dirixiuse á Comisión Europea a través dunha pregunta parlamentaria para denunciar estes feitos.
Na liña de pór sobre a mesa as cuestións xeopolíticas que se agochan tras as dinámicas comerciais da UE, a eurodeputada galega valorou que “o marcado CE debería estar reservado unicamente para os produtos da Unión Europea”, incidindo en que a etiquetaxe dos produtos fertilizantes ten que ser clara, “con informacións doadas de entender de todas as substancias que conteñen, e traducidas a tódalas linguas oficiais dos Estados membro onde se estean a comercializar”.
Aliás, Lídia Senra esixiu o estrito respecto ao principio de precaución nos procedementos de avaliación, para o que, á vista da confirmación da manipulación que algunhas empresas están a facer do resultado de estudos científicos -como no caso dos papeis da Monsanto abordado a pasada semana no Parlamento Europeo-, “os organismos de avaliación da conformidade deben ser públicos e basearse en estudos e análises independentes, transparentes e públicos, e seren actualizados continuamente”. “So deste xeito se poderá garantir que non se están a comercializar fertilizantes ca marca CE que prestan risco para a saúde humana, animal, vexetal ou para o medio ambiente”, concluíu a eurodeputada.