- Lídia Senra lanzou hoxe a recollida de sinaturas no PE en apoio a unha carta á CE demandando medidas urxentes contra os incendios
- Chama a ter en conta o cambio climático nas políticas de prevención, pór fin ao monocultivo de eucaliptos e apoiar as labregas/os na UE
Bruxelas, 19 de outubro 2017. Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acaba de lanzar unha carta dirixida aos comisarios de Medio Ambiente e Agricultura da UE -Karmenu Vella e Phil Hogan- na que esixe á UE a urxente posta en marcha de políticas de revitalización do rural. A eurodeputada galega demanda accións políticas que permitan o “mantemento e instalación de pequenas e medianas granxas familiares, así como un sistema público e permanente de prevención e loita contra os incendios que teña en conta os efectos do cambio climático”. Tamén esixe a fin do monocultivo de eucalipto e da súa expansión por terras agrarias.
Esta é a segunda misiva nunha semana que a eurodeputada galega dirixe á Comisión Europea logo da que enviou o pasado luns ao seu presidente, Jean Claude Juncker, para dar conta da alarmante vaga de incendios que estes días asolou amplas zonas de Galiza, Portugal e Asturias, provocando enormes darnos en vivendas e decenas de mortes ao seu paso.
Na carta impulsada hoxe Lídia Senra busca visibilizar o apoio de eurodeputadas/os de distintos grupos políticos contra o actual modelo de prevención e extinción de incendios, alertando da súa precariedade: “existen diferentes tipos de contratación de persoal, dende profesionais contratados todo o ano ata fixos descontinuos, eventuais, traballadores de empresas privadas subcontratadas e persoal da administración local, estatal e do exército”, abondou. Fronte esta precariedade, manifesta no caso galego, a eurodeputada defende neste texto “sistemas públicos e profesionais que garantan condicións dignas para os traballadores e traballadoras e para manter os labores de prevención e coidado do monte de xeito ininterrompido”.
Diante dunha política forestal e de prevención “nefasta”, chamou ás eurodeputadas/os a promover medidas que teñan en conta “os efectos do cambio climático e o incremento das temperaturas e das secas, que están provocando a desestacionalización dos lumes forestais”. Ademais, a eurodeputada galega reitera que é “indispensábel” a revitalización do medio rural con pequenas e medianas explotacións, para o que esixe na carta promovida hoxe “o apoio decidido ao mantemento e instalación de campesiñado que produza alimentos en todo o territorio, poñer fin á forestación das terras agrarias e ao monocultivo do eucalipto e do pino, e apoiar a recuperación e o valor social dos montes autóctonos como fonte de riqueza e diversidade”. Senra considera que unha reforma “en profundidade” da PAC tería que basearse sempre nestes criterios.
Na súa comunicación a eurodeputada sinala tamén que, como demostran os graves incendios desta última semana, estamos ante un fenómeno que afecta a moitos países da UE e que ten “carácter internacional”, polo que ve urxente realizar “unha reflexión profunda sobre as causas do lume e os intereses que hai detrás del”.
A recollida de sinaturas manterase aberta até o vindeiro venres 27 de outubro. Nestas primeiras horas varias ducias de eurodeputados/as manifestaron xa o seu apoio.