- Considera que o proxecto, con graves problemas de contaminación, non podería pasar unha rigorosa avaliación de impacto ambiental
- A deputada galega reclámalle á CE que tome medidas para que as autoridades locais, galegas e estatais cumpran as directivas europeas
Santiago, 1 de setembro de 2017. Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), insta á Comisión Europea a investigar o proceso de autorización dunha planta asfáltica que produciría mestura bituminosa en quente na Canteira de Bouzas, no lugar de Parada de Ribeira, que obtivo o visto e prace do Concello de Xinzo da Limia este pasado maio. Senra rexistrou esta semana unha pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea (CE) na que pon ao ente comunitario ao tanto da situación deste proxecto da entidade mercantil Obras, Pavimentos e Instalacións Industriais S.L, (OPAIN), que contempla unha produción de 260 toneladas/hora nunha zona próxima a áreas protexidas e de interese arqueolóxico, con serios riscos ademais de contaminación para a poboación próxima.
A europarlamentaria denuncia que dita instalación está a 1.500 metros da zona de especial protección para aves ZEPA da Limia, que hai restos arqueolóxicos castrexos catalogados a escasos metros e unha carballeira centenaria documentada. Ademais, máis de 10.000 persoas dos núcleos de poboación máis próximos veranse afectadas directamente pola contaminación que a planta pode ocasionar na saúde das persoas, na auga e no aire, polo que, ante tales circunstancias, parece lóxico que dito proxecto non podería pasar unha rigorosa avaliación de impacto ambiental previa para a súa autorización. A cuestión é especialmente preocupante tendo en conta que os fumes de asfalto están compostos por azufre, óxidos de nitróxeno, hidrocarburos aromáticos policíclicos, nafta, benceno, arsénico e metais pesados volatilizados.
Ante esta situación, Lídia Senra insta á CE a poñerse en contacto coas autoridades estatais, autonómicas e locais para tomar medidas que fagan cumprir a Directiva 2008/1/CE relativa á prevención e ao control integrados da contaminación. Senra tomou esta iniciativa despois de reunirse hai unhas semanas e visitar a zona cos membros da Asociación de Veciños de Muiño de Lama, que levan recollidas máis de 4.500 sinaturas contra este proxecto que ademais, podería provocar un aumento de temperatura na zona, co conseguinte aumento de riscos de incendio nunha provincia que a día de hoxe xa rexistra as temperaturas máis elevadas de toda Galiza. A CE deberá posicionarse sobre este tema nun prazo de entre 4 e 6 semanas.