- Insta á Comisión Europea a posicionarse ante o insulto que é para as vítimas que esta Fundación realice as visitas guiadas ao Pazo de Meirás
- A eurodeputada considera que se están a vulnerar a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE e a Decisión Marco contra o racismo e a xenofobia
Santiago, 21 de agosto de 2017. Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), decidiu levar ante a Comisión Europea (CE) a actitude da Fundación Francisco Franco e a situación na que se atopa o Pazo de Meirás, cuxas visitas guiadas son xestionadas directamente por esta Fundación.
Senra rexistrou unha pregunta por escrito dirixida ao ente comunitario na que a informa da “grande indignación na Galiza e no resto do Estado español que está a xerar” o feito de que a Fundación Francisco Franco estea a xestionar desde hai meses as visitas guiadas ao Pazo de Meirás, un Ben de Interese Cultural (BIC) cuxa propiedade ostenta a familia do ditador, “tras ser espoliado ao pobo a través de expropiacións de terras e extorsión con subscricións populares obrigatorias”. Senra considera intolerable que a Fundación asegurase hai unhas semanas que para ela é “unha honra e unha excelente oportunidade mostrar ao gran público a grandeza da figura de Francisco Franco”.
Ante esta situación, e tendo en conta que todos os Estados membros deben cumprir a Decisión Marco 2008/913/JAI do Consello, relativa á loita contra o racismo e a xenofobia, Lídia Senra pídelle á CE que se posicione sobre se considera que estamos ante un insulto ás vítimas do franquismo e ante un exercicio de apoloxía do xenocidio e da Ditadura. Así mesmo, pídelle unha posición sobre o feito de que esta Fundación sexa a encargada das visitas guiadas ao Pazo do Meirás.
En aras a cumprir a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, a eurodeputada insta á Comisión Europea a poñerse en contacto co Estado español e coa Xunta e tomar as medidas que sexan necesarias para atallar esta situación, condenar o franquismo e esixir a prohibición real da apoloxía da Ditadura franquista.