- A Comisión de Agricultura do PE aprobou hoxe un informe co obxectivo de mellorar a recollida dos datos estatísticos agrarios dos Estados
- Senra promoveu que se propoña que as estatísticas europeas inclúan a situación das mulleres ao respecto da titularidade das granxas
Bruxelas, 10 de Outubro de 2017. Na mañá de hoxe a Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo aprobou un proxecto de informe sobre a proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello relativo ás estatísticas integradas sobre explotacións agrícolas. Lídia Senra, representante do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica nesta comisión parlamentaria, presentou unha batería de emendas ao texto “co obxectivo de que os datos que conformarán no futuro o retrato do agro a nivel europeo deixen de invisibilizar o traballo realizado polas mulleres”.
Cuestións directamente relacionadas ca posta en valor do papel que as mulleres representan na produción de alimentos, así como, dende un punto de vista de igualdade a nivel administrativo, o seu propio acceso a certos apoios económicos e, en xeral, o deseño das políticas agrarias, elabóranse en base aos datos estatísticos dispoñíbeis en relación ao contexto agrario comunitario, polo que “a infrarrepresentación das labregas neste punto de partida está a condicionar o desenvolvemento mesmo das políticas agrarias e de desenvolvemento rural”, advertiu a eurodeputada galega. Aliás, esta desigualdade de inicio está a implicar tamén unha significativa dificultade para saber con un mínimo de exactitude “cales son os impactos específicos que as políticas agrarias están a ter nas mulleres labregas”, unha cuestión imprescindíbel para poder proceder á súa reformulación en base ás necesidades e demandas específicas das mulleres que traballan no sector agroalimentario.
Ademais daquelas engádegas presentadas por Lídia Senra ao texto orixinal co obxectivo de garantir a obtención de datos desagregados por sexo nos estudos estatísticos da Unión Europea, cabe salientar que unha das enmendas realizadas pola eurodeputada galega recollidas neste informe avanza nunha demanda histórica das labregas galegas e europeas en xeral: a da titularidade compartida nas explotacións agrarias. Así, o feito de poder acceder en vindeiros estudos a un retrato real da situación das mulleres labregas en relación á titularidade das explotacións agrarias “permitirá visibilizar a discriminación existente e poderá axudar a presionar aos Gobernos dos Estados para que poñan en marcha medidas que realmente avancen na titularidade compartida das granxas”, analizou Senra. “Cando falamos de recoñecemento dos dereitos das mulleres labregas, temos que falar de titularidade das explotacións”, recalcou.
Ademais, dada a precaria situación económica da maioría de granxas europeas -abafadas por unha Política Agraria Común feita á medida da agroindustria e non do campesiñado-, en moitas ocasións só a persoa que figura como titular da explotación cotiza á Seguridade Social, o cal implica que moitas veces as mulleres labregas que traballan nas explotacións familiares fican especialmente vulnerábeis cando acadan a idade de xubilación, xa que non poden acceder a unha prestación económica digna.
Por último, cabe lembrar tamén que, nesta liña de traballo a prol dos dereitos das mulleres labregas, Lídia Senra foi poñente da Resolución sobre as mulleres e o seu papel nas zonas rurais, aprobada en marzo deste ano, na que o Parlamento Europeo instou aos Estados membros a velar polo pleno recoñecemento da participación das mulleres na xestión das explotacións agrarias, promovendo e facilitando o seu acceso á propiedade y copropiedade das mesmas.