- Acusa ao Estado de non estar disposto a dialogar e pide “altura de miras” á UE para facer cumprir a súa Carta de Dereitos Fundamentais
- Alerta de que consentir máis represión contra o pobo catalán e as súas institucións afondará na desafección existente con respecto á UE
Estrasburgo, 04 de Outubro de 2017. Lídia Senra reclamou hoxe na sesión plenaria do Parlamento Europeo unha maior implicación da Unión Europea para facer fronte á situación de vulneración de dereitos humanos que o Estado español está a provocar en Catalunya. Á vista do expresando onte por Felipe VI, “ficou claro que o Estado non está disposto a dialogar”, lamentou a eurodeputada galega, “non so empregou un ton intolerante e parcial, se non que non tivo nin un so xesto coas vítimas da brutal represión policial”.
Facéndose eco das valoracións do Equipo Internacional de Investigación de Expertos/as Electorais (IEERT) desprazados a Catalunya, cuxas conclusións foron dadas a coñecer nestes días pola Dra. Helena Catt, voceira desta delegación, Senra aproveitou a súa intervención para citar textualmente parte deste informe: “Asistimos a acontecementos que ningún observador de eleccións debe testemuñar xamais. Agardamos non voltar presenciar nunca escenas desta natureza. Vimos numerosas e repetidas violacións dos dereitos civís e humanos. Inda máis, fica claro que foi unha operación orquestrada, de estilo militar, coidadosamente planeada. Deixounos atónitos que oficiais armados e enmascarados entraran nas mesas electorais co propósito de impedir un proceso democrático pacífico”. O texto presentado polo IEERT, ademais, invocou a respectar o proceso do referendo.
Fronte a situación de forte tensión creada en Catalunya, Lídia Senra exhortou ás institucións comunitarias a ter “altura de miras” e facer cumprir os seus valores, asumindo dunha vez por todas que “o Estado español vulnerou os dereitos humanos e a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea durante o referendo catalán”. Unha Unión Europea que elude a súa capacidade de mediar neste conflito é unha UE integrada por “unhas institucións que renuncian aos seus valores fundamentais”, denunciou. “Consentir máis represión sobre o pobo catalán e as súas institucións só provocará máis desafección da Unión Europea”, advertiu, “invoquen xa o Artigo N°7 do Tratado da Unión Europea e non consintan máis vulneracións dos dereitos humanos”.
Aliás, nunha reunión mantida onte polo Grupo Confederal da Esquerda Verde Nórdica/Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), a eurodeputada galega trasladou ás formacións políticas deste seu grupo parlamentario a nivel europeo a emoción vivida en Catalunya o pasado domingo[1]. “Nunca esquecerei ver ás persoas maiores, e non tan maiores, nas mesas dos colexios electorais, chorando de impotencia e de raiba ante a situación que estaban vivindo. Eu nunca esquecerei como cada persoa que conseguía votar vivíao como unha enorme vitoria e un grande triunfo democrático”, relatou.
Así pois, para comezar a falar de superar a actual situación de conflitividade, abondou Senra no seu informe ao GUE/NGL, “primeiramente hai que entender que Catalunya non é España. Temos que comprender iso porque, se non, caemos na tentación de pensar que nós somos quen temos que dicir o que ten que facer o pobo catalán, e iso correspóndelle exclusivamente ao pobo catalán, igual que nos corresponde ao pobo galego ou ao pobo vasco decidir sobre o noso futuro”. Asemade, subliñou que “é un exercicio de democracia entender, respectar e recoñecer os resultados do 1 de outubro”, a culminación dun proceso que visibilizou que “loitando polo dereito de autordeterminación e a independencia hai sectores de toda a sociedade catalá”.
Ademais, a eurodeputada galega instou ao GUE/NGL a posicionarse esixindo a saída de Catalunya da Policía Nacional e da Guardia Civil, xa que a súa presenza “está xerando confrontación, crispación e provocación”; así como a non tolerar e facer fronte ás ameazas de suspensión do autogoberno de Catalunya insinuadas dende o Goberno central. A situación que se está a vivir nestes momentos no Estado español, “é unha oportunidade para avanzar en democracia e dar inicio á creación da Europa dos pobos en lugar da actual Europa dos Estados represores que non permiten o dereito de autodeterminación dos pobos que conforman as súas realidades plurinacionais”, concluíu Lídia Senra.
[1] Pódese acceder ao informe presentado onte na reunión do GUE/NGL a través deste enlace: https://www.youtube.com/watch?v=Lly–z3PqAo&feature=youtu.be