- Lídia Senra considera “impresentable” que unha cuestión técnica supoña a perda de dereitos dos traballadores e traballadoras do mar
- A eurodeputada recorda que Bruxelas deixou moi claro que o encargado de fixar coeficientes redutores do sector pesqueiro é o Estado
Bruxelas, 19 de setembro de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), esixe unha vez máis que se garantan os dereitos sociais das traballadoras e traballadores dos buques conxeladores aos que o goberno do Estado español lles está retrasando a idade de acceso á xubilación malia negar, en reiteradas ocasións, que isto fora suceder. Unha nova circular do Instituto Social de la Marina (ISM) teima en deixar sen o coeficiente redutor do 0,40 aos empregados e empregadas de arrastreiros e palangreiros conxeladores, aos que se lles aplicaba a redución do tempo de traballo máis elevada debido á especial dureza do seu traballo en alta mar, con longos períodos lonxe dos portos.
“Esta nova comunicación do ISM é unha proba de que o Goberno español mentía cando aseguraba que garantiría o coeficiente redutor máximo para estes traballadores e traballadoras, xustificándoo nun mero axuste técnico sen consecuencias para o sector. Unha cuestión deste tipo non pode supoñer a perda de dereitos para os mariñeiros e mariñeiras”. Esta nova circular establece que a atribución do coeficiente redutor se vai facer usando como criterio o tipo de arte e as toneladas de rexistro bruto das embarcacións, o que prexudica de xeito moi grave ao persoal dos barcos conxeladores.
A eurodeputada galega reitera “que o Estado ten que solucionar xa esta situación e non pode ampararse máis en axustes esixidos pola UE nin moito menos en supostos erros no cruce de datos coa Dirección Xeral da Mariña Mercante na aplicacións dos coeficientes para manter máis tempo na incerteza e na angustia ao sector e arrebatar dereitos aos traballadores e traballadoras”. Senra lembra que o propio comisario europeo de Pesca, Karmenu Vella, respondeu nos últimos meses a dúas preguntas súas sobre as consecuencias do regulamento de rexistro comunitario da frota pesqueira, no que o Estado se amparou para xustificar axustes no cálculo dos coeficientes. O Goberno español, por medio da Representación Permanente ante a UE en Bruxelas, explicaba entón que o regulamento comunitario non inclúe palangreiros, cerqueiros e certos arrastreiros considerados ata agora conxeladores, pero tamén aclaraba que é o Estado quen ten a responsabilidade de fixar o marco de acceso á xubilación dos tripulantes.
“Pola circular que acabamos de coñecer, vemos que os axustes que se prometían inofensivos se están facendo contra os traballadores e traballadoras, obrigando a tripulacións que exercen tarefas moi duras e perigosas a traballar máis tempo e revisando de novo á baixa os dereitos sociais dos empregados e empregadas dos buques”. “Gustaríame saber agora que explicación ten o Goberno español para esta comunicación na que se teima en non aplicar o 0,40 de coeficiente redutor a buques que ata agora o tiñan, cando hai meses no Congreso dos Deputados se asegurou que estaba en fase de solución”, reprobou Senra.