- Remítelle unha carta de urxencia ao presidente da Comisión Europea instándoo a porse en contacto de forma inmediata coas autoridades galegas e estatais ante a incompetencia que demostran
- A eurodeputada galega defende que a descoordinación e falta de medios para facerlle fronte aos lumes é intolerable e culpa da situación ás nulas políticas de prevención e á promoción do abandono do rural
Santiago, 16 de outubro de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra remitiu este luns pola mañá unha carta de urxencia dirixida ao presidente da Comisión Europea (CE), Jean –Claude Juncker, amosando a súa preocupación ante a “total incompetencia” que están a demostrar as autoridades galegas e estatais para solventar a situación de “caos e alarma” que se está a vivir na Galiza por mor dos incendios forestais. Na misiva, Senra pídelle ao ente comunitario que tome inmediatamente cartas no asunto e se poña en contacto tanto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como co presidente do Goberno estatal, Mariano Rajoy, para coordinar un servizo efectivo de prevención e extinción que permita facerlle fronte ao que agora é prioritario: apagar canto antes os lumes que aínda continúan a prender o pánico e a poñer en risco vidas e inmobles despois desta fin de semana fatídica.
A europarlamentaria galega, que é membro do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica, tacha de “intolerable” a “descoordinación e falta de medios” que se está a ver para facerlle fronte a unha situación que provocou xa centenares de desaloxos de vivendas, inmobles ardidos, a morte de polo menos 4 persoas presas das lapas e estradas cortadas. “Unha vez máis, está a ser a poboación, ante a falta de resolución e incompetencia total por parte das autoridades galegas e estatais, a que está a intentar salvar coas súas propias mans as súas fincas, casas, bens materiais e animais”, informa Lídia Senra a Juncker.
A eurodeputada asegura non ter dúbida algunha de que esta situación de proliferación de lumes, que está a padecer tamén Portugal e Asturias, ten responsables políticos. E centrada na Galiza concretamente, lémbralle ao presidente da CE como leva tempo advertindo de que algo así podía acontecer, máxime cando por parte dos gobernos galego e estatal se siguen a fomentar políticas de abandono do medio rural, siguen a apostar por pechar as pequenas e medianas explotacións agrarias, e alimentan a nefasta política forestal que dá prioridade ao monocultivo do eucalipto e piñeiro e a forestar terras agrarias até as portas das casas.
“Nos últimos tempos temos presentado na CE e no Parlamento Europeo diferentes iniciativas incidindo na necesidade de investir máis en políticas de prevención dos lumes. O cambio climático fai que todo o ano sexa época de risco de incendios e as autoridades lonxe de atender estas análises, siguen empeñadas en non querer ter un servizo público de extinción e prevención de incendios en condicións durante todo o ano, que faga labores de limpeza dos montes e estea alerta todos os meses. Rexeitamos a concepción do lume forestal como un negocio e reclamamos medidas inmediatas que cambien esta situación”, pide Senra na carta.
Así, Senra insta a Juncker a que unha vez que estea concluido o traballo de apagar as lapas que asolan o noso país e que hoxe é o prioritario, recapacite en firme e faga o posible para que desde a Comisión Europea se poñan en marcha medidas efectivas e preventivas dos lumes, que fagan que nunca máis volva a acontecer algo semellante e que pasan necesariamente por adoptar políticas de recuperación da actividade agraria no medio rural; políticas coherentes que lle fagan fronte ao cambio climático; políticas que poñan fin ao monocultivo de eucalipto e piñeiro e á forestación das terras agrarias; e políticas que poñan fin ás medidas de austeridade e recortes nos servizos públicos.
“Exprésolle tamén a miña convicción de que considero necesario que a Comisión Europea abra unha investigación independente sobre as verdadeiras causas que hai detrás dos incendios e sobre a absoluta deixadez e as posibles neglixencias no operativo que se está a levar a cabo por parte das autoridades. Pídolle igualmente que desde a Comisión Europea se estuden posibles vías de axudas para as persoas que se están a a ver afectadas directamente polas lapas”, conclúe a carta de Senra dirixida a Juncker.
Rexistro de pregunta parlamentaria escrita
A eurodeputada galega está a traballar ademais a traballar na posible promoción dunha carta dirixida a Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo, asinada por eurodeputados e eurodeputadas de toda a Unión Europea, e tamén rexistrou xa hoxe pola tarde mesmo unha pregunta parlamentaria por escrito dirixida á CE na que a insta á institución comunitaria a facer uso das súas competencias a través da Política Agraria Común (PAC) para revitalizar o medio rural e poñer fin á forestación descontrolada e ao monocultivo do eucalipto e recuperar a actividade gandeira e as pequenas e medianas explotacións na Galiza. Tamén insta á CE a, en base ao Regulamento (UE) n.° 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, a activar o procedemento de liquidación de conformidade no tocante aos 900 millóns de euros previstos polo Estado español no programa de desenvolvemento rural 2014-2020 e os 20 millóns do Goberno da Xunta de Galicia (FEADER e FEDER).
A CE deberá agora contestarlle a Lídia Senra por escrito nun prazo de entre 4 e 6 semanas.