- Ve con preocupación as xuras de bandeira española para civís e a insistencia das Subdelegacións do Goberno para que se participe nelas
- Tacha de inaceptable a actitude do Concello de Ordes organizando unha homenaxe ao Soldado Lois, declarado “heroe” do franquismo
Santiago, 8 de setembro de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), critica os actos de exaltación do patriotismo español que está a impulsar o Goberno estatal na Galiza, en colaboración con institucións públicas, cun claro carácter anacrónico e que lembran a épocas máis propias do franquismo que da democracia. “Acepten dunha vez a realidade plurinacional do Estado e o dereito a decidir de cada unha das nacións que conforman esta realidade”, reclama Senra, para quen a proliferación de xuras de bandeira española para civís que se están a dar no noso país nos últimos tempos non é máis que outro intento desesperado por exacerbar o nacionalismo español para agochar a crecente reivindicación do dereito dos pobos a decidir que se está a dar co procés de Catalunya.
Senra fai esta valoración na antesala de que teña lugar, por exemplo, unha xura de bandeira española para civís na praza de María Pita, na Coruña, organizada polo Exército, que se levará a cabo este sábado; e outra xura de bandeira española para civís organizada tamén polo Exército en colaboración co Concello o domingo coincidindo coa homenaxe anual ao Soldado Lois, na vila de Ordes. Marín e Ferrol xa acolleron actos semellantes nos últimos meses e para decembro está previsto que teña lugar tamén un en Pontevedra.
A parlamentaria dá conta de que tamén nos están chegando noticias de que as Subdelegacións do Goberno están a insistirlle aos responsables das diferentes institucións públicas, organismos, asociacións e sectores sociais de cada lugar para que participen das xuras de bandeira ao longo de todo o territorio, o cal considera que non é de recibo e que lembra a épocas que deberían estar totalmente superadas.
Concretamente no caso de Ordes, a parlamentaria galega ve ademais un claro exemplo de exaltación do franquismo que non se debería tolerar. O Concello conmemorará o oitenta aniversario da morte do ordense Manuel Lois García (o Soldado Lois) no cruceiro Baleares -cruceiro da Mariña Española que formou parte da Armada franquista durante a Guerra Civil-. E ademais de facer a tradicional ofrenda floral e unha misa, como todos os anos, organiza desta vez unha xura de bandeira española para civís. En efecto, o propio Concello encargouse de facer publicidade do evento e de repartir as instancias que deben cubrir as persoas que quixeran facer o xuramento de bandeira. O evento terá lugar onde está o monumento ao Soldado Lois e ao Cruceiro Baleares, na Alameda de Ordes, na Avenida que aínda a día de hoxe leva o nome de Alfonso Senra, quen fora membro do Tribunal de Responsabilidades Políticas durante a Ditadura. “Como a día de hoxe se poden seguir tolerando actos deste tipo, impulsados polas autoridades públicas?”, preguntouse Lídia Senra, que lembrou que mentres isto se permite, no mesmo concello, en Ordes, e precisamente no cemiterio onde se instalou un mausoleo ao Soldado Lois, hai unha fosa común onde eran fusilados os defensores da democracia que aínda non foi investigada.
Senra, que está ademais á espera de que a Comisión Europea se pronuncie sobre a denuncia cursada por ela a finais de agosto referida á exaltación do franquismo que leva a cabo a Fundación Francisco Franco no Pazo de Meirás, pide a todos os sectores sociais que reflexionen sobre estas situacións. Todos os Estados deben cumprir a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE e a Decisión Marco 2008/913/JAI contra o racismo e a xenofobia. Sen embargo, parece obvio que no Estado español, levándose a cabo prácticas de exaltación do franquismo como as mencionadas, conservando aínda rúas e monumentos dedicados a franquistas e poñendo trabas para que as familias poidan recuperar aos seus mortos, máis que avanzar no respecto, estase a facer todo o contrario.